Sucos: blog de Dores Tembrás


Auga a través, por Patricia Meira
28/12/2016, 16:03
Filed under: Auga a través, Literatura, Palabra, poesia

img_20160920_121028

Verto aquí as palabras da poeta Patricia Meira sobre Auga a través, a plaquette que este outono publicou Apiario. Síntome emocionada, porque admiro o traballo de Meira e só podo recoller a súa lectura atenta , agradecéndollo co corazón:

É unha cuestión de confianza. Saín cedo mercar o traxe de mergullo, dos semisecos, por aquelo da temperatura da auga no norte, e baixei. Non precisaba nin lanterna, os sucos da portada sinalaban a dirección exacta.

Así. Romper a bolsa. Auga a través. E logo cada páxina sería unha casa. A auga cando asulaga a través quéntase inexorablemente, quece do contacto da calor dos corpos que ficaron sentados, da calor dos mesmos xestos ou das bágoas, das chaves, insectos, feridas, pedradas, louza, café, libros, berce, historias, dentes.

Así. Cada páxina unha besta. O corpo dunha besta afundíndose polo peso da auga no estómago, batendo cadáver na lama. E a gravidade da terra en absoluta destrución. E as atmósferas cargando ata sangrarme o naris. Seguir mirando nos versos, tellas tiradas no chan, o plancton en mitose segura, as casas sucias por dentro. Sei que a partir de agora non haberá ningunha sorte, os agoiros serán algo máis que o compás dunha canción que peta na radio, qué será dos nenos? cara onde viaxarán cun pasado tan mollado? cómo sobrevivilos?

É unha cuestión de confianza, sábelo. Sábelo xusto cando o escribes e  pensas na posibilidade de mudar esa palabra. Es ti a que fabrica con meticulosidade a botella de aire comprimido para que eu descenda á aldea. Auga a través dos sucos. Auga a traves do papel. Auga a través dos fíos.

So quedan as burbullas do regulador rompendo a superficie do embalse. A violencia. Pechar o libro. A violencia. Mirar ao redor e saír da aldea. Metros cúbicos de nada.

Patricia Meira


2 Comentarios so far
Deixar un comentario

Hai algunha maneira de conseguilo en Bos Aires?

Comentario por pasajeraentranc

Olá!!! Pois podes entrar na web de apiario (www.apiario.eu) ou escribir un mail a info@apiario.eu para saber canto sería o custe do envío mais o prezo da plaquette (12€) e enviaríaseche sen ningún problema! Grazas polo interese!

Comentario por dorestembras




Deixar un comentario