Sucos: blog de Dores Tembrás


Véspera
29/04/2009, 23:16
Filed under: misc, Pouso, presentacion

Unha non pode evitar pensar no que acontecerá mañá, as vésperas teñen iso  indiscriptíbel, un ansia arrítimica que precipita o tempo, ou non. Sorrío pensando nesa persoa que sei que irá, que hai tanto que non vexo, e sobre todo penso nos que non estarán e extranarei.

E agora marcharei para a cama, repasarei cada unha das cousas pendentes: pasareille o rodillo ao vestido, colocarei as medias sobre os zapatos, os post-it do poemario, pintarei as unllas?… e xa só quero estar en moret art,  sentada, un instantiño antes de que todo comece, e ficar así, mirándoo todo, antes de que se convirta nun recordo.



O libro…
28/04/2009, 15:52
Filed under: misc, poesia

Hoxe pola mañá vin por fin o meu libro, O pouso do fume. Non sei como describir o momento, por fin era un obxecto, sostiña nas mans ese conxunto de poemas, as letras en prata… vaia, que estou feliz co libro-obxecto, libro-desexo.

E xa non queda nada para a presentación, e si, estou algo nervosa, para que disimular. Sobre todo concéntrome para non emocionarme ese día, para agradecer e ler os poemas tranquila, para desfrutar da tarde, dos amigos que estarán alí.

Xa sabedes, o xoves ás 20:00 en Moret Art (Olmos 12-14)!



A crítica
27/04/2009, 22:37
Filed under: Palais du vocabulaire

Nas Cartas a un xoven poeta, de Rainer Maria Rilke, hai un fragmento que me parece espléndido:

“Non podo entrar en detalles sobre a índole dos seus versos xa que calquera intención crítica é allea a min. Non hai nada menos apropiado para unha obra de arte que as palabras críticas: sempre resultan en malentendidos máis ou menos afortunados. As cousas non son tanxíbeis como se nos quere facer crer; a maioría dos acontecimentos son indecíbeis e acontecen dentro dun espazo onde nunca penetrou nin unha palabra, e os máis inexpresábeis de todos son as obras de arte, existencias misteriosas cunha vida que perdura ao lado da nosa, que se extingue.”

Despois disto hoxe non podo dicir máis nada. Só darlle as grazas a Ana por traerme de volta este libro delicioso.



Libros no día do libro
23/04/2009, 22:55
Filed under: misc, poesia

Hoxe é un deses días felices, explícome: máis aló do toque comercial, non é marabilloso que nos poñamos dacordo para agasallar libros aos que nos rodean? Mentres buscaba libros hoxe á mañá, pensaba no raro que é todo para atopar o que buscas… Olalla Cociña inencontrábel, así que o Libro de Alicia terá que agardar, sen embargo, alí estaba Desconcerto de Eva Veiga, na Nova Colón, e tamén un libriño de Xavier Seoane: Os bosques encendidos.

Na fnac foi outro conto, é que me rebelo a que tantos libros como teñen apenas adiquen dúas estanterías a poesía… e ademáis teñen pouco en galego. Alí merquei un de Rimbaud e outro de Simone de Beauvoir. Iso si, agasallan unha botella de viño Rosalía de Castro por unha compra superior a 25 euros.

E pensaba na importancia que ten que os libros estean alí, nas librerías, porque se nom están, como saber que existen? Refírome ós libros descoñecidos, a cando imos procurando algo a tentas.

E despois tamén pensei no triste que é que os libros se esgoten, como Catálogo de Velenos, de Marilar Aleixandre, ou Os distantes de Celso Álvarez Cáccamo; ou o caso da colección Poeta en Compostela que saía co Correo Gallego no 2005, e no que hai libros marabillosos como Aquí (intemperies) , Love me tender (24 pezas mínimas para unha caixa de música), ou Berlín. Que pasa se ti queres, precisas, agasallar un destes libros? Pois non podes, parece que a poesía ten unha circulación moi restrinxida porque, se ben sempre nos quedarán as bibliotecas, hai libros que unha precisa ter, posuir, ou polo menos ese é o meu caso.

En fin, desexo un feliz día do libro, e moitos versos para acougarnos.



Mestres
23/04/2009, 19:32
Filed under: poesia, presentacion

Onte fun á presentación do libro Deter o día cunha flor; alí sentada entre tanto poeta afamado, pensaba nese halo intanxíbel que rodea a Luz Pozo.

Despois das intervencións de Xulio Valcárcel, Ánxeles Penas e Olga Patiño falou o gravador José Valentín, e todos ficamos rendidos ante un discurso de mestre, cunha humildade e sinxeleza abraiantes.

Despois interviu Luz, e eu púxenme a pensar na primeira vez que lin Códice Calixtino, na fonda impresión que me causou coñecer á poeta o día que cumprín 27 anos, na súa homenaxe, nas últimas veces que coincidín con ela.

Pero onte a mestra da palabra foi máis aló, a lectura dos poemas foi estremecedora, porque ela recita ata desarmarte, ata levarte ao seu paradiso particular. E sigo enmudecendo cada vez que lle pido que me adique un libro, porque ela é Luz Pozo Garza, nena do patinete, lectura fundamental da miña adolescencia, mestra de poetas.



Boh: Presentación de A desparición da neve, Manuel Rivas
22/04/2009, 14:01
Filed under: poesia, presentacion

Non contaba con atoparme onte na fnac coa presentación deste último poemario de Rivas, foi unha coincidencia feliz, dende o 96 que leo case todo o que fai, e nunca estivera nunha presentación súa. Sobra dicir que a cafetería estaba ateigada, moreas de xente de pé.

Como estaba por alí antes de que fose a hora oficial, puiden observar o que acontecía arredor do escritor con camiseta a raias: un grupo de rapaces que timidamente lle piden unha entrevista, amigos que o felicitan polo libro, un xornalista que lle pide uns intres para entrevistalo, tres ou catro fotógrafos que inmortalizan o acto, o encargado do son, que ultima detalles, a encargada de cultura da fnac que coloca coidadosamente unha chorima no micro, as señoras de diante que falan do magnífico que é Rivas e preparan sendos lotes de libros para que llos asine, o señor que leva alí dende as seis e media co libro na man, seguindo a Rivas cos ollos dende que chegou, a señora que graba todo o acto cunha cámara dixital. E por alí tamén andan os músicos César Morán e Pulpiño Viascón, preparando os instrumentos.

A presentación estivo moi bem, pero iso case sobra dicilo, e eu preguntándome que ten este home para xerar tanta expectación ao seu redor. Pois ten que nas distancias curtas é un home encantador, sinxelo, que con habilidade pasmosa fai debuxos con pluma en cada un dos exemplares que lle piden que asine: unha barca, un libro, un paraugas, ao tempo que mantén unha breve conversa coa persoa que agarda na cola para adquirir o exemplar.

A paixón coa que conta as historias é contaxiosa, e claro, tamén está o serrucho, que coma di el, é o instrumento máis extraordinario do mundo. Na parede proxéctanse fotografías da neve e a música, que acompaña a voz de Rivas, crea esa atmósfera íntima que nos deixa mudos. O poema Boh, foi o que máis me chegou, ao mellor porque eu tamén tiven un avó que prácticamente só empregaba esta palabra, e que dependendo do ton tiña múltiples significados, ao mellor porque o meu outro avó tamén me deixou por herdanza falar soa, e onte Rivas fixo que iso nom fose tan estrano.



Presentación: Deter o día cunha flor, de Luz Pozo e José Valentín
20/04/2009, 16:20
Filed under: poesia, presentacion

O vindeiro mércores 22 ás 20:00 na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande 21-24) preséntase este libro precioso de Luz Pozo con gravados de José Valentín. Na presentación, ademáis dos autores participarán Olga Patiño Nogueira, Xulio López Valcárcel, Ánxeles Penas e Belén López Vázquez. Estou segura de que será un acto fermoso, á altura deste libro cheo de promesas diamantinas, verdes imposíbeis e follas que estrelan o paradiso reencontrado.



Sobre o recital do xoves…
18/04/2009, 14:34
Filed under: poesia, recital

ata o de antonte non sabía que ás veces a luz pode facerse voz
que hai palabras cicatrizantes e non só as vermellas
os poemas de Eva Veiga e Francisco Fernández Naval
redondeis adentro dos versos
axóuxeres

como asistir
ao nacimento primeiro
á descuberta
pa pa pa pa pa-pa pa-pa papá



Recital de Eva Veiga e Francisco Fernández Naval
14/04/2009, 23:46
Filed under: poesia

Esta semana é indispensábel ir ao recital de Eva Veiga e Francisco Fernández Naval, presentados por Xoán Abeleira, incluido no ciclo Poetas Coruñeses, que terá lugar o xoves 16 ás 20:30 na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Olmos 16-18, A Coruña).



Presentación de O pouso do fume
13/04/2009, 16:39
Filed under: poesia, presentacion

O vindeiro 30 de abril, ás 20:00, presentarase o meu poemario O pouso do fume no espazo de arte Moret Art, na rúa Olmos, 12-14. Alí estarán Miguel Anxo Fernán-Vello, Teresa Seara, Eva Veiga e eu desexando compartir este libro, libro-desexo, libro-obxecto, con todos vós. Quedades convidados!!