Convidada polo Ateneo, o Museo e a Deputación de Pontevedra pasarei os vindeiros 5, 6 e 7 de abril traballando coa palabra. O venres comezará cun recital no Museo de Pontevedra, Sexto edificio (R/ Padre Amoedo, 3), ás 20:00, no que lerei poemas d’O pouso, o silabario, OPIVM, as Esquiagrafías…
O sábado e o domingo nun obradoiro intensivo de escrita creativa: Atraversados. Nove horas para deternos na poesía galega contemporánea, a materia, o papel.
Inscrición gratuita na Secretaría do Museo (986 804 100 Ext.42436)
Estou entusiasmada. Será un pracer atopármonos alí.
Chegou. Foise.
Pero tanto tanto entre medias.
Arrincar a golpe de mércores con Fernando Marías, Javier Gullón e Borja Pena. A conversa na noite, da literatura ao cine. E todo eran preguntas.
El hilo de la memoria que me rinde con Gracia Iglesias. A papiroflexia atravesando semáforos despedida.
O xoves Obradoiro de Poesía con Gonzalo Escarpa, unha verdadeira descuberta, onde comeza e acaba a poesía experimental, o acontecimento poético.
O encontro con Manolo Rivas e María Canosa, tódolos mistos.
O recital, sete voces (Kepa Murua, Gonzalo Escarpa, Carmen Camacho, Pablo García Casado, Ada Salas, Jordi Corominas e eu) procurando os camiños da palabra no escuro. As siluetas amigas. Tamén alí Yolanda Castaño. E o micro aberto, todo por contar.
O venres á mañá no Coruña Educa, con Carmen Camacho e Jordi Corominas, máis a soas ca nunca, con 500 rapaces que axexaban polo poético dende as butacas, o catalizador, as esquiagrafías, as chapas.
A conversa con Kepa Murua e Ángel Zapata, os tesouros, a identidade.
De novo o obradoiro con Escarpa, repensar o lector, atender ao que non.
A charla de Doménico Chiappe Germán Sierra e Javier Pintor, os novos medios, como contar agora.
Máis tarde Santiago Roncagliolo con Xesús Fraga. A conversa no vento, cara o mar, entre o fume. Un pracer.
Na noite fecha, Manuel Vilas co seu Amor e o Gran Vilas. Saber que ninguén defende os textos propios coma un mesmo. Falar do poético, do silencio en Pizarnik. A palabra.
O sábado rematar o obradoiro, cun feixe de fiestras abertas, feliz de ter asistido, de aproveitar ao máximo a profesionalidade de Gonzalo, a intuición do coñecemento vertical que sostén todo o demáis.
A mesa de Ramón Nicolás e Tucho Calvo na que a escrita do país, a edición, a literatura, a torsión necesaria da pregunta. Un pracer.
Ráfagas de MADATAC. A area, a auga.
Para fechar con Jordi Corominas, en loop, o confetti, a imaxe disparada sobre o espectador, o alarido.
E aínda que o domingo a promesa, xa non puiden desfrutar do fin de festa.
Todo isto, todo, entre camiñatas, conversas que apuramos antes dos recitados, sempre co obxectivo de Alfonso Rego sobre nós, transparentándonos. Ese feixe de instantáneas que alentan sobre o poético. Uñitas pintadas. E todo o equipo do Ágora, dende os técnicos ata a directora, o traballo de Andrés e Cris. O saber facer de Oído Cocina!
A atención e control de Pedro Ramos para que todo, para que todo.
Celebro o encontro, os achádegos, a complicidade na noite, as conversas imprevistas
e agora
un inventario de palabras
no ar
a distensión
os vapores da derrota
Ata o FCM 2014.