Na vindeira semana (30 de xaneiro-3 de febreiro) remata o prazo de matrícula para o obradoiro de poesía galega contemporánea do Fórum.
Neste cuadrimestre temos a sorte de que Estíbaliz Espinosa se encargue dunha parte das sesións.
Xa sabedes, tódolos mércores ás 17:00.
Vémonos alí!
Pode que xa se dixera case todo sobre Isaac Díaz Pardo. Nesta hora quizáis o silencio fose o máis elocuente e axeitado, o único que verdadeiramente puidera estar á súa altura.
Pensei, ao saber a nova, que xa non me voltaría cruzar con aquela figura miuda na fábrica Castro, perto de Sada. Pensei que xa non se repetiría a voz de miña nai, hai tantísimos anos dicíndome, mentres mirabamos as vitrinas da tenda: Dores, ese é o dono, Isaac Díaz Pardo. Eu dei en pensar que todo o que alí había o facía el, que todo o pintaba, e que ademáis el se encargaba de editar todos aqueles libros que tiñamos na casa. Verdadeiramente el era unha presenza poderosa para a nena que o miraba de esguello atravesar a tenda e sair ata as instalacións da fábrica.
A min gustábame ir alí, aprendín que aquelas pezas exquisitas eran algo extraordinario no xeito en que miña nai as tomaba nas súas mans e mas daba a ver. Cando nacín un dos agasallos foi unha vaixela infantil de sargadelos, teño o cartón de canalóns, os debuxos, as cores, a fraxilidade das asas, gardados na memoria máis inocente, na que non se pode tocar.
Despois viría a historia, o coñecimento e o valor daquel home de pasos lixeiros . O abraio. A admiración.
Hoxe sigo lembrando a última conferencia que lle escoitei, hai poucos anos, cun auditorio pequeno, e el alí, de pé durante case dúas horas, falándonos sen unha nota sequer.
Sinto a súa perda, máis que como intelectual indispensábel, como figura próxima e fascinante que engaiolou á nena. E celebro todo o que foi quen de herdarnos.