Primeiro foron os mais pequenos, que me tiñan reservadas un lote de sorpresas.Traballar na biblioteca. Levar o peizoque, as palabras que el adoita comer. Pero desta volta as nenas e nenos prepararan un bo feixe de tarxetas con palabras e debuxos para este paxariño rebuldeiro: FARO, XARDÍN, GUEPARDO, ROSA, LÚA, RELOXO, FROITAS, XEO…
O alumnado de primeiro de primaria non so sabía as estrofas, os animais, as palabras máis difícís se non que tiñan preparada unha entrevista chea de preguntas marabillosas e dificilísimas relacionadas co conto e comigo.
Gustaríame, entre todos, agradecerlle o entusiasmo a Fernando, que traia o peizoque pegado ao peito.
Para rematar fixeronme entrega dun libro de artista feito polos pequenos e pequenas que fala de min, dos libros que levo escritos e ademáis cheo de ilustracións para o conto. Foi o mellor agasallo! Conmoveume profundamente e quero agradecer todo o traballo que fixeron as mestras para que o encontro ademáis de desenvolverse con éxito, fose máxico.
Por outra banda os rapaces de 1º da ESO traballaron con grafiti+poesía, nun encontro entretido, cheo de análises interesantes sobre as imaxes e os versos. Quero agradecer a atención e o entregados que estaban no encontro. Velaiquí algúns dos froitos:
sorí de cores.
Sofía Seoane.1º B
Teño medo de ti
e medo sen ti.
Sergio Paules. 1º B
Eu necesito o meu corazón para vivir
pero o que máis necesito es ti,
ti es quen o fai latir.
Marta Pose. 1º B
Na cama dórmese,
ao teu lado sóñase.
Rubén Castro. 1º B
Ahí donde estás tú,
lejos de donde estoy yo.
Lucía Vázquez. 1º B
Gustaríame volta anos atrás,
no anos em que todo eran sorrisos.
tempos de felicidade e amizade
que quedaran nos meus pequenos recordos.
Andrea Solís. 1º A
A casa onde eu nacín,
a casa onde crecín.
É a casa que eu quero,
é a casa que eu desexo.
Paula Pérez. 1º A
A figueira é máxica
talvez teña un bo figo
ou un malo.
Pero todos teñen un recordo
moi doado ou traicioneiro
que cando menos o esperas
máis axiña chega.
Laura Martínez. 1º A
Voltar ao CPI Cruz do Sar ten sempre moito de infancia, de recoñecerme no recreo daquel patio, no camiño á aula. Levo anos indo, primeiro convidada pola Alcaldesa Alejandra Pérez para presentar O pouso do fume e O peizoque Roque, e nesta ocasión convidada polo propio centro. Eu quero recoñecer a labor da escola pública, o esforzo dun equipo docente, que moi á contra de desfalecer segue imprimindo ilusión e profesionalidade día a día. Alumno a alumno.
Sempre voltar!
Foi o pasado luns. Chegaba ao CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, onde me agardaba unha das responsábeis de Biblioteca e unha aula chea de nenas e nenos que sabían de memoria moitos dos versos do peizoque!
Sempre é unha ledicia levar o conto de Roque. Pero nesta ocasión o que non sospeitaba era que o alumnado de 3º de Infantil me tiña preparada unha gran sorpresa, un libro feito por eles: Os nosos peizoques.
Foi fantástico estar, saber do ben que traballan neste centro e regresar cun feixe de peizoques moi ben alimentados!
Agradecida!!!
Filed under: Peizoque
Velaiquí o lindo artigo que escribiu Ana Abelenda sobre O peizoque Roque. Feliz pola tarde e a palabra. E moi, moi agradecida.
Tan lindo, tan lindo!!
Menudo recibimento me agardaba no CEIP de Prácticas da Coruña. Unha parede chea dos versos do peizoque, e os debuxos dos animais, e Roque e tódolos seus irmanciños coloreados sobre un niño…
Nas aulas tamén pendurados os traballos do peizoque. E fomos todos á biblioteca grande, onde me agardaba máis dunha sorpresa. Despois de contar o conto, e que os pequenos e pequenas participasen dándolle de comer a Roque, fixéronme unha chea de preguntas interesándose por se estaba a escribir máis libros de Roque e os irmáns, e como se chamaban estes, e que onde estaba o pai… Menudo apreto!
Os pequenos agasalláronme cunha cesta chea de galletas espectaculares coas ilustracións de X. Tomás e chocolates de Praliné “para comer tu y tu familia”.
Pero non só iso, tamén me sorprenderon cun broche marabilloso, para poder levar sempre a Roque na lapela. Foi emocionante!
Rematamos todos con tatoo de peizoque.
Inesquecíbel o encontro, o entusiasmo, o bon facer para que as nenas e nenos nos recibisen a esta familia de paporroibos e a min con tanta ilusión!!
Unha aperta grande para toda a niñada de peizoques que deixei no CEIP de Prácticas!
Primeiro foi o recendo, a intución que se concretaba despois daquel primeiro encontro no Portal InnovArte Educación Infantil. Entrar na aula, ver o niño pendurado, cheo de flores e palabras, que os propios nenos confeccionaron con agarimo.
Coido que o peizoque nunca soñou cun niño tan fermoso. Tampouco eu podía agochar os desexos de levalo a Bertarmiráns, onde, como puiden comprobar, traballan e aprenden dun xeito que asombra e admira.
Tiven o pracer de coñecer a Isabel e Ángeles Abelleira, que dende hai meses planearon esta cita. Dicir que foi un luxo é ser inxusta. Penso en cada detalle da mañá do martes e a emoción intacta. Penso na importancia da espera, da ansia que inocularon nos pequenos que agardaban a visita con verdadeiro entusiasmo. A impresión de escoitalos recitar de memoria, de coñecer con exactitude os animais e as palabras correspondentes. Non me chegaban os ollos para admirar as ducias de peizoques engalanados para a ocasión, plumas, pallets, brillantinas, pestanas XXL, paxariños multicor que comían palabras novas para min: papá, mamá, casa, corazón, tomillo, lavanda, limón, magnolia, cena…
Xosé Tomás e mais eu adicámonos a contar/debuxar a historia deste paxariño, mentres as pequenas e pequenos nos abraiaban coas súas observacións. Foi unha verdadeira delicia!
É un soño ver como empregaron a historia do peizoque para traballar nas aulas. Novamente agradecida e feliz.
Asi o lembran no blogue de 5 anos de Educación Infantil.
Xosé Tomás tamén o conta no seu blogue cun feixe de fotos.
Unha das pequenas. Lara, mesmo fixo crónica do encontro no seu blogue.
Sempre voltar.
Foi hai días que regresei á escola da infancia. Sempre é un pracer estar en contacto cos espazos que unha habitou de nena.
Espazos sagrados como as escolas.
O director do centro e todo o equipo docente brindoume a biblioteca e un cento de nenos que coñecían ben a historia do peizoque.
Adubiada con ducias de Roques coloreados polos pequenos e pequenas e un coidado atrezzo para a ocasión non podía máis que rendirme ante todas aquelas olladas curiosas que escoitaban atentas o periplo do meu paxariño.
Emocionada por regresar, encantada de levar ao paporroibo comigo e saber que hai docentes entusiastas que se deixan a pel en cada proposta (o mercado de libros, o traballo con África, as fotos do Bergondo de hai décadas para entender o uso da terra). Non podo máis que felicitar a todo o equipo que conforma a comunidade educativa do Cruz do Sar e dicirlles o feliz que me fixeron aquela mañá.
Foi antes do nadal. E agardaba polos seus versos para facer o post. Pero despois de ler as palabras que lle adica ao obradoiro POESÍA+GRAFFITI a rapazada do CPI Alcalde Xosé Pichel non había alternativa. Porque a emoción. O agradecimento.
Penso nesa xornada e a entusiasmo de volta. Primeiro cos maiores, espertando á palabra a golpe de grafiti. Despois os peizoques de entre 3 e 7 anos. Algúns con gorro de noel incluido. Tiñades que velos, coas súas mans en alto para un tatoo de peizoque. Compartir un breve recreo con algúns dos docentes, falar da rapazada, do que si e do que non. As sinaturas infindas. O recendo a flocos de millo. Sentir o entusiasmo dos profesionais da escola pública de primeirísima man.
Rematar a mañá, de novo cos maiores, as súas palabras, que me fascinan, e que agradezo. Sigo a agardar polos versos froito daquela xornada marabillosa.
Os encontros non sempre funcionan como desexamos, e outras veces simplemente superan calquera expectativa. A calidez, o mimo que se puxo para recibirme, para escoitarme.
Para iso, si que son eu a que non ten palabras.
Desexando voltar.
O de onte foi moito máis ca ir lerlles o peizoque ás nenas e nenos do Xosé Cornide.
Pensaba, mentres algúns membros do equipo docente me amosaban a biblioteca, na importancia que ten querer facer as cousas, máis alá de gravísimos recortes, pensaba no mimo, na entrega que unha biblioteca así agocha. E ao ver o “sillón real” no que os pais e nais sentan para lerlles aos pequenos, imaxinei as tardes de contos. Amosáronme tamén a casiña diminuta do rato que vive na biblioteca, unha marabilla con sofás e cousas pequeniñas. Eu, eu díxeno en voz alta: Quero quedar a vivir aquí! Pero despois chegou a visión do camerino, cheio de luces e disfraces. E daquela si que si!
Cando xa estaba rendida, a directora do centro amosoume os proxectos nos que traballan, dous por ano, e nos que involucran a tódolos cursos. Sen palabras. Porque eses proxectos xiran arredor dun concepto que todos entenden e interpretan, dende os 3 aos 12 anos. As olimpiadas, feminino singular, o mar…
Unha non pode máis que aplaudir un traballo así, apreciando cada detalle, o respeto pola lingua, o trasteiro que se convirte en ceo estrelado… porque todo é o mesmo. Cuestión de sensibilidade.
Aqueles nenos que entraban do recreo parecéronme afortunados de que un equipo de 12 docentes, con 3 itinerantes, siga a crer na educación pública, deixando o mellor de si. O de onte foi unha verdadeira lección, emocionante.
Velos sair de tódalas aulas ao son da música, sentares no chan para escoitar o conto. A súa atención, un verdadeiro agasallo. As nenas e nenos do Xosé Cornide déronlle de comer ao peizoque, e entre micos e palabras pasamos un fermoso anaco da mañá. Cantas ledicias me está a dar este paxariño!
O crítico Armando Requeixo adícalle estas magníficas palabras ao peizoque no seu blog Criticalia. Síntome verdadeiramente honrada ante a súa aproximación á literatura peizoque, ao seu universo. Sempre a descuberta.
Feliz e moi agradecida.
Sen ver as fotos, a galleta comesta, o peizoque a carón. Non quero deixar escapar o día sen agradecer a tanta xente que estivera hoxe á tarde alí. E a tódolos nenos metamorfesados en animais, e algúns adultos de novo nenos.
Os amigos, a familia, os descoñecidos. Os que viñeron de lonxe, e os que pasaban por alí.
Feliz de rematar o día cunha panorámica imborrábel do que foi o encontro. A que non se fixo.
Agradecidísima!