Sucos: blog de Dores Tembrás


Todo o que digas…
26/09/2010, 15:54
Filed under: creación, Literatura

pode aparecer no meu próximo libro.

Voume facer unha chapa con este lema. Últimamente, sempre foi un pouco así, pero nos últimos tempos isto acuciouse: sinto que todo, as conversas con coñecidos/descoñecidos (penso nunha viaxe recente, 9 horas cun estrano e unha conversa deliciosa), calquera situación, é susceptíbel de ser escrita.

As persoas falan comigo, ás veces confíanme anécdotas íntimas, ou simplemente contan. Eu escoito mentres penso no magnífica que é esa historia,  ou interveño colocándome na posición de coprotagonista. Traidora. Quizáis o que acabo de vivir no bar merece unha páxina, a camareira non sabe que eu podo convertila en protagonista dunha escena de desafortunado machismo herdado. E ela é tan agradábel comigo, eu escribiría esa escena e o lector podería pensar nun só movimento (que o faría sentirse infindamente superior): aínda existe xente así.

Pero as cousas sempre son máis complexas, e ese lector non sabería que achegarse ao comentario da camareira, que  é simplemente encantadora, esixiría un tratado completo. Eu, eu definitivamente non vou escribir esa escea porque ela caéme francamente ben, e non quero que centos de lectores a xulguen, por moi boa que sexa a historia e amose ata que punto o machismo. Non a vou escribir aínda que a anécdota ben me puidera servir  para abrir a vindeira charla sobre poéticas e feminismo na que participarei o mes que vén.

Así todo o tempo, case todo o tempo, quizáis se a xente soubese a que me adico serían máis cautos e eu non sentiría a traizón.  Quizáis coa chapa.

Aprendín dúas cousas terribeis dende que a escrita ocupa case a tempo total a miña vida, dende que a persecución da palabra: unha é a que veño de explicar e a outra verbalizouna Roth con mestría en Patrimonio, obra na que descrebe a enfermidade e morte de seu pai: “Por la mañana me di cuenta de que se refería a este libro, que, como corresponde a la falta de decoro propia de mi profesión, estuve escribiendo durante su enfermedad y agonía.”

Roth fala de profesión, eu prefiro chamarlle traballo (nun senso puro), pero o que quero publicar hoxe é que neste traballo o material é sempre persoal, íntimo, ou propio ou alleo, pero de alta sensibilidade.

Si, traizoamos a quen nos fala, escribimos esa escena que aconteceu unha mañá de sábado, nun cuarto, mentres me lías uns versos dese poemario inédito, ou mentres ti, tan familiar, me acollías na casa ofrecéndome un vaso de auga e falabas desa foto.

Os que escribimos escudámonos na ficción, esa palabra perversa, calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia, falamos de narrador e eu poético, mudamos nomes, escollemos iniciais, e todo, todo, para borrar as pegadas do roubo, da traizón.

Si, se conversan comigo atéñanse ás consecuencias.



Conversa
21/09/2010, 23:21
Filed under: Literatura, Palabra, viaxe

Veño de pasar uns días en Santander no IX Congreso da Asociación Española de Estudios Literarios Hispanoamericanos. Levaba unha ponencia de Pizarnik. Sempre Pizarnik. Linguaxe. Silencio. Poema.

Podería atreverme a dicir que o mellor deste tipo de congresos, onde hai tres ou catro mesas paralelas, son as conversas de despois das comunicacións, dos almorzos, dos cafés, das noites. Entre outras cousas porque son conversas nas que sempre rematamos falando da palabra.

E nunha desas conversas, cun especialista en Huidobro ao que lle faltan poucos anos para a xubilación, falamos das mudanzas na carreira de filoloxía ao cabo dos anos, dos ritmos, de como se estudiaba daquela, e como agora. Pero non, ollo, sen dramas, cun chisco de nostalxia, pero sen dramas.

E así, chegamos ao leit-motiv da conversa, desas tertulias literarias que eu nunca vivín e que si formaron unha parte fundamental na vida e formación deste profesor cando aínda era alumno. Envexa.

Partillar a literatura, as descubertas. O tempo. Inevitábel pensar se no meu tempo xa non. Se había máis conciencia de grupo nos setenta. Esa necesidade de quedar para falar e falar e fechar o café e ir dereito ao traballo ou á facultade. De onde esa paixón? Esa cohesión? As circunstancias sociais? O contexto?

No diccionario de latín VOX: conversatio, -onis: uso frecuente de algo/ comercio, trato. Di o diccionario da RAG na forma do infinitivo: Falar (unha ou máis persoas) de maneira máis ou menos familiar sobre calquera tema. No Moderno Dicionário de Lingua portuguesa:  Falar com alguém; palestrar; conviver; tomar consello;  Pop. Namorar. V. tr. Sondar o pensamento de; tratar intimamente (L. conversari). O diccionario da RAE: Acción y efecto de hablar familiarmente una o varias personas con otra u otras.

A conversa, o pracer da conversa, da palabra, en todo o seu abano de matices: parolar, latricar, charlar, departir, dialogar, parrafear, leriar…sen perder de vista esa connotación que recollen varias acepcións: a intimidade.

Volvo ao rego. A conversa. Flash-back: Os camiños da vida. Arraianos. Pensa Nao. As rulas de Bakunin. Os traballos comunais e a oportunidade que daban de falar, de escoitar. Porque a conversa é iso. Sobre todo escoitar. E o respeto por quen falaba ben, polos bos oradores (Papá de cativo, falando vinte minutos no comedor antes do xantar para o resto dos compañeiriños. Papá aprendendo a ler no diccionario, e ese concepto que sempre me pareceu potentísimo: aumentar o vocabulario). A palabra. A palabra. Contar os contos.

Ao mellor é que o concepto foi mudando cos tempos. Os traballos comunais xa non. As tertulias de café trasnoitadas. Sen embargo nunca tan comunicados como agora. Porque esa necesidade inherente non desaparecerá nunca.

Poucas cousas tan estimulantes e fascinantes como unha boa conversa, rectifico, coma un bon ou boa conversadora.



Obradoiro de literatura no Fórum (Outono 2010)
13/09/2010, 23:20
Filed under: Obradoiros

Vai esta nota un pouco tarde, pero aínda hai tempo.

Comezou hoxe a preinscripción para un obradoiro que darei no Fórum Metropolitano (Coruña) este outono, tódolos mércores de 17:00 a 18:30. Nel traballaremos con textos de literatura galega, dende os clásicos ata o recén saído do prelo. Compartiremos lecturas e impresións debullando a palabra. A proposta: explorar os distintos xeitos de ler e escribir, os modos cos que nos enfrontamos á obra literaria.

A preinscripción  está aberta ata o mércores 15, pero no caso de non cubrir tódalas prazas será posíbel facelo a partir do 23 de setembro. Para ampliar información é mellor dirixirse directamente ao Forum. Aquí deixo o anuncio do programa de lecer completo.



Alentos ao vacío ou da obra de Manuel Suárez
11/09/2010, 21:52
Filed under: creación, Evento, presentacion


Arredor de dous anos leva o pintor Manuel Suárez traballando nesta nova liña onde o branco é omnipotente e a arquitectura de cada peza se sofistica no minimal máis depurado.

O entusiasmo e traballo exquisito de Moret Art foi o marco para a presentación do Blanco María medio tono este pasado xoves.

Recuperar o momento no que vin aqueles tres primeiros cadros, cristalizacións albinas, case cegadores.

Confesaba na inauguración que me tería gustado compartir algunhas das reflexións que Manuel me apuntou durante ese período frenético no que el pintaba e eu escribía, pensamentos sobre a soidade creadora, os límites expresivos, ou a complexidade do proceso de abstracción no que se vía mergullado e que tamén me inoculou a min.

Tampouco o farei hoxe porque o mellor é contemplar a obra, froito preciso e delicado dun longo proceso de maduración que tiven a sorte de vivir de perto, e que me permitiu escribir 15 poemas para 15 cadros, tentando apreixar o frío polar, a vía salaria, o Hanami.

Imprescindíbel esta exposición que está aberta ata o 15 de Outubro na Sala Moret Art (Olmos, 12-14, B-C, A Coruña) e na que desexo que sintan algo do que eu experimentei na vez primeira, e é que están ante unha obra extraordinaria.

a

3

pero eu sei

que sobes cada chanzo

soltando presas de sal

-15º

a

miras arredor

ópera do frío

na tuomiokirkko

a

quen soubera

daquela

que a neve

non era

antídoto

para covardes



Crítica de Vicente Araguas
07/09/2010, 18:20
Filed under: Literatura, Pouso

Non puido haber mellor regreso.

Un amigo ben querido envioume esta reseña que o crítico Vicente Araguas sacou d’O pouso do fume no Diario de Ferrol o pasado mes.

Si, si, si. Feliz e agradecida de novo.



Canido spirit
06/09/2010, 00:43
Filed under: Evento, recital

Foi o de onte un día intenso que rematou á tardiña cun recital no que Alba Cid, Yolanda Castaño, Lucía Aldao, María Lado e eu compartimos poéticas e verso. Anoitecía nunha das fachadas magníficas de Canido, con menina de Moncho Borrajo incluida. Pasamos a tarde percorrendo as rúas, atopando magníficos pintores e veciños que, pincel  ou spray en man, tomaban as fachadas das casas. As nenas, meninas por un día, de beizos vermellos e fru-fru de saias.

Foi fantástico compartir espazo coas outras poetas: ir da man de Alba, morder a mazá de Yolanda, percutir con María e Lucía ata o estalido, ler as casas do pouso.

Non podo máis que voltar agradecer a Eduardo Hermida o convite,  a organización (máis de 150 artistas) e a oportunidade de participar nunha xornada onde a arte asalta o cotiá. Fechei os ollos para abrilos e saber que non estaba en Berlin, London ou København, alí, fronte aquel escaparate desamparado da Tafona, vivín o espírito CANIDO.