Filed under: creación
Foi unha visión.
Ela camiñaba cara min pola rúa. Adolescente de melena infinda, uniforme de cadros e xersei mariño.
Unha man sobre a outra no peito, e entre os dedos a funda fosforescente do iPhone. En poucos segundos pensei moitas cousas:
Na sorte de ter perdido o bus e vela.
Na devoción con que portaba o obxecto.
Na postura mística .
No Sagrado Corazón que hai no parque da marquesa en San Sadurniño.
Non hai conclusións, nin discurso elaborado.
Hoxe só quero fixar a foto, amosar a estampa.
Será en dous grupos, martes ou xoves de 20:00 a 22:00 en The room.
Ao longo dos encontros tentaremos abordar o acontecer poético. E sempre a esixencia á palabra, o escrutinio ao que sometemos o poema.
Así “abriremos a navalla” algúns poetas da literatura universal, e en particular da literatura galega, que han de sinalar, subliñar, para admirarnos.
Pódese domésticar a linguaxe? A súa estructura? Pódese penetrar no sórdido, na emoción do sórdido, e calibrar os lindes ata os que podemos levar a imaxe?
Que é a beleza? Unha ilusión óptica? Unha actitude? Dúas palabras que firen?
Que pasa no poema? Que é o que nos importa no poema? Canta atención lle prestamos ao sen alento?
Sabemos cortar os versos? A medida? O ritmo?
Sabemos ler?
E o silencio? En que medida é posíbel producir o silencio no poema?
Ferramentas. Aprenderemos ferramentas para construir o texto. Pero sobre todo, e dígoo a modo de advertencia, a deriva será o pilar da aprendizaxe, demorarémonos en calquera concepto, calquera, que alumee a nosa achega ao poético.
Esta é a proposta.
A inscrición inclúe master-class cun escritor recoñecido, titorías e galletas.
Sesión aberta e gratuita o xoves 3 de outubro ás 20:00.
Escribamos.
Matrícula e info: eu@dorestembras.com
Sae hoxe no Culturas unha reportaxe sobre Rosalía, unha conversa a catro bandas, guíada pola profesionalidade de Ana Abelenda: Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño e eu mesma.
Non está a tarde, a merenda, os exquisitos modos de anfitriona de Luz Pozo. A conversa infinda que se prolonga ata a noite.
Unha sorte debullar a literatura así.
Arrinca este outuno, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.Tódolos mércores de 19:00 a 20:30.
Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.
Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre as escenas que Dostoievski é quen de capturar e algunhas fotografías do s. XIX? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luis Seoane?
Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e espazos transitados pola interdisciplinaridade.
O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00).
Alí.