Sucos: blog de Dores Tembrás


XIV Aniversario do Coro Cantabile
16/07/2016, 11:18
Filed under: arte, artigo, Evento

IMG_20160716_120828

Quizais sexa pola escaseza de momentos así, polo extraordinario da elevación que nos sobrecolle, sen decatarnos.
Onte, sentada, escoitando, pensaba en que tódolos tópicos son verdade, as voces “cristalinas” “celestiais” “anxelicais”.

Hai tantos aspectos extraordinarios no que aconteceu onte no XIV Concerto de Aniversario do Coro Cantabile, que non sei se debo arriscarme a enumeralos.

Comezando polo feito de que unha cidade como A Coruña conte cunha asociación coa sensibilidade de cultivar a música na infancia e mocidade, nun proxecto no que a formación ten un gran peso, e onde a disciplina e o amor se miden a partes iguais.

O concerto de onte foi unha celebración. O presidente Xulio Loureiro falaba de emoción, de que a música é unha ferramenta para comunicar, para tocar ao outro a través da emoción: emotio, emotionis, “facer mover”, “sacar do lugar habitual”, desprazarnos e ser outros na nosa relación co mundo. Celebralo.

Pero ese acontecemento extraordinario que tivo lugar onte para un público atentísimo na Igrexa de San Nicolás, acontece cada sábado nos ensaios do coro. A franxa de idade abrangue dende os 8 ata os 22. E todos e cada un dos coralistas contribúen de forma definitiva a este suceso excepcional. Cantabile é a suma de todas e cada unha destas voces individuais, que aprenden e saben que fundíndose dan lugar a algo único. A xenerosidade é alicerce dende a natureza do proxecto.

Penso no seu director, Pablo Carballido, colocando con xesto case imperceptíbel o lugar preciso que cada voz ten no espazo antes de comezar. O presidente falaba onte de que é el xustamente o fío condutor que, máis que aglutinar, ampara estas 95 voces ao longo destes catorce anos. A súa labor, onde a profesionalidade e a paixón son un continuum, non xera máis que admiradores perplexos e agradecidos ao seu paso. E isto non é máis que un indicio da persoa ante a que nos atopamos.

Ponlle o ramo a este proxecto a implicación dos pais e nais que conforman a directiva, traballadores incansábeis, especialistas nese traballo invisíbel que logra darlle a todo ese acabado cálido que transcende de inmediato en canto atravesas a porta do local de ensaio.

Onte celebrábanse catorce anos deste proxecto. Sei que estas palabras non fan xustiza a todo o que eles son, pero agardo que amosen a profunda admiración que moitos dos que estabamos onte escoitándoos sentimos por este coro.

Agradecéndollo.

Longa vida a Cantabile!

Advertisements


De fotografía e cine con J. L. Guerín
30/03/2016, 22:16
Filed under: arte, misc

IMG_20160330_193229

Os que seguen serán uns apuntamentos-recordatorio da conversa lúcida desta tarde no Museo de Arte Contemporánea Fenosa da Coruña.

A conversa, os puntos de orixe. O desexo e o tempo de espera. Os filmes desexables no poster que os condensaba, a apropiación daquela imaxe que representaría a película para sempre.

Eisenstein. El prado de Bezhin. Fala el da elipse entre fotográmas, (como método, como ferramenta??) Penso na poesía, no papel activo do lector. El fala de reencher…

Ruina e bosquexo, dous indicios coa mema función, activar un mecanismo no espectardor, unha convocatoria poderosa que actúa tarde ou pronto.

E aparece Daguerre, a súa posta en escena, o tridimensional, os decorados, os trucos.

Watteau (hai tan pouco visto polos ollos de J. Berger) e eu fico prendada ao saber que deseñaba desfiles: dispoñer corpos no espazo.O xogo coa perspectiva.  O que aporta.

E chega Talbot. Henry Fox Talbot. El fala da Imprenta da natureza, e aparece o perixel, negativo e positivo.

A arte de fixar a sombra. As esquiagrafías.

(É o primeiro creador, de calquera disciplina ao que lle escoito falar de Talbot. E faino con tal admiración que non podo deixar de sentirme afortunada por estar escoitándoo.)

La dama de Corinto.

Lewis Carroll. O libro compartido. El hombre que amaba a las niñas. (Embalsamar, cristalizar aquel momento, sublimación do que se esvae.) Alice nena. Alice muller.

Van Eyck. Leal souvenir.  A representación do ideal e do real.

Ghirlandaio.

Cine como arte do retrato.

O pacto entre fotógrafo, cineasta ou pintor co modelo ou actor é similar.

A beleza ten un ritmo interior que require tempo capturar. Fotografía VS Cine.

Tren de sombras. ( Vela contigo hai anos)

A fotografía como fotograma fora de contexto.

Primary.

Unas fotos en la ciudad de Sylvia.

La película está en off. El espectador rellena.

O silencio.  TOUCHÉ.

O SILENCIO COMPARTIDO NUNA SALA NA QUE SE PROXECTA CINE MUDO. ( Eu penso no silencio que se produce no poema, e tamén naquel do auditorio ante un recitado)

Medio para instaurar la imagen en el espectador. Onde nos situamos para instaurar a imaxe no espectador.

Cine como forma de coñecemento.

Ser outro ao remate do filme.

E penso, que podería ter estado falando de poesía.

 

Aplausos.

 

 



De literatura e outras artes
05/09/2013, 14:22
Filed under: arte, Literatura, Obradoiros

literatura_Artes

Arrinca este outuno, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.Tódolos mércores de 19:00 a 20:30.

Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.

Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina  e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre as escenas  que Dostoievski é quen de capturar e algunhas fotografías do s. XIX? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luis Seoane?

Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e  espazos transitados pola interdisciplinaridade.

O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00).

Alí.



a galleta e o óboe
28/06/2011, 19:43
Filed under: arte, petit trèsor, poesia

Hai días ladeaba a cabeza ante o tweet: fago unha peciña pequena de oboe, para unha galleta e para Dores Tembrás. Son eu. A vaidade que me fai sorrir.

Non coñezo a @benxa_otero. E sen embargo, e sen embargo. Tres palabras: galleta, óboe, dores. E é coma sempre. O fascinio que me leva a querer saber. A curiosidade dos ollos que quedan xusto por riba da mesa, pés en punta. E chego ata o Linho do Cuco. E daquela a peza máis fermosa soa na mañá, inesperada. A beleza en 4:31. Secrets. O ouvido inexperto procura un óboe con ollos fechados.

Cada foto, cada encadre, revela uns dedos hábiles. E estudo a forma do óboe, o son. Porque alguén descoñecido, pero non estraño, ligou o meu nome ao dun instrumento que ata agora non. E a galleta, a galleta. A felicidade nada efémera que un tweet deixa na mañá, para levarme onda os segredos, deixándome imaxinar, imposíbel, esa peza de óboe compartida.

Ao mellor ese descoñecido non sabe que a terra, que o liño e o cuco para min. Importa?

Heinos escoitar en directo.

Heille regalar unha galleta a Benxamín Otero.



GV. discreción elocuente
10/05/2011, 18:56
Filed under: arte, artigo, creación

Se non saben voar

perden o tempo comigo

Detéñome a mirar a arquitectura do colo da camisa branca para home e aparece Joyce: Todos desexan ver que creas a obra que meditas. Et voilà. GV. Trala marca o home, Gonzalo Vázquez, a discreción elocuente dunha obra fascinante.

Chego a el da man dun amigo, pero logo outro e outro. Os tres escritores. Como é que eu non…? Sempre a mesma pregunta ante a revelación. Pero non, porque antes diso extravíome en reportaxes, entrevistas, blog, web oficial. Examino con cautela cada unha das entreteas desta proposta que me rinde. Comezando pola deconstrucción no concepto de moda e introducindo vestiario. Hai tralas pezas deste novísimo deseñador un maniquí tatuado de Barthes e Baudrillard.Un seductor habilísimo coa palabra e co patrón.

Leo con intriga o magnífico retrato que lle escribe Gualtiero De Santi e sorrío para min. Arte/Creatividade- Flâneur/Dandy -Materia/Espírito. Entre as últimas palabras: reconquista. Velaí está. Un reapropiarse dos signos e do simbólico sen lixos, despoxados de perversión, sen mácula. Non procuran iso os poetas? Así miro as súas pezas.

Algo en Gonzalo Vázquez lévame a De sobremesa, de Asunción Silva. (Penso naqueles posts, na febre. Agora tamén.) Esa vocación interdisciplinar, renacentista desvela un dos piares fundamentais deste proxecto que é GV. E así detéñome no Desexo intransitivo. Esas payets con gume, para escintilar na noite. Un poema de coitelas para amosar a pel.

Debilidades comúns. Releo o texto de Gonzalo Hermo que aparece no catálogo, recoñecendo nel ao autor e a súa elegancia atroz da Escola do resentimento. Os riscos da palabra. A seguir lembro aquela resposta no Protexta do deseñador sobre os tecidos e as obras literarias, e no centro Anxo Angueira co Valo de Manselle. Elas, elas, elas: admiradas Ugía Pedreira e Guadi Galego. Mag-ní-fi-cas.

A poética. Sinto necesaria esa reivindicación explícita da poética. E leo entre os versos do seu manifesto a vontade de sofisticación da orixe que parezo perseguir sempre. Así contemplo o traxe que Ugia Pedreira levou no concerto de Marful do Womex.

Axexo no GV lab. Sinto que estou ante un enfant xenial que xoga nos lindes, que gosta de divertirse, que experimenta. Hai na construcción do seu universo un coidado exquisito polo detalle, unha atención extrema á mensaxe implícita de cada peza. O talento posto ao servizo da reinvención. O nacre dos mexilóns escintilando entre cristais, o vermello máis Rosalía.

Quédome co estranamento, co surrealismo, Baudelaire e o antagonista, a devoción por Lois Pereiro, a colección de botóns vermellos, Alicia Fernández, a heterodoxia, María Miramontes, toda a curiosidade polo seu novo proxecto sobre Amor e desexo. A procura de hai semanas, entre o sol, do seu atelier por Compostela.

Sentir o abismo, un precipitarse por cada un dos fíos que me tende, que desganduxo con atención disciplinada, como esixe o proxecto GV, e que só pode conducir á admiración.

Tralo fascinio

inclinación de cabeza.



CAOS: Do persoal e o profesional nas artes
29/03/2011, 12:09
Filed under: arte, Literatura, pensamento

Sempre me interesaron os lindes entre vida e obra. Esa raia máis ou menos difusa, ese pozo de Alice polo que é tan doado escorregar.

Nas últimas semanas seguín con gran interese as Derivas (I, II, III, IV) que o crítico Armando Requeixo nos propón no seu blogue sobre a situación da crítica no noso país: unha análise das circunstancias e problemáticas. Un tema espiñento que el aborda con limpeza e honestidade e que recomendo encarecidamente. A súa lectura fixo que as miñas reflexións se amplificaran, porque nestas derivas tamén o persoal e o profesional. Así tomei camiños non transitados antes, sobre os que agardo volver de vagar noutro momento.

A cuestión central que me ocupa agora é a de considerar o proceso de transferencia d@s artistas nos seus traballos (poético, pictórico, escultórico, musical…) As obras de arte (e as outras) son prolongacións do individuo, en tanto manifestacións; é revelador a este respecto, ata que punto podemos chegar a identificar obra e autor, facemolo a cotío: vin un Kandisky, leo a Valente, palpei un Chillida…

É lóxico entender que as críticas e os parabéns se espellen directamente da obra ao autor.

[Antes de seguir debo confesar a obsesión que mantiven-manteño ao longo dos meus anos de investigadora, chegando case  á impertenencia con outros investigadores de Pizarnik (sobre todo norteamericanos) que traballaban ao mesmo nivel vida e obra. Sempre me pareceu isto terriblemente empobrecedor, apoiar a análise da poética nas circunstancias vitais do creador devaluaba a riqueza da creación. Fago esta aclaración porque non é contraria ao que tento expoñer hoxe aquí.]

Isto levoume a reflexionar sobre se todo é persoal. Repítome a pregunta a calquera hora. Coido que si. Todo é persoal. Pero encubrimos os nosos xuizos en trampas da linguaxe e ocultamos as vísceras. Para min a profesionalidade non é máis ca unha cualidade do persoal.

Lía estes días unhas notas sobre Boris Vian relacionadas con L’Écume des jours. Esa obra fundamental para el (para min, para millóns de lectores), que só acadaría o recoñecimento merecente moitos anos despois da morte do seu autor.

Esta obra de Vían debía baterse con Terre du Temps, de Jean Grosjean, no duelo polo “Prix de la Pléiade”, fundado por Gallimard. O combate real resolvía non só a calidade-grandeza das obras senón dúas concepcións da literatura moi distintas. Gañou Grosjean. A propósito da reacción de Vian o editor do volume que manexo anota o que sigue: “A reacción do novelista en ciernes é máis forte e máis violenta do que se podería esperar nunha persoa tan anárquica nos seus costumes e tan contraria a condecoracións e celebracións institucionalizadas como era Boris.”

Cando o compromiso do creador é total coa obra, como no caso de Vian, a decepción que pode causar unha mala crítica ou a perda dun premio é persoal. É curioso que un dos epígrafes da introducción do volume a L’Écume des jours sexa: “Boris Vian e a literatura do seu tempo: un escritor á marxe do compromiso”.

Puntualicemos: hai maior compromiso que o que Vian practicaba coa palabra, coa linguaxe, coa renovación da literatura? É mais, é posíbel outro tipo de compromiso?

Vian cambiou para sempre o significado de nenúfar.

Alguén a quen admiro profundamente sempre me di que o único xuiz é o tempo. (Esa metáfora das batallas e a guerra ecoando)

Si.

Pero non podo evitar a fenda ao saber que Vian (e tant@s outro@s) non viviu o éxito da súa obra, o seu.