Sucos: blog de Dores Tembrás


Actuación do Grupo Ouriol
29/09/2009, 12:13
Filed under: Evento, poesia, recital

grupo_ouriol

Mañá mercores 30 ás 20:00 terá lugar na Biblioteca dos Rosales (na Praza Elíptica) o espectáculo poético-musical Soños e poemas de Cirlot, a cargo do grupo Ouriol integrado pola poeta Eva Veiga e os músicos Bernardo Martínez (clarinete e percusión) e Fito Ares ( frauta traveseira e saxos).

Experimentei este espectáculo en xullo, transparencia na voz, intensidade de frauta, percusión que atravesa.

Algo con ás de paxaro, que entre os beizos e a voz vai morrendo.

Cirlot



Intertítulos para tres historias da emigración
28/09/2009, 19:33
Filed under: Conferencia, Evento

Mañá, ás 20:30, celébranse na AECO as segundas xornadas culturais “Lembranzas dos nosos maiores: Lendas ao pé da torre”. O historiador Felipe Senén participa cunha ponencia sobre as prazas da Coruña, e eu levarei un traballo sobre a emigración e o porto. Teño a sorte de contar cun material gráfico magnífico, unha galería de fotos de Manuel Ferrol, que a súa filla Patricia se brindou a expoñer mañá durante a ponencia.

Recobrar a memoria da emigración non só foi traer ao pensamento os libros de historia da escola, revisar publicacións diversas, monográficos. Desta vez puiden escribir a emigración como ma contaron, como me transmitiron que a viviran algúns familiares e amigos. Lembrei a redacción de 6º de EXB para lingua galega, aquel folio e medio de palabras sobre o avó que marchara a Cuba en dúas ocasións. Véxome alí de pé, fronte aos compañeiros, de costas ao encerado.(Dende a fiestra unha hortiña con repolos, lembro iso porque me gustaba mirala. No medio da Coruña, a carón do Corte Inglés, alí sobrevivía unha horta.)

Nas últimas semanas recuperei algo daquel tempo: a fascinación que a nova daquelas viaxes transoceánicas me causou sendo cativa. Non era polos vinte días de viaxe, nin pola maleta de cartón, nin sequera polo medo ao descoñecido; a pregunta que me facía era: como alguén puido regresar dunha odisea así?



Crítica no Protexta
21/09/2009, 15:35
Filed under: poesia, Pouso

Velaiquí está a crítica do poemario que apareceu a pasada semana na revista de libros Protexta.  Feliz novamente!



Video da homenaxe a Manuel María
14/09/2009, 10:43
Filed under: Evento, poesia, recital

Esa noite tódalas amendoeiras florecendo.



Homenaxe a Manuel María
07/09/2009, 19:38
Filed under: Evento, poesia, recital

convite_homenaxe_manuel_maria

O martes 8 á tardiña (20:30) celebraremos a palabra do poeta Manuel María no Teatro Rosalía de Castro. No acto, organizado pola Concellería de Cultura e a Fundación Manuel María, ademáis da lectura dos seus poemas na voz de Santiago Fernández e na miña propia, estrearase a obra “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”. Esta obra dramática, musicada por Nani García será interpretada pola actriz María Inés Cuadrado e o cuarteto de clarinetes “Xerión”.

Alí estaremos, baixo a amendoeira en flor, entre sementes de paxaros e verdades de outeiro.

O idioma somos nós, povo común,

vencello que nos xungue e ten en pé,

herencia secular de cada un,

fogar no que arde acesa a nosa fe.

Manuel María