Sucos: blog de Dores Tembrás


Cancións contadas cancións
28/05/2009, 15:27
Filed under: Evento, recital

Mañá ás 20:30 terá lugar, na Biblioteca González Garcés, un espectáculo dirixido a tódolos públicos: acompañamento musical de Zita Tanasescu (piano),  Gabriel Tanasescu (violonchelo) e Marcos Seoane (violín), a poeta Eva Veiga  e o presentador Mon Santiso poñerán voz ás letras en galego de cancións emblemáticas coma Imagine, Unha noite na eira, Blowing in the wind, Paraules d’amour e  moitas outras. Realización de imaxes en directo a cargo de Rubén Coca.

Verémonos alí.



As caixas de mistos de Manuel Rivas
24/05/2009, 23:09
Filed under: Evento, poesia

Mistos

Ao final fun, achegueime ao Rosalía a escoitar a Rivas, acompañado de músicos magníficos coma César Morán, Pulpiño Viascón, Gastón, Marcos Meléndrez ou Rómulo. Do encontro entre Rivas, os músicos e os que escoitabamos, aí quedan estas faíscas:

ESCRITORIO. A maleta da memoria que virá, el saca un candil, papeis, libros, estilográfica, gharlopa, o mundo enteiro de cristal, mistos.

MISTEIRAS. Manufactura de mulleres pálidas con mans de modista que non puido ser. Pero si corte e confección, caixas perfectas. Obxecto miniatura. Petit trèsor. A receita exacta: fósforo vermello, clorato de potasa, sulfuro de antimonio, cola, area.

SNOW DOWN. Candem Town. A roseira branca, os zapatiños de tacón, o pracer rebentando as fibelas, os dedos sedados, os beixos de contrabando, a sorte, o lunar negro e a sorte.

POR UNA CABEZA. O tango adorado, o video de Gardel e Bs As. tan lonxe. De súpeto é xuño, Santo Antonio, e teño 9 anos, e en Bergondiño unha orquestra toca na noite, e todos en roda, mirando as payets cintilantes dos traxes das bailarinas. Todo era verdade daquela.

ROBERTO ARTL. Se el o dixo tiña que ser certo, os mellores tangos escóitanse en Galiza. As súas aguafuertes grabadas a lume falando do que traballan os galegos: “La piedra o el océano. Estos reversos de medalla no son fiorituras de literatura impresionista, sino el bajorrelieve del carácter de un hombre de acción.”

SURREALISTA. Formigas perforando beizos, peito, mans. O encontro inesperado na mesa de disección. Arquitectura estourada de formigas, o negro, as palabras escocendo.



Do ventre da cóbrega
24/05/2009, 00:00
Filed under: poesia, presentacion

A presentación do poemario:  íntima,  cargada de emoción, de xenerosidade, de intres fosforescentes entre amigos, poetas e pintores. Foi un pracer compartir a tarde de onte con Xavier Seoane e a xente que o quere e admira, entre os que me inclúo. Sentinme afortunada de escoitar, coma sempre, a un gran dicidor de poemas.

A memoria é o pouso

de moitas memorias.

A luz o sedimento

de moitas sombras.



XAVIER SEOANE: DO VENTRE DA CÓBREGA
21/05/2009, 22:18
Filed under: poesia, presentacion

Mañá 22 de Maio, ás 20:00 preséntase o novo poemario de Xavier Seoane no Centro Social Caixa Nova. Participarán no acto ademáis do autor, Fidel Vidal, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán Vello. Alí nos veremos.



Fernando Agrasar: Introducción al conocimiento de la arquitectura
20/05/2009, 12:21
Filed under: misc, presentacion

Recolle Fernando Agrasar que escribe Vittorio Gregotti sobre o concepto de proxecto:

“Non creo que se poda falar de proxecto sen falar de desexo. O proxecto é o xeito con que tentamos satisfacer un desexo noso. Nembargantes, a palabra proxecto leva implícito un senso de distancia entre o desexo e a súa satisfacción.(…) Dende o punto de vista da arquitectura, o proxecto é o modo de organizar e fixar arquitectónicamente os elementos dun problema. (…) A arquitectura encóntrase, dende este ponto de vista nunha situación un tanto especial. A complexidade técnico-económica dos factores que concorren na súa formación é tal que fan precisa unha previsión detallada dos elementos do proxecto: básicamente a gran distancia que media entre desexo e a súa satisfacción.” GREGOTTI, Vittorio, Il territorio dell’architettura, Feltrinelli, Milán, 1972.

Ésta é unha das moitas citas textuais que atopamos no libro Introducción al conocimiento de la arquitectura. Tiven a sorte de que Fernando Agrasar, arquitecto e autor do libro, me convidase a lelo para participar na presentación do mesmo xunto con Jérôme Lecat, Xan Mosquera, José Manuel Peña Serna e Pilar Seoane, que terá lugar hoxe ás 20:00 no Colexio de arquitectos (Federico Tapia, 62).

DESCUBERTAS. Así definiría o meu encontro co libro, eu que son allea  á disciplina, descubrín que nunca tivera a oportunidade de achegarme a ela. Estes días pensei na importancia da adquisición dunha cultura arquitectónica dende a nenez, as repercusións que isto tería na sociedade, a urxencia de posuir as ferramentas necesarias para mirar arredor.

Onte, na rolda de prensa, un arquitecto convidado, Jérôme Lecat, dixo algo que me conmocionou, e parafraseo: a arquitectura condiciona o noso xeito de pasear, os nosos encontros…

Este libro ofrece iso, as ferramentas necesarias para achegarse á arquitectura, nocións básicas e complexas que permiten ver/mirar de xeito distinto, definicións necesarias que me fixeron tomar consciencia dalgúns prexuizos, pero tamén da importancia que ten que a sociedade adquira unha cultura arquitectónica para que algunhas cousas muden.  E si, non todo o que se constrúe é arquitectura.



Quen anda aí?
18/05/2009, 20:19
Filed under: misc

Son nova nisto, apenas hai dous meses que camiño entre os sucos, e cando publico un post sempre teño a sensación de que non hai ninguén aí, sinto que boto as palabras ao pozo de Alicia. Imaxino os comentarios caendo, rozando as tazas de té, os zapatos, os libros suspensos no ar, incluso un abrelatas enferruxado.

Así, a sorpresa é maiúscula, cando alguén que non coñezo, que me que me acaban de presentar, ou que perdera de vista hai anos, dime que viu o meu blog, ou o que é peor, que o segue.

Ohhhh, xusto nese momento sei que estou vermella, e inmediatamente penso en tódalas cousas que escribín, nas posíbeis grallas, nas incoherencias, nas intimidades, ai!!! de verdade que eu non debería, non debería.

Pero esa persoa, alguén moi amábel, fai referencia a calquera anécdota e di: que lindo comentario, que emotivo, e eu xa quedo paralizada de todo, abraiada.

E si, hoxe quero agradecer a tódolos habitantes do meu pozo de Alicia, eu non sabía que existíades, pero ando a descubrirvos desconcertada e feliz.



17 de maio
17/05/2009, 02:06
Filed under: poesia

días en que me seco no centro

e rodas de palabras baixo a campá

e nada detén as palpitacións

que anuncian a caída

nin sequera os ósos amortecen o golpe

o estalido será o contrasinal

para despedirme das cousas inútiles

dos días sen ceo

das promesas

 

neses días recollo anacos de palabras

restos acarunchados

que clasifico por tamaño e rugosidade

como a arqueóloga que me designaches ser

desempoo muros sen inscricións

empeñada en destilar caixiñas infantís

mariquitas decapitadas

tardes de cacharriños

papaventos



Para seguir bailando
15/05/2009, 13:03
Filed under: presentacion

Chisco onte falou do azar, dese vento que nos leva e nos trae, que tanto se ri de nós. Leu o último relato do libro, o que lle da o título, unha carta a Cortázar.

No conto facíase referencia a un libro presentado en Buenos Aires no que analizaba a relación do escritor arxentino con Galiza. E nese momento saltou a faísca, e puxenme a pensar na bibliografía da miña tese, e de súpeto vin unha folliña fotocopiada dun libro sobre Cortázar escrito en galego, unha referencia mínima a Alejandra Pizarnik.

E claro, o libro era de Chisco, só que nese momento  eu non o coñecía, foi Teresa, Teresa Seara quen me sorprendou con aquela referencia para a miña bibliografía. Chisco non sabe o que significou aquela breve nota, a posibilidade de unir a Pizarnik con Galiza, escrita en galego, nunha tese donde tódalas fontes son en español ou inglés. Non podo describir a  simpatía que sentín por aquel escritor descoñecido que me agasallaba a posibilidade de colocar a miña lingua no universo Pizarnik.

Todo isto el non o sabe, porque onte non era o día de contarllo, porque a xente facía cola para obter o seu exemplar asinado, e os amigos amoreábanse arredor súa con felicitacións. Agora, que Chisco é un poeta admirado por mín, agora que xa o coñezo, podo dicir que o azar sempre deixa sinais certeiros.



16 de maio: Día internacional dos museos en Moret Art
14/05/2009, 18:40
Filed under: Evento

Para celebrar o día dos museos este sábado, Moret Art e a librería Nova Colón prepararon unha serie de actividades para nenos e adultos.

Pola mañá, ás 12:00, haberá unha lectura de contos para os pequenos, feita polos pintores Alfonso Costa, Gosia Trebacz, Manuel Suárez e Xurxo Gómez-Chao.

E a partir das 22:00 comezará “Noite, luz e sombra”, unha lectura de textos levada a cabo por Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Lino Braxe e eu mesma, acompañados da música de Rómulo.

Será un pracer vervos alí!



Presentación de Francisco Fernández Naval: Para seguir bailando
13/05/2009, 15:16
Filed under: presentacion

Mañá, ás 20:30 en Portas Ártabras (Sinagoga, nº 22) preséntase o último libro do escritor Francisco Fernández Naval, Para seguir bailando. Na presentación participarán, ademáis do autor, Tucho Calvo e Manuel Bragado. Será unha oportunidade fantástica para poder escoitar de novo a Chisco con este novo libro de relatos, que ainda non lin, pero que estou desexando ter nas mans. Alí nos veremos!