Sucos: blog de Dores Tembrás


Verdade, mentira, ficción ou de escritores ilusionistas
14/09/2011, 14:28
Filed under: Literatura

Realidade: Todo aquilo que existe

DRAG

Penso últimamente se a ficción será un espello que  nos permite aos que escribimos agocharnos entre sol e sombra. Dicir sen dicir ou calar para dicir, sempre sobre nós. Hai espléndidos exemplos na literatura universal, máis aló de escolas e tendencias, de razoamento sobre a ficción como eixo indispensábel no traballo do escritor e aí tódolos xogos de espellos posíbeis, inimaxinábeis autobiografías inventadas. E xorde Valente. E o ecoar dunha entrevista recente a Harold Bloom. E máis lonxe, Genette e Aristóteles.

Ás veces despois dun recital, dunha charla ou unha conferencia achegáseme alguén para preguntarme que foi de tal personaxe ou de taloutro obxecto. Ás veces hai na pregunta, no aceno de quen me apela, unha urxencia que me abruma, a necesidade de que rematen a historia, de marchar sabendo o que foi. Que pobreza pola miña parte respostarlle cun escueto: isto é literatura, que ven sendo o mesmo que dicir isto é ficción. Sei que as miñas palabras non deixarían en absoluto satisfeito ao meu interlocutor. E daquela? Daquela haberá que escribir no ar, alí, de forma improvisada o que eu intúo que esa persoa quere ouvir. Porque como dicirlle que a ilusión remata cando fecha o libro ou cando a voz se apaga? Pero aí a fenda que nos salva, aos que escribimos, ese moverse en niveis diferentes, ese “disfrazar” a “mentira” de “ficción”. E si, tamén as comiñas encubren moito nesta ocasión.

A sinceridade, en termos reais e obxectivos, fica desbotada de inmediato. Se resposto pois non souben máis daquel obxecto, ou non volvín escoitar nada daquela persoa-personaxe: a decepción. (Que distinto xa, dando lugar á maxia: nunca máis voltaría saber nada daquel obxecto, ou ninguén no lugar volveu escoitar o nome daquela persoa-personaxe: velaí xa os pespuntes da literatura)

Ao fin, conclúo, e isto é a nivel persoal, pois xa o concluiron moitos antes, que a literatura é ilusión, que os escritores somos ilusionistas (interesantísima a conexión cos chamáns). Ás veces quen nos le, quen nos escoita, agarda que fechado o libro, despois de baixar o recitador/a do cenario, esa ilusión perdure, que non se quebre. Confeso que eu son destas, a pesar das lecturas en teoría da literatura, a pesar de saber ben dos mecanismos que se poñen a disposición da trama, da palabra, para crear a ilusión.

Lembro a miña estupefacción a primeira vez que me aconteceu isto, os meus desexos de “sinceridade”, as palabras que me rondaban: verá, pero este personaxe non existe, ou non existe exactamente así…. pero de inmediato sentín que na miña profesión esa resposta non tiña cabida, que a ilusión debía continuar.

Isto fíxome reflexionar moito sobre a “verdade”. Se é verdade na literatura trascéndeme a min e á propia obra, o destino do personaxe cobra vida en cada lector, que o fai seu. É verdade o interese que o lector sinte, a preocupación no rostro de quen me pregunta.

E sen embargo non puiden evitar sentirme algo traidora ao non  contar a “realidade” en termos obxectivos.

Os lindes, a fronteira que saltamos de liña en liña, de palabra en palabra, cando escribimos, iso protéxenos, fainos menos vulnerábeis. Permite desdebuxar a altísima exposición de quen escribe.

Hai algo que sempre me chamou a atención nesas novelas, tamén filmes, que advirten ao comezo que o que se vai relatar está baseado en feitos reais. Pregúntome se a nosa reacción é distinta, se a empatía que sentimos, a conexión que establecemos é “máis real”, se o impacto é maior.

[E miro de esguello outro interesante asunto no que hoxe non podo determe como quixera, o estatus da invención/imaxinación a respecto da realidade.

E agora, que xa é tarde, decátome de que deixei atrás o tema do que hoxe quería ocuparme, a relación entre a literatura e a intimidade]

Pero se entras, se confías na palabra do autor, se te entregas, daquela, que diferencia hai entre saber que Ana Karerina foi unha personaxe histórica ou non?  Entre saber se quen fala nalgún poema de Olga Novo levou a alindar as vacas e sentiu o bafo quente do vacún no colo?

Para min ningunha. Son das que asina o pacto antes de abrir a primeira páxina.



Post de posts
12/09/2011, 07:25
Filed under: artigo, Literatura

Botei o verán sen escribir un post. Pero pasaron tantos pola miña cabeza(a soidade, as etapas que se fechan, algúns versos de Szymborska, Lorca, Glück, as decepcións). Ás veces mesmo aparecía o título entre neóns, insistente, interrumpindo a praia, unha excursión, o cociñar silencioso da confeitura de abruños.

Pregúntome agora que escribo isto se algún sobreviviu, se algún pagaba tanto a pena como para permanecer durante dous meses na memoria, agardar ao outono, ao regreso.

Isto levoume a pensar nos proxectos de escrita, nos que están aí, durante tempo, mesmo chegan a coller forma, e logo non se concretan. Falo con outros escritores sobre isto, algúns dinme que son moi fecundos en proxectos, pero que a porcentaxe que se concreta é mínima. Outros conciben un proxecto e centranse nel ata rematalo, non hai distraccións, non se atravesan outras ideas porque toda a enerxía se concentra nun obxectivo claro: rematar o que se comezou.

Non sei se algunha das ideas para post deste verán sobreviviu. Ten todo o seu momento? Escapa ese momento e xa non hai máis oportunidades? O que non se concreta fica perdido para sempre?

Que pasa co que non se di?



Obradoiro de poesía no Fórum
06/09/2011, 18:20
Filed under: Evento, Literatura, Obradoiros, poesia

Si. Regresamos este curso co obradoiro de poesía no Fórum. Dende os clásicos ata o recén saído do prelo, con algunhas visitas dos autores.

O prazo de preinscripción comeza o vindeiro luns12 de setembro ata o mércores 14, no propio Fórum.

Quedaremos tódolos mércores ás 17:00 para tirar dos fíos e compartir poetas e poéticas.

Aquí máis información.

Será un pracer vervos alí!



Sunshine awards
01/09/2011, 08:39
Filed under: Literatura

Pasaron as semanas e o lecer e outras terras.

Pero aquí me agardaba esta fermosa sorpresa, o galardón Sunshine Awards 2011, outorgado polo prezado Armando Requeixo dende o seu blog Criticalia, referente fundamental na nosa literatura. Agradecida e feliz, non quero faltar un punto aos deberes que tal premio esixe. Non me entreteño, velaiquí vos deixo doce lugares que, entre outros e ademáis do nomeado Criticalia, merecen dita distinción:

Ferradura en Tránsito

A casa da Ulla

Falabarato

mmmm…

Fervenzas literarias

Caderno da crítica

Acórdome

Chove en ningures

Xosé Tomás

Como pan da boca

Cartafol de silencios

Un país en lata