Sucos: blog de Dores Tembrás


O pouso no Elviña
30/05/2010, 22:10
Filed under: poesia, Pouso

O xoves levei o pouso ao Instituto de Elviña. Ao que foi o meu instituto. Entro, despois dunha década, e vexo á bedel, que me recoñece, á que saúdo, e toda a nostalxia no xesto. E alí, xusto alí, Pepa (A PROFESORA de lit. galega) e sí, pasou o tempo, pero podería ser que non, e unha ledicia atroz recuperada nas xemas dos dedos que a abrazan.

A sala de profesores, os mestres que están e os que non.

E lévame da man, ela, coma sempre, ata a biblioteca. Alí os exemplares do pouso nas mesas, e os rapaces e rapazas que teñen preparada a lectura dun manifesto sobre a literatura, sobre os libros. Emocionante. E aplaudo coma se a verdade da palabra acabara de abrollar daqueles asentos.

Somos o que xa eramos aos doce.

Descúbrome falando de poesía, da lectura, do meu proceso de escrita, das obras que me marcaron a ferro, dos mestres que alentaron, a chave das noces, e toda a vangarda.

Hai naqueles rostros a intensidade de quen le con devoción, de quen agarda pola seguinte páxina. E como estou na casa, as confidencias sucédense, coma se estivera a debullar fabas.

Papel calco desa impronta.

Bébeda de adolescencia, das preguntas lúcidas e os comentarios atentos, que poñen a proba algunhas das reflexións. Emocionada ao saberme alí, naquela biblioteca, onde tantos días. E sei que durante un par de horas a palabra para eles, para min. Aquí un post que fixeron sobra a visita.

Sinaturas en camiseta e papeis diminutos.

E o libro de fotos -os poemas en branco e negro- que agora conta cunha nota a lápis na primeira páxina: “Agasallo dos alumnos do Clube de lectura do Instituto Elviña. Maio 2010. Inesquecíbel Pepa e os rapaces!!”

Agradecida na emoción e feliz pensando no vindeiro encontro.



Todos poetas no Colexio Manuel Murguía
25/05/2010, 21:50
Filed under: Lingua, Literatura, poesia

Hoxe tiven a sorte de ir dar un obradoiro de poesía a rapaces, de entre 9 e 12 anos, ao Colexio Manuel Murguía.

Era a primeira vez que traballaba con nenos tan pequenos e veño impresionada. Foron algo máis de dúas horas xogando coa palabra. Definindo a poesía, aos poetas, ubicando conceptos como estrofa, verso ou rima, que eles mesmos me ían apuntando.

Pero o mellor foi o xogo coas fichas de sustantivos e adxectivos. De aí sairon os poemas finais, que aplaudimos entusiasmados. Prometinlles publicalos aquí, asi que preparádevos para unha verdadeira antoloxía poética infanto-xuvenil.

Foi un agasallo poder falar con eles de mazás transparentes ou do amor -todos namorados- e escoitar como se di esa palabra “redonda e vermella” en ucraniano, en chinés, en italiano. Ver como ensaiaban a palabra e melloraban as primeiras versións dos textos.

Compartir a emoción da poesía. Saber que tódolos nenos e nenas son poetas.Velaiquí o seu traballo magnífico:

Ti tés un furado longo/ porque a xente escarva en ti (Dani, 10 anos)

Meus ollos son os teus ollos/ miña boaca é a túa boca/ e noso amor é tan escintilante/coma as estrelas do ceo. (Sonia, 12)

Tu Amor es mío es tan /delicado como las rosas (Josemi, 9)

a noite sae(n) as bolboretas/ A noite é escura/ voan a noite nocturna (Adrián, 11)

el limón es imposible tocarlo/porque se ha chocado (Jonatan, 11)

Un espello é delicioso/porque te reflexas nel. (Miriam, 11)

A mazán transparente non pode ver nin oler solo pode comer (Marco, 13)

Mar estrelada/reflejo na auga (Manuel, 9)

Area tola é moi morena (Cristian, 12)

Lúa azul no es tan azul/ para ser unha lúa azul bucea por el mar/Lúa azul que parece un ángel /si quieres ser más azul haz amistades/ Lúa que parece unha naranxa si quieres ser azul tunéate hasta por la hoja/ Lúa azul para protegernos del sol haz un eclipse. (Jorge, 10)

que te he querido no niego que te he “querío”/pero tu tampoco niegues que me has fallado/coma unha árbore covarde (Soraya, 12)

O outono é magnífico porque é pacífico (Eugenio, 12)

Noite bela e lixeira/como as estrelas. Que boas estrelas que/sen elas/non iluminarían a terra. Que noite, que lixeira/como o amor son as estrelas. (Isaac, 9)

El sol frío/se queda fresquiño/con el frío y calorciño. (Wesley, 9 y medio)

Unha pedra vistosa e un amor nunha rosa.  Como unha pedra vistosa enamoreime de ti pero unha rosa marchitada alexoume de ti. (Montse, 11)

Ao sonar a campá é sabrosa.  (Alex G. 10)

El ceo es crocado y es dormilón (Samara, 13)

A prata húmida/mollouse pola chuvia. (Alejandro, 9)

Onte foi á praia a coller unha cuncha/pero a cuncha estaba empedrada  (Sara, 10)

A cereixa da árbore é suave como a neve (Roberta, 9)

O pan quente é moi compracente (Alex Lavié, 9 años y 1/2)

Co amor do cadrado salvou á choiva de un relámpago (Noemí, 9)

Las bolas de inverno son redondas (Esmeralda, 10)

Quero agradecer a todos e cada un destes nenos e nenas que compartisen comigo tanta verdade, e ás profesoras e profesores que participaron ao longo da sesión o seu entusiasmo inesgotábel. Foi unha mañá xenial. INTENSA. DELICIOSA.



Café de palabras
19/05/2010, 11:30
Filed under: Evento

Mañá, ás 20:00 no local 8 Luces (Orzán 96) xuntarémonos arredor do café para falar da palabra.

O tema de partida: os límites entre a vida e obra dos autores. Como lemos? Como inflúe o noso coñecimento da vida sobre a nosa lectura? Enfrontámonos ao texto igual coñecendo información biográfica do autor? Rastreamos as anécdotas vitais nos textos? Morbo? Límites entre a realidade e a ficción?… Pero o interesante será divagar. DIVAGAR.

Vémonos alí.



Poetas di(n)versos VII. Confidencias
19/05/2010, 11:08
Filed under: Evento, poesia, recital

Elena Medel. Marica Campo

Onte fechouse o ciclo ata o outono. E foi unha clausura en feminino.

Elena Medel. Eu lera algo do seu primeiro poemario, Mi primer bikini, pero onte, en vivo. E alí, facéndonos confidentes, alí, tan nova, alí nós escoitando mentres a adolescencia regresaba de vacacións. E as tentacións primeiras, perversas, e as canicas, tódalas cánicas a chovernos. E o amor, o AMOR, ese tan íntimo, tan recoñecíbel para min, a avoa, transferido.

Marica Campo, ofrenda  sempre. E escoitarlle “e todo foxe nun fluir de fume” que encabeza o meu pouso. E daquela o ar suspenso. E hai nesa experiencia do mundo, entre sextinas e sonetos, amor-amores. E unha tolería fascinante da que apropiarse. E a poeta deixa acios frescos nas cadeiras antes de coller a barca, ou cofre dos tesouros, e botarse á mar.

Unha iniciativa así é difícil de agradecer. Parabéns a todo o equipo da Concellería de Cultura por esta aposta pola poesía, a Yolanda Castaño pola organización e dirección do ciclo, de cada un dos encontros.

Os invernos na Coruña non son fríos, nin húmidos, son en verso.



O día. Feliz 17 de maio!!
17/05/2010, 09:08
Filed under: Evento, Lingua

Feliz festa grande das letras, do que somos!



Celebrando o 17
14/05/2010, 18:05
Filed under: Evento

Mañá comeza para min a celebración do 17. Pola mañá (11:30), no bairro Agra-Conchiñas, haberá un recital multitudianario, enmarcado no Festival Artístico PARALELO 43º 21′ 45”. Alí nos xuntaremos moitos poetas e amigos para recitar no mercado.

E á tarde participarei cunha charla sobre a celebración das letras, convidada pola Asociación Tanxedoira, ás 19:30 no salón de Actos do Centro Cívico Monelos (Avd/Monelos nº 2).

Os festexos non poden comezar mellor!



Escritores, poetas, poetisas
13/05/2010, 00:29
Filed under: Lingua

Advirto: non pretende ser este un post incendiario.

Dende que comecei o blog tiña no pensamento escreber un artigo sobre isto. A pesar de ser un tema tratadísimo (hai moitos artigos e traballos que se ocupan da discusión poeta/poetisa.), controvertido, e do que algúns temos unha opinión máis ou menos formada (e digo algúns porque moitos nin se plantexan a escolla).

Pero eu quería darlle outra volta, unha viraxe persoal apenas.

En moitas presentacións de actos, pero tamén en artigos e notas de prensa, nos que se alude a escritores e escritoras faise a distinción entre novelistas-narradores e poetas. Daquela falan do escritor tal (narrador), da escritora tal (novelista) e do poeta tal (poeta).

E isto non é algo extraordinario, senón que vén sendo habitual. Conclúo que é un feito asimilar novelista con escritor, semella que isto está realmente asumido, mentres que os poetas, como dicilo, os poetas non son escritores, son poetas.

Para seguir, e coma se o xénero común non existise, están todos os que seguen a escola que se decanta polo poetisa en lugar de poeta para a muller que escrebe poesía.

E si, despois de ler e analizar autoridades e razóns (e moito antes de publicar un poemario) eu son partidaria de poeta, muller poeta, poeta. Deixo aquí un artigo publicado en Espéculo, que lin hai tempo e que recolle algunhas das razóns para tal escolla. Non quero determe niso. Isto é unha declaración de intencións.

Ser escritora e poeta, por moi inverosímil que lle pareza a algúns, é posíbel.

(Un pouco incendiario si que quedou, non?…)



nai
02/05/2010, 11:00
Filed under: creación, poesia

modificas
a traxectoria
pasándolle a pedra
á fouciña
e alí
cinguida de fracaso
no medio do camiño
sóbesme ao colo
para que unha das dúas
non se ortigue