Sucos: blog de Dores Tembrás


Quiñón
13/11/2016, 13:42
Filed under: petit trèsor, poesia

img_20161113_100647

O ano pasado comezou a traballar comigo, no curso online de Apiario, un home de mar. Joaquín.

Confeso que a miña relación co mar sempre foi distante dende o punto de vista poético, apenas hai referencias, e si un gran descoñemento. Asi llo dixen cando se matriculou.

Confeso que neste encontro vin a posibilidade de achegarme a el de forma ben distinta.

Sen sabelo iniciaba daquela a miña primeira maré. Unha tripulación de 18 homes en procura de peixe espada. O diario de a bordo de Joaquín mantíñame en vilo de venres a venres. Ía sabendo das venturas e desventuras dun dos traballos que máis respeto me infunden. A soidade xunto a Valente, Cortázar e Angueira mentres se largaba o palangre. Con urxencia agardaba saber da vida cotiá no barco, e así puiden escoitar aquel mar tan outro, preto da Illa de Pascoa mentres Joaquín recitaba o exercicio da semana.

Non me resisto aquí a rexistrar apenas tres apuntamentos  da bitácora que me achegaba cada venres:

26 de Marzo de 2016

Diario de a bordo:
A poesía manténme enteiro nas longas navegacións froito dunha nefasta
quincena. O vento arreméxenos. A esperada Lúa quedou sin efecto coa presenza
do cantor dos estáis. Duas semanas de fortes brisas agocharon ós peixes
espada. Obrígannos a percorrer milleiros de millas entre a dúbida e a
espranza. As orcas tamén fixeron o seu. Este maxestuoso animal, cando nos
visita, faise dono da mesa. Nos anzois non recollemos máis que as gerlas do
peixe. A súa intelixencia é tan extraordinaria que nada podemos facer máis
que marchar e escapar delas. Cando atopan o noso aparello percórreno,
anzoi por anzoi, como uns turistas no bufete dun hotel. O traballo, con
elas ó carón do barco, é totalmente aciago. Son as raíñas e nos os intrusos.
Continuamos navegando cara ó sur de Chile, polo medio do mar, entre as illas
de Juan Rodriguez e Pascua.

 

2 de abril de 2016

Diario de a bordo:

Previsión de temporal para o día 6. Bailaremos. Lembranzas. Dous meniños
xogábamos na chabola onde nosa nai ataba as redes xunto con outra ducia de
atadeiras. O noso avó entrallaba os panos no chumbeiro e na cortizada. Fora
era inverno, chuvía forte no vidro das fiestras. Dentro era gardería. A
pilla de volantas era peirao, as canastras de láminas de madeira, barcos.
Todas tiñan nome. Atracábamos para saltar a bordo e saír para o mar. O avó
retrasaba moitas saídas. Había que encher as agullas de entrallar sen
deixalas frouxas. As de atar enchíallas a avoa. Súas mans voaban mentres seu
audífono atendía ós amoríos mariñeiros das atadeiras mozas. A nosa nai có
radio de lámparas tentando sintonizalo. Era a única maneira de saber algo do
noso pai. Era a hora de pousar as agullas e as redes para escoitar ós barcos
falar entre eles. Era a proba da normalidade entre as ondas. O silencio. As
interferencias na frecuencia. A borrasca batendo na costa. O avó dándolle
voltas a boina. Nos, ausentes, salvando unha galerna dentro da canastra. O
avó reclámanos para si mesmo. A voz do noso pai soa forte, grave. A nosa Nai
chora. O Avó, “están ben raparigha”. “Están ben, oise tranquilo”, a nosa Nai
ríe. As atadeiras nomean ós noivos que están a bordo. Volta a gardería. As
atadeiras cantan un alalá. O avó refunfuña. Clase de matemáticas: a contar
mallas.

 

Remataba a maré e Joaquín compartía comigo toda a ledicia:

21 de maio 2016

Diario de abordo:

Rematamos! Imos camiño de terra! A Lúa foi extraordinaria nesta semana. Deille as grazas un millón de veces. Collemos suficientes peixes como para rematar de encher as bodegas de peixe espada. Alí quedou o mar cheo deles. A busca foi tensa, o traballo extenuante, pero o premio da Natureza pagou por longo o esforzo. O barco é unha festa. O teléfono non para. Todos chamando as familias para comunicarlle o adianto nas previsións do reencontro.  Rematamos da mellor maneira posíbel. O mar, unha vez máis, tratounos como uns pais  que desexan e loitan polo mellor para seus fillos.

A satisfacción do traballo feito é máxima. O corpo xa liberou a tensión, agora pesa o doble. Todo rematou. Atráis quedan xornadas sen durmir, puntos de sutura de pequenos accidentes, risas, tensións e traballos, temporáis e orcas, e milleiros de millas percorridas.  O mellor, a ledicia de navegar con homes como os que forman esta tripulación que teño a sorte de dirixir. Felicitei un a un, deille as grazas polo respeito e a entrega desexando coincidir con cada un deles nos próximos relevos. Nada do que fomos capaces de superar sería posíbel sin a entrega que amosaron dende o primeiro ata o último. Cada un coas súas limitacións ou virtudes. Todos dando de maneira honesta o máximo que poideron.

Polo que a min respeita a Lista de tripulantes ten un más dos 18 que constan: Dores Tembrás navegou polo Pacífico abordo do Balueiro.  Foi parte inolvidábel da marea. Centos de horas de soidade nestes poucos de metros cadrados da ponte non fixeron acto de presenza esta maré grazas a poesía. Momentos extremadamente complexos, de máxima dificultade e dúbida foron atenuados pola poesía de Dores. Grazas.

Esta xa rematou. Lembro que mañán fai 27 anos que saín por primeira vez mandando un barco conxelador. Aínda era un rapaz. Era o máis novo do barco. Nervioso, ilusionado, seguramente moi inconscente da responsabilidade que asumira. Agora estou entre os maiores. Teño a sensación de que as cousas cambiaron menos do que asemella, salvando  a baixada de enerxía porvocada por casi tres décadas de intenso rock´n´roll.

 

E era tan en serio que me contaban coma unha mais que un día de verán Joaquín veu ata Coruña para traerme o quiñón. Nunca antes escoitara esa palabra. Explicouma el nun dos correos que máis emoción me causaron na vida. Como tripulante correspondíame unha parte da pesca.

Nunca antes recibira un agasallo así. Peixe espada e bonito. O primeiro chegou en xullo e o bonito chegou onte. Como non podo falar do que significou, aquí deixo unhas imaxes dos tarros que a familia de Joaquín preparou e me entregaron onte. Non sendo iso suficiente, este mariño de mans afeitas ao traballo duro, buscou a mellor presentación. Versos dos meus poemarios abandeiran cada tarro.

img_20161113_100413_1 img_20161113_100515

 

Mañá iniciase unha nova maré. E hoxe, véspera, son , se cadra, moito máis consciente do que significará na miña vida. Onte falabamos das nacionalidades da tripulación. Dos contenedores que xa levan o turrón. Falabamos tamén do esquezo que a política deste país  exerceu e exerce sobre a xente do mar, das reunións en Bruxelas, da radio desaparecida, do intento dunha prensa que os manteña perto de terra. Falamos dos 40m de eslora, e dos 7 contenedores que terán que voltar cheos de peixe espada para manter o barco outra maré.

Todo o meu agradecemento polas horas de mar e procura severa da palabra, pola entrega e ofrenda que supuxeron eses meses.

Decátome agora de que son coma aquel home do último poema de Joaquín:

 

coñecín  un  carpinteiro  de ribeira

que surcou océanos

no diálogo táctil  coas súas naves

a medio construír

 


9 Comentarios so far
Deixar un comentario

Dende Bos Aires, chorando por esta fermosa historia. Unha chega a pensar que relatos así só teñen lugar na ficción, mais vése que a poesía é ben real e ubicua. Grazas por compartila <3

Comentario por Carolina

Tamén para min foi un conto. Poesía que alimenta. Grazas a ti pola lectura e a emoción.

Comentario por dorestembras

Guau, que bitácoras máis fermosas e poéticas e q peixes máis literarios. Vai dar moita mágoa meterlles o dente, abrilos e q poida fuxir a maxia na q durmen. Bjs

Comentario por inmadovalporto

Dores, emocionante. Quédome sen palabras nesta boa mañá. Non podía deixar de comentar a emoción sinceira de ler hoxe luns este post tan especial. Que sorte que poidas disfrutar deste regalo que che da a vida! E con “regalo” refírome a coñecer unhas historias tan fermosas que transmiten tanto e dunha maneira tan intensa. Grazas por compartilo.

Comentario por Vanesa

Vane!!! Imaxina! É unha marabilla coñecer xente así, pero por sorte en Apiario estamos moi ben rodeadas!! <3

Comentario por dorestembras

Todo o que contén este post é unha fermosura. Marino, bitácora, mariñeira, palabras, agasallo, delicadeza, poesía, agradecemento. Menuda rede teceuse no peirao. Canta humanidade.

Comentario por Ana BM

Si! A palabra: humanidade. <3

Comentario por dorestembras

Levas peixe feito poesía: un quiñón ben merecido.
Un agasallo para non esquecer

Comentario por paideleo

Jo, Dores. Aquí, con ollos de auga salgada. Eu, que nacín terra adentro.

Comentario por zeltia




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s



A %d blogueros les gusta esto: