Filed under: Obradoiros
Da comezo o segundo trimestre de Arquitecturas do poema.
Atrás quedan xa os conceptos poéticos de perda, ruinas, morte, o lugar, a beleza, a construcción da voz poética e algunhas ferramentas apuntalando arquitecturas do poema.
Nos vindeiros meses abordaremos máis ferramentas, abriremos fenda nos tópicos literarios, tantearemos a poesía amorosa, o poema breve e hiperbreve, asociado ao aforimo (Porchia), a música (silencio, ritmo, rima, acento) en tódalas súas vertentes na creación poética. E a trampa, a trampa que xa se anunciaba en decembro, o mecanismo exacto do poema. E por suposto seguiremos aprendendo e reflexionando sobre a creación poética con Juarroz, Eliot, Salinas, Pound…
Debo repetir, e dígoo a modo de advertencia, a deriva será o pilar da aprendizaxe, demorarémonos en calquera concepto, calquera, que alumee a nosa achega ao poético.
Esta é a proposta.
A inscrición inclúe master-class con dous escritores recoñecidos por trimestre. No pasado as visitas de Celso Fernández Sanmartín e Gonzalo Hermo.
Sesión aberta e gratuita o xoves 9 de xaneiro ás 20:00. Praza da fariña, 12. (Praza de Azcárraga)
Prezo: 60 euros/mes.
Escribamos.
Matrícula e info: eu@dorestembras.com
Finalmente decídome así
coas mans atadas ás costas
e un pedazo de papel tapándome os labios cun verso de Artaud:
eu padecín cincuenta electroshoks, cincuenta estados de coma
Gonzalo Hermo, Crac.
Foi nos últimos días de decembro.
Gonzalo Hermo traía consigo os tempos asociados ao poema, e versos de poetas moi queridas e admiradas: Xohana Torres, Chus Pato, Olalla Cociña, Olga Novo ou Alicia Fernández entre outr@s.
O sinxelo foi rendirse ante o seu discurso, artellado no mecanismo temporal dende o que se sitúa o poeta. Xurdiron moitos outros conceptos, e Gonzalo foi dunha xenerosidade maiúscula falándonos do seu propio proceso de creación e partillando algúns textos inéditos do seu novo traballo.
Dicir luxo, honra ou privilexio. Repetir o que significou esa tarde para tódolos asistentes. O fascinio ecoando cando el fechou a porta.
Os bolos de Santa Lucía. A noite.
Eu débolle moito a Gonzalo, pero como dixen ese día, a súa presenza en Arquitecturas do poema é un dos luxos que me reserva a súa amizade. Compartir a mirada, a peneira á que se someten @s escritores que axudan a configurar o propio traballo. Foi un encontro tremendamente estimulante para tod@s.
Verdade.
Moi agradecida.