Onte a Revista das Letras publicou Esquiagrafías, 8 textos, un micro-poemario inspirado na obra de Talbot. Estou feliz co resultado, pero sobre todo co proceso.
O meu retrato é do fotógrafo Stéphan Lutier. Magnífica sesión na rúa. Merci por atopar as liñas nas que escribirme.
Os experimentos fotográficos fixenos con meu pai. Complicidade baixo as bombillas vermellas. Dende agora sempre distinto o cuarto escuro, a exposición á luz.
Os textos, en fin, velaí están.
O domingo en El ideal gallego Armando Requeixo asinou esta crítica d’ O pouso do fume.
Feliz e abraiada coma se fora a primeira.
Onte voltei á escola, ao Colexio Cruz do Sar, en Bergondo, onde cursei hai moitos anos 1º de EXB.
Madeira amoreada no terreo de enfronte, eterna. Tablóns e serrín.
Mentres agardaba na entrada vin o comedor, agora máis pequeno. Eu sentaba alí, perto de meu irmán. Lembro o polo, as patacas asadas, o pan. As cociñeiras mirando por nós. E aquela porta na cociña; o meu cerebro sabía perfectamente que por ela podía sair ao patio sen dar tanta volta. Fascinante a precisión dalgúns recordos.
Faltaba o carro dos xelados. Ás veces, pola tarde, meu irmán e máis eu mercabamos un dedo pica-pica.
Pasaron case 25 anos. Como explico que a nena segue prendida da xelatina lila (compartida onte con outro ex-alumno), do tear, da sensación de sentirse na casa? Todos aprendéndome.
Fun á miña aula, estaba chea de nenos, outro mobiliario, outra disposición, pero alí segue o mesmo armario empotrado onde gardei o meu disfraz de bailarina no entroido de 1986. Poñerlle palabras á sacudida, contar o que foi camiñar polo corredor, chegar á porta, agora medrada, outra.
Felicidade inmensa de ir presentar á escola, para os rapaces, o meu pouso o día 10 de novembro. Alí onde o vimbio sempre será oficio para a pequena e onde, coma un milagre, a herba segue a medrar salvaxe.
Filed under: artigo
Aquí vos deixo o link a “Contemplación especular”, un pequeno artigo no que falo do que significou para min coñecer o vencello de Pizarnik con Galiza, publicado hoxe no Blog da Editorial Galaxia.
Hoxe asistín a un fito histórico. Pálpebras fechadas. Xuntámonos na Alameda, non para pedir, senón para facer camiño xuntos. Crianzas con lingua azul. Alí, para que nos visen, para vérmonos. Globos. Festa do galego, amor polo propio. Por ti. Feliz ás portas da praza, e tanta xente atrás. Hoxe máis ca nunca himno atronador no corazón. Para que sexas.
Ainda que xa algúns compañeiros fixeron crónica completa e exhaustiva do encontro, non me resisto a escribir algúns apuntamentos sobre o Galeusca.
Neses días en Arantzazu tiven ocasión de contactar con escritores cataláns, vascos e galegos. De gran interese para min foi descubrir de perto a situación da súa lingua e literatura, sen intermediarios.
Sentínme parte de algo, membro dunha delegación que coincidía plenamente en enfoque e plantexamentos da realidade literaria e lingüística, prometo que eu non coñecía case a ninguén previamente. E iso foi extraordinario, sentín unha forza común nas mesas de traballo, con ideas claras e mirando cara o futuro con optimismo. Literatura minorizada si, pero de calidade.
Confeso que sentín fachenda ao escoitar aportacións brillantes dos compañeiros, apuntamentos agudos e moi centrados en torno aos obxectivos que nos reunían.
Inesquecíbeis días de mosteiro e brétema, fractais, choiva calando pensamentos, sobremesas infindas, música, risa e reflexión con xente interesantísima. Suliño, interesantísima. Feliz de ter compartido este tempo con grandes escritores, críticos e editores, agora tamén cómplices.
Deixovos enlaces a outras crónicas:
Acabo de chegar dun magnífico encontro co gravador José Valentín e Luz Pozo, poeta á que o Concello de Culleredo lle rendía homenaxe.
Nunha das salas de Vila Melania tiven a oportunidade de escoitar novas anécdotas encantadoras da nena Luz, xa poeta, fascinada cunha ilusitración de xemas de cores; ou disposta a aceptar con cinco anos a un veciño de seis como noivo, só a cambio dunha caixiña de ceras “capaces de fermosealo todo”.
Luz falou tamén de música, de inspiración, de Vicente Aleixandre, da poesía, do espírito e da alma, da imprenta que lle agasallaran os reis de pequena, da flor que detén o tempo.
Pola súa banda José Valentín ofreceu, coma sempre, esas palabras sabias e agradecidas que conmoven polo verdadeiras.
Aquí estou, ofrecida a estes dous mestres.
A piques de marchar escribo esta entrada sobre o Galeusca 2009, o encontro de escritores cataláns, vascos e galegos que terá lugar entre hoxe e o luns 12 en Arantzazu, baixo o lema “Literaturas minorizadas, grandes retos”.
É un privilexio formar parte da delegación galega de escritores. Coido que serán uns días de posta en común, debate e intercambio enriquecedores. Tentarei facer unha entrada á volta contando polo miudo o encontro.
Filed under: Evento
Onte inaugurouse en Santiago, na Fundación Torrente Ballester , unha exposición organizada por Acción contra el hambre e Cultura Solidaria Galega. O motivo: recadar fondos para tratamentos nutricionais para a loita contra a desnutrición infantil.
Algunhas asociacións, empresas privadas e numerosos artistas plásticos, artesáns, pintores, ilustradores, escultores e poetas aportaron o seu gran para facer posíbel esta exposición altamente recomendábel.
Non sei como escribir sobre o de onte, quédome cun dos seus lemas: 40 euros salvan unha vida en 45 días.
É difícil engadir algo máis.