Con motivo da celebración do 25 Aniversario do CEIP Rosalía de Castro fun convidada a falarlles aos rapaces de 3º ciclo de primaria sobre o proceso de escrita, sobre como crear historias e construir poemas.
Foi unha mañá linda. Chegar ao centro, ficar marabillada mirando para as paredes nas que estaban pendurados os traballos das distintas aulas, as fotos dos máis pequenos ilustrando un poema de Rosalía de Castro, os cartaces gañadores do día das letras. Admirarme co traballo que leva a cabo o equipo docente nos distintos niveis.
O paseo polo centro remata na exposición conmemorativa do 25 aniversario. Emocionante. De seguida me contaxio do entusiasmo do director Jesús J. Celemín, que me fala dos comezos da escola, que me ensina as fotos do alumnado que pasou por alí ao longo destas décadas.
Pouco despois xa estou a falar na biblioteca, contando como comecei a escribir, que fago para construir o poema. Foi un encontro divertido e inspirador no que a rapazada fixo intervencións de moito interese. No que falamos de obxectos queridos, das historias que nos gustaría escribir. E así mudamos os finais dos contos clásicos e inventamos historias sobre a botella chegada de Paris. E nun desvío delcioso chegamos ás cereixas, aos peizoques.
De súpeto, a petición dun poema. E os aplausos máis espontáneos que me rinden.
Unha mañá na que seguir fascinándome co nivel das aportacións das rapazas e rapaces de 5º e 6º. Unha cita que rematou en flor e cunca. Fico tan feliz e agradecida.
Parabéns a todo o persoal que compón o Rosalía de Castro por estes vintecinco anos! Eles alentan e forman os soños do noso futuro.
Desexando voltar.
Filed under: Evento
Try as we may to make a silence, we cannot.
JOHN CAGE
Poñendo a proba a cita de Cage, o venres 4 de maio Gonzalo Vázquez presentaba a súa colección Silencio no NH Obradoiro de Compostela. No ar unha espera sen alento que só el pode crear. A pasarela vaciada de ruido para que a danza, para que a cinética nos primeiros compases. Un corredor con paredes de expectación. Así daba comezo o desfile spring-summer 2012.
Tan aí, rodeada de poetas in front row, para mirar o acabado impecábel das prendas, para escorregar como Alice nos canesús que recuperan a infancia máis branca. As blasiers rigurosas, desafiando o concepto máis casual da elegancia. Os vivos brancos coma suliñados que percorren a silueta do esmoquin revisitado. E aquel vestido tan océano co algodón branco no peito, e ombreiros de tirantes, fitas nas que caer rendidos.
Case resulta inevitábel prenderse deste silencio, desta ofrenda tan a medida, onde Gonzalo Vázquez segue detonando vento mudo nas gasas máis leves, nas costas dunha camisería escollida, na sobrepel da seda salvaxe.
Aquel perfil prerraphaelita que me devolvía ao gusto pola excelencia.
Un pracer estar alí, auscultando o detalle mínimo, a costura que o define.Tan el. GV. O seu éxito.
Enmudecer na expectación que se colma.
Aplausos.
Inclinación de cabeza.
O pasado día 4 voltaba ao Instituto Elviña, envolta de frío, de grafitis e versos para compartir co alumnado de 1º de bacharelato.
Os profesores, algúns vellos amigos, a biblioteca eterna. E foi xuntar as mesas e as cadeiras, proxectar as imaxes na pantalla e saber que o que alí acontecía era só para nós. Un privilexio.
E aínda que unha queira entregar a palabra con esfuerzo aprendida, ás veces si e ás veces non. Pero alí, Neruda e Cortázar para remontar o mundo, e Vukusic, e Neorrabioso.
Entre o senfín de palabras, versos, listas, o temor a expoñerse, a ser revelado polos demais a través da sinatura: amiga, tabaco, comprensión, honestidade, fútbol, amorodo, a cor rosa, a pintura, recompensa, nada, vinganza, auga, ilusión, vacío, océano, nostalxia, alcohol, verde, ledicia, lume, rizos, empatía, beleza.
Sempre agradecida a Lois, Pepa, Charo (que ademáis fixo unha presentación xenial do día) e os titores implicados.
Sempre desexando voltar.