Filed under: Obradoiros
Regresar. Regresar. Os lugares son as persoas que os habitan? Durante case corenta anos meu pai traballou na Universidade Laboral do Burgo.
Por iso esta visita era distinta. Chegar antes. Quedar no coche mirando pasar a xente.
O mural, tan outro ao da nenez. Non visitei moito a Laboral de nena, coido que non chega ao centenar de veces ao longo da miña vida. Pero lembro ficar tempo diante do mural, alí, hipnotizada coas cores. De cativa meu pai agasallárame unha revista co mural na capa. Acompañoume durante anos ata que se extraviou.
A Laboral, o cuarto escuro, a luz vermella, algúns grandes amigos e compañeiros de meu pai. Apelidos tatuados nas conversas de maiores diante da nena. O bolo e a chocolatina despois das gardas.
Meu pai.
Todo isto serviume de prólogo para falarlles dos lugares e traballalos en forma de constalecións. Deténdonos niso que os fai únicos, a exclusividade, o íntimo, o que deixamos de nós no espazo, o que nos ancora a el de forma máis ou menos fortuita, máis ou menos definitiva.
As aproximacións poéticas do alumnado amosaronme que os lugares son as persoas: a casa da bisavoa, o castelo, madrid, a árbore da infancia…
Tiven a sorte de que na biblioteca me agardara un grupo de rapazas e rapaces realmente fantástico, atentísimo, con moitos escritores, e un profesor que cultiva a paixón pola literatura. Podía pedirse máis? Falamos de poesía, de palabras grandes e pequenas, de pintadas, de amor e amizade, de encontro e perdas.
Apenas puiden agradecer a implicación naqueles traballos, o alto grao de exposición, as emocións ecoando na antiga capela. Sentir o privilexio de que compartían comigo algo valioso.
Agardo por aqueles versos.
Quero transmitirlles de novo o meu entusiasmo e agradecimento ao equipo da Biblioteca e ao Departamento de galego, en especial a Fernando Torreiro e Pedro Trashorras.
Inesquecíbeis xa aquelas xornadas, que foron moito máis que poesía e grafiti.
Sempre volver.
Filed under: Pouso
A nova chegaba en forma de agasallo. Descubrir que as pequenas e pequenos de tres anos estaban a traballar sobre o poema foi unha verdadeira emoción. Os redondeis sobre a caixa de luz.
Eles. Os redondeis.
Feliz.
Moi agradecida de novo ao equipo docente do CEIP Emilia Pardo Bazán. Desexando voltar!
Foi o pasado luns. Chegaba ao CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, onde me agardaba unha das responsábeis de Biblioteca e unha aula chea de nenas e nenos que sabían de memoria moitos dos versos do peizoque!
Sempre é unha ledicia levar o conto de Roque. Pero nesta ocasión o que non sospeitaba era que o alumnado de 3º de Infantil me tiña preparada unha gran sorpresa, un libro feito por eles: Os nosos peizoques.
Foi fantástico estar, saber do ben que traballan neste centro e regresar cun feixe de peizoques moi ben alimentados!
Agradecida!!!