Talento. Esa era a proposta. A promesa. A expectativa do TEDxGalicia 2010: Cara unha sociedade movida polo talento.
Entrar no auditoriodo CGAC e a estética de TED tan inmediata e recoñecíbel. As charlas magníficas de Barry Schwartz e Ken Robinson.
A proposta local: sete ponentes. Seis homes, unha muller. Cinco charlas en castelán, dúas en galego. No auditorio 100 persoas.
Non quero facer unha lista de críticas, sobre todo porque creo que o importante foi que se fixese. É doado subestimar a organización que require un evento destas características. E eu quero felicitar á organización polo esforzo, polo traballo.
Quizáis a chave resida nas expectativas que xenera a marca TED, o formato global que tódolos asistentes coñecíamos. A esencia de TED é a calidade do contido, a capacidade de comunicación dos ponentes, a vangarda na análise de calquera das áreas que toca.
Teríame gustado asistir a un encontro con ideas orixinais, xeniais. Neste sentido a filosofía de TED é diáfana. Os ponentes non se limitan a expoñer un tema, se non que focalizan a súa intervención nun concepto, centrando a súa aportación, a súa análise nel, diseccionándoo ó máximo. Abren moitas fiestras (verticais, horizontais, transversais) a partir dese centro. Son inspiradores, estimulantes. Algúns mesmo crean un corredor novo no cerebro de quen os escoita.
Hai unha cita de Chomsky que fala por si soa: “Non deberíamos estar buscando herois, deberíamos estar buscando boas ideas”.
TED sabe iso. Por iso os seus poñentes son como son.
Poucos conceptos tan potentes como un auditorio que vai escoitar a alguén que ten algo que dicir.
Seguro que TEDxGalicia 2011 saberá aproveitar mellor iso.
Filed under: Podcast
Falaba hai algún tempo da conversa, do pracer da conversa. Inicio hoxe unha nova sección de podcast no blog arredor deste concepto. Inauguro con Anxo Angueira e a súa novela Pensa nao. Venteaba na Coruña, a confidencia das cartas baixo o paraugas, as primeiras castañas, as raiolas no dique, o mar, o café. Imposíbel ocultar o fascinio pola súa escrita.
Obrigada Anxo.
Esta fin de semana pasada tiña lugar no Kiosco Alfonso, na Coruña, o V Encontro de novos escritores. Antes congreso, agora encontro. E si, non contaba esta actividade con apoio institucional algún, exceptuando á Deputación da Coruña e a Concellería de Cultura da Coruña, que brindaron espazo e apoio económico.
A reflexión organizouse en tres mesas de traballo que xiraron arredor da poesía e o poético (Álvaro Negro, Celso Fernández Sanmartín, Oliver Laxe, con Antía Otero presentándoos ), dos premios literarios (Olalla Cociña, Lucía Novas, Ledicia Costas, con Francisco Castro de moderador), e da lingua (Olalla Tuñas, María Lado e Xosé Daniel Costas con Marta Dacosta conducindo o debate).
As mesas foron de moi distintas intensidades, pero todas desembocaron en debates productivos. Probabelmente a primeira, centrada no poético dende outras artes (fotografía, cine, oralidade) con discursos complementarios entre si, fixo da conversa posterior unha fonte de reflexións tremendamente estimulante: a procura do poético, os ollos que miran, a esencia da poesía, o sublime (Burke, Burke, Burke), o concepto de fuga, o retrato, o telegrama. Aínda é cedo para materializar conclusión algunha, asi que aquí o deixo por agora.
O motivo do post é CELEBRAR este tipo de encontros, se no Galeusca facía referencia á necesidade de que escritores de xeracións distintas tivesen un foro no que atoparse, este é outro foro, imprescindíbel para min, no que novos e novísimos escritores podemos coñecernos, entrar en contacto. Sempre as descubertas.
O remate da xornada púxoo un recital no que participamos: Susana Sánchez Aríns, Arsenio Iglesias, David Rodríguez, Gonzalo Hermo e mais eu. Os faros, a palabra.
Os pasados días 29, 30 e 31 de outubro tivo lugar a XXVII edición do GALEUSCA na Coruña. É o segundo ano que teño a oportunidade de asistir, e de novo a sensación de estar participando nun encontro histórico. Non pretendo facer un repaso ás mesas de traballo, que xiraron arredor da industria cultural, as viaxes na literatura, e os vellos e novos soportes; mesas nas que houbo de todo: intervencións interesantes, orixinais, frescas, outras máis densas pero que, en calquera caso, sempre nos obrigan a posicionarnos, a tomar conciencia, a preguntarnos …
Quero recoller apenas uns apuntamentos persoais do que foron estes días, destacando o encontro con escritores consagrados da nosa delegación: Xavier Seoane, Xavier Docampo, Xulio Valcárcel, Ánxeles Penas, Marica Campo, Pilar García Negro, Francisco Castro, Anxo Angueira, Xina Vega e máis novos: Marcos Calveiro, Alfredo Ferreiro, Eduardo Estévez, Begoña Paz, Diana Varela, Laura Caveiro, María Lado, Lucía Aldao, Olalla Cociña entre outros.
Interésanme sempre este tipo de foros onde escritores de diferentes xeracións temos a oportunidade de coñecernos e falar non só da situación da lingua, da literatura, senón de dar un paseo ou tomar un café para falar devagar e preguntar por esa obra que nos fascinou.
O encontro coas outras delegacións é sempre productivo, a pesar de enfrontarnos a diferentes problemáticas, o GALEUSCA é ese espazo real no que nos recoñecemos galegos, vascos e cataláns. Descuberta de Nikolas Zimarro e Urtzi Urrutikoetxea. Tamén de Ignasi Riera, a quen non vou poder devolverlle nunca esa conversa deliciosa sobre o seu traballo de editor, e tódalas historias mínimas de cada libro.
Xenial:
Escoitar a Docampo, ese contador exacto e fascinante que pode falar da infancia ou da defensa da lingua coa mesma entrega, toda a entrega.
Ter a oportunidade de conversar con García Negro, que coñece as vértebras da lingua, do que somos; ou falar de Pizarnik con Marica Campo.
Recitar con Olalla Cociña, (por fin!!!) e dende a cadeira repetir esa alfaia de catro versos na que o desexo.
E tódolos cafés, moitos, moitos, ao longo destes días, imprescindíbeis para continuar coas preguntas e o debate, para estar, na complicidade de quen traballa coa palabra.