Resulta que o mestre era un home de carne e óso, unha voz potente, que tiraba polos puños da camisa, coqueto. Con un profundo e explícito respeto polo rito da poesía, o silencio coma o frío, sen aplausos por favor. Ollos fechados.
Os materiais, as traduccións, esa sutil trascendencia das linguas no poema. Español-Inglés-Alemán. Palabras coma lápidas.
Era certa a súa escrita sosegada, as adicatorias luminosas, transparentes. E eu alí, sorbendo as liñas da súa estilográfica, sabéndome afortunada. Feliz.
A Asociación de Empresarias da Coruña celebra unhas xornadas de política lingüística arredor da Torre de Hércules e algúns personaxes populares da Coruña dos anos 50.
A xornalista e poeta Cristina Corral presentará a ponencia “Lendas ao pé da Torre: do folclore Irlandés ao Galego”, e eu mostrarei o traballo “Memorias do paseo: algúns personaxes populares da Coruña”.
A cita terá lugar mañá 28 ás 20:30 na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (Praza Luis Seoane, Torre 1, entrepranta).
“Lendas ao pé da Torre: Do folclore Irlandés ao Galego“
A homenaxe no Campo da Rata foi íntima, dunha emoción contida, verdadeira.
VENTO. Un vento eléctrico acompañou as sentidas palabras de María Xosé Bravo, concelleira de cultura, que deu comezo a un acto adicado á muller anónima, silenciada na posguerra, víctima da fame e o medo, depositaria da memoria e do presente .
Tamén o nordés acompañou as palabras de Xurxo Souto, que ecoaban en Adormideiras. Todos bebendo da súa voz, sendo fugazmente aquela muller do texto-ofrenda co que deu comezo o acto: “A Peineta”. Coma sempre, magnífico comunicador que nos enredou, unha vez máis, na historia da cidade.
ACORDEÓN. Moncho do Orzán encargouse de poñer a nota distendida coa Foliada da Coruña e, a seguir, con outra peza (texto de Manolo Rivas) á que se sumou na voz Xurxo Souto. Grazas Moncho pola túa música e as palabras.
GUITARRA. Fernando Ceide participou con tres cancións, entre elas Negra Sombra, na que o acompañou Yolanda Balbís, unha das mulleres que propuxo a homenaxe. Estou certa de que Yolanda non esquencerá nunca ese dúo.
Sentínme honrada de participar cos meus textos nunha ocasión coma a do xoves, nun lugar terribelmente marcado pola morte, agora anovado co monumento de Isaac Díaz Pardo, protexidos todos polas palabras de Lorca e Carré Alvarellos. Alí estivemos homenaxeando á memoria, a todas as mulleres que, a través dos tempos, desafiaron á gravidade coa súa resistencia.
A Concellaría de Cultura e mulleres de Monte Alto organizan un acto de homenaxe e recoñecemento a todas aquelas mulleres que directa ou indirectamente sufriron as consecuencias da represesión da ditadura franquista.
Música e poesía para honrar a memoria das que nunca tiveron oportunidade de falar e defenderse, para as que foron silenciadas e para as que aínda hoxe son dignas depositarias de feitos moi dolorosos.
A presentación correrá a cargo de Xurxo Souto, e eu síntome honrada de participar xunto con outros poetas neste acto de recoñecimento á memoria.
Xoves 23 ás 12 horas no Campo da Rata. Verémonos alí?
Velaiquí está a crítica que fixo Yolanda Castaño do poemario na revista O ollo público.
E eu, feliz.
Foi un pracer compartir onte mesa con Berta Dávila, Susana Sánchez Arins, Diana Varela, Teresa Seara e Miguel Anxo Fernán Vello. Foi un acto íntimo, cómplice, relaxado. Falabámolo ao rematar, a poesía cobra unha potencia nova ao ser lida para outros. Magnífico traballo introductorio de Teresa Seara, traéndonos tantas poetas xunta de nós: Xohana Torres, Rosalía de Castro, Emily Dickinson, Emma Pedreira, Yolanda Castaño…
Grazas a Miguel Anxo polo convite, foi unha experiencia emocionante, coma sempre un feliz encontro coa palabra.
O grupo Ouriol, formado pola poeta Eva Veiga xunto cos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, presentarán o espectáculo poético-musical “Soños e poemas de Cirlot” este xoves 9 de xullo, ás 20:30 en Moret Art espacio (Olmos,12). Esta actuación intégrase dentro do ciclo de actividades organizado con motivo da exposición de Alfonso Costa “Anatomía do silencio”.
Tras o recital subastaráse unha obra do pintor, e os beneficios recaudados destinaránse a unha ONG. Estou segura de que ninguén quererá perderse esta oportunidade de escoitar de novo o grupo Ouriol e de desfrutar da magnífica exposición de Alfonso Costa. Alí nos veremos.
Quedades todos convidados ao recital de poesía que se celebrará o venres 10, ás 8 da tarde, no Centro Social Caixanova, Avd. da Mariña. Esta lectura conta coa participación de Berta Dávila, Susana Sánchez Aríns, Diana Varela e eu mesma. A presentación correrá a cargo de Teresa Seara e Miguel Anxo Fernán Vello. Alí nos veremos!
Velaiquí está a crítica que fixo Marga Romero do poemario, publicada o pasado xoves no suplemento cultural do xornal Faro De Vigo.