Veño de pasar uns días en Santander no IX Congreso da Asociación Española de Estudios Literarios Hispanoamericanos. Levaba unha ponencia de Pizarnik. Sempre Pizarnik. Linguaxe. Silencio. Poema.
Podería atreverme a dicir que o mellor deste tipo de congresos, onde hai tres ou catro mesas paralelas, son as conversas de despois das comunicacións, dos almorzos, dos cafés, das noites. Entre outras cousas porque son conversas nas que sempre rematamos falando da palabra.
E nunha desas conversas, cun especialista en Huidobro ao que lle faltan poucos anos para a xubilación, falamos das mudanzas na carreira de filoloxía ao cabo dos anos, dos ritmos, de como se estudiaba daquela, e como agora. Pero non, ollo, sen dramas, cun chisco de nostalxia, pero sen dramas.
E así, chegamos ao leit-motiv da conversa, desas tertulias literarias que eu nunca vivín e que si formaron unha parte fundamental na vida e formación deste profesor cando aínda era alumno. Envexa.
Partillar a literatura, as descubertas. O tempo. Inevitábel pensar se no meu tempo xa non. Se había máis conciencia de grupo nos setenta. Esa necesidade de quedar para falar e falar e fechar o café e ir dereito ao traballo ou á facultade. De onde esa paixón? Esa cohesión? As circunstancias sociais? O contexto?
No diccionario de latín VOX: conversatio, -onis: uso frecuente de algo/ comercio, trato. Di o diccionario da RAG na forma do infinitivo: Falar (unha ou máis persoas) de maneira máis ou menos familiar sobre calquera tema. No Moderno Dicionário de Lingua portuguesa: Falar com alguém; palestrar; conviver; tomar consello; Pop. Namorar. V. tr. Sondar o pensamento de; tratar intimamente (L. conversari). O diccionario da RAE: Acción y efecto de hablar familiarmente una o varias personas con otra u otras.
A conversa, o pracer da conversa, da palabra, en todo o seu abano de matices: parolar, latricar, charlar, departir, dialogar, parrafear, leriar…sen perder de vista esa connotación que recollen varias acepcións: a intimidade.
Volvo ao rego. A conversa. Flash-back: Os camiños da vida. Arraianos. Pensa Nao. As rulas de Bakunin. Os traballos comunais e a oportunidade que daban de falar, de escoitar. Porque a conversa é iso. Sobre todo escoitar. E o respeto por quen falaba ben, polos bos oradores (Papá de cativo, falando vinte minutos no comedor antes do xantar para o resto dos compañeiriños. Papá aprendendo a ler no diccionario, e ese concepto que sempre me pareceu potentísimo: aumentar o vocabulario). A palabra. A palabra. Contar os contos.
Ao mellor é que o concepto foi mudando cos tempos. Os traballos comunais xa non. As tertulias de café trasnoitadas. Sen embargo nunca tan comunicados como agora. Porque esa necesidade inherente non desaparecerá nunca.
Poucas cousas tan estimulantes e fascinantes como unha boa conversa, rectifico, coma un bon ou boa conversadora.
8 Comentarios so far
Deixar un comentario
un pracer lerche. E husmeando polas túas cousas invento un mapa do tesouro que ten a fermosa perdida garantida.
Comentario por karlotti 21/09/2010 @ 23:58Un luxo as túas aproximacións a Pizarnik.
E os poemas que fun lendo.
saúde e unaha aperta
k
O pracer é meu Karlotti por ter un lector coma ti. Apertas
Comentario por dorestembras 22/09/2010 @ 09:53Comparto a placer da conversa.
Comentario por Alfonso Tembras 22/09/2010 @ 13:21Fun ver a exposicion de Manuel Suarez. Gustoume moito pero non puiden disfrutala como se merece. Unha pobre rapaza, moi amable, estaba pendente de min e dábame rabia facela estar alí por min
O que parece que non compartimos é o xen literario e poético nen o relacionado coa caligrafía: tes unha preciosa caligrafía e eu, a pesares dos esforzos das monxiñas, teño unha letra de pena…
Como me aleda que te achegases á exposición Alfonso. E o da caligrafía só é poñerse…
Comentario por dorestembras 26/09/2010 @ 15:58Tema 1: A Comunicación. Comunicar é transmitir información, míntolles aos meus alumnos. E logo digo unha verdade, comunicar é máis, é compartir, relacionarse co outro. Por iso quedo coa definición do diccionario portugués, conversar-convivir.
Comentario por abm 22/09/2010 @ 22:10Fermosísimo post, Dores. Inspirador.
Nostalxia do non tido.
aínda hai pouco escoitei:
Comentario por zeltia 22/09/2010 @ 22:48falar é o pracer dos que xa non poden facer
pareceume falso e triste.
Pero algo diso hai Zeltia, penso nos anciáns que viven da memoria na conversa. E ademáis fai referencia ao poder da palabra. O que non me gusta en absoluto é a opsición pretenciosa entre acción e palabra, iso si é falso.
Comentario por dorestembras 26/09/2010 @ 16:02[…] hai algún tempo da conversa, do pracer da conversa. Inicio hoxe unha nova sección de podcast no blog arredor deste concepto. […]
Pingback por Podcast #1: Conversa con Anxo Angueira – 30/10/2010 « Sucos: blog de Dores Tembrás 13/11/2010 @ 20:45