Sucos: blog de Dores Tembrás


PontePoética en Pontevedra
19/04/2012, 09:05
Filed under: Evento, poesia, recital

Teño a grande alegría de participar nesta edición de PontePoética. O venres 20 e o sábado 21 a poesía tomará Pontevedra. O Festival, dirixido por Yolanda Castaño en colaboración co Ateneo de Pontevedra, que vai pola súa segunda edición, reúne desta volta aos poetas galegos Estevo Creus, Xosé María Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa e mais eu, ao vasco Edorta Jiménez, o catalán Eduard Escofett, a malagueña María Eloy-García, e tamén contará coa presenza do poeta portugués, Nuno Judice e a poeta eslovena Veronika Dintinjana.

En sesións de tarde e noite no Teatro Principal: O venres ás 18:30 e ás 20.00. E o sábado ás 17:00 e ás 18:30.



Encontro con escritores
18/04/2012, 09:10
Filed under: creación, Evento, Literatura, poesia

O vindeiro xoves 19 de abril ás 18:00 no centro da UNED da Coruña e dentro do ciclo La creación literaria y sus autores. VII Encuentros con los escritores, terá lugar unha mesa redonda na que participarán Carlos Negro, Yolanda Castaño e eu mesma con Javier Pintor e Xavier Seoane.

Unha boa oportunidade para escoitar e falar sobre a creación e os seus labirintos.



Poesía + Poesía: Obradoiro na Coruña
13/04/2012, 22:01
Filed under: Literatura, Obradoiros, poesia

Teño escrito, noutras ocasións, sobor da importancia que teñen os obradoiros de poesía para min.

Cando son eu quen os conduce, como a posibilidade de achegar o poético a lectores que nun comezo se sinten distantes do xénero, pero tamén a lectores devotos ou inéditos. Sen dúbida o reto é maior canto maior é a distancia que os asistentes me din que sinten coa poesía. E sen embargo sempre o fascinio, a fortuna de que sexa a miña man quen abra a porta.

Cando son eu quen os recibe, como a posibilidade de seguir aprendendo outros xeitos ler.

Obradoiro tras obradoiro, xa sexan adolescentes, mozos que queren ser escritores ou adultos que deciden que desta si, que desta teñen tempo para atreverse a ler o que no pasado non, sempre unha ristra de prexuizos e tópicos que se confesan con máis ou menos pudor.  E daquela unha faísca de carraxe apunta nos meus dedos.

En que momento a poesía non? En que momento da vida se nos fai crer que a poesía é so para lectores avezados, para lectores que por ciencia infusa entenden a Quevedo e Góngora? En que momento a onomatopeia e a aliteración suplantan o principio dos principios ao ler poesía: a intuición, a capacidade de emoción da que todos estamos dotados?

Velaí radica para min un dos problemas máis graves.

Sen dúbida o modo canónico de achegar a poesía a nenos-adolescentes-adultos, na maior parte dos casos, non é eficaz. Cando menos non é fructifero á hora de formar lectores futuros de poesía.

E onde fica o desfrute, o éxtase que pode experimentarse cando damos cun poema, cun poeta que escribe para nos, que nos escritura?

Por sorte eu tiven moitas mans a abrirme portas. A poesía na casa, na escola.

No mes de maio dará comezo un novo obradoiro que organiza a librería Cascanueces na Coruña, un espazo para a descuberta de poetas galegos contemporáneos, de poéticas interesantes, un espazo no que aprender outros xeitos de ler, os distintos camiños que poden levarnos ao centro da palabra. É un obradoiro concebido para lectores ou escritores, para recén iniciados ou expertos. É un obradoiro concebido para o desfrute. Para afondar na linguaxe, no prodixio do mecanismo do poema.

O prazo de matrícula xa está aberto. Arrincamos o 8 de maio, tódolos martes de 18:00-20:00 durante tres meses. Número de prazas limitado.

Máis información: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Estou desexando que nos demoremos en calquera verso, no que ti escollas. Estou desexando coñecerte.