Sucos: blog de Dores Tembrás


O peizoque no CEIP Xosé Cornide
05/10/2012, 09:13
Filed under: Literatura, Peizoque

O de onte foi moito máis ca ir lerlles o peizoque ás nenas e nenos do Xosé Cornide.

Pensaba, mentres algúns membros do equipo docente me amosaban a biblioteca, na importancia que ten querer facer as cousas, máis alá de gravísimos recortes, pensaba no mimo, na entrega que unha biblioteca así agocha. E ao ver o “sillón real” no que os pais e nais sentan para lerlles  aos pequenos, imaxinei as tardes de contos. Amosáronme tamén a casiña diminuta do rato que vive na biblioteca, unha marabilla con sofás e cousas pequeniñas. Eu, eu díxeno en voz alta: Quero quedar a vivir aquí! Pero despois chegou a visión do camerino, cheio de luces e disfraces.  E daquela si que si!

Cando xa estaba rendida, a directora do centro amosoume os proxectos nos que traballan, dous por ano, e nos que involucran a tódolos cursos. Sen palabras. Porque eses proxectos xiran arredor dun concepto que todos entenden e interpretan, dende os 3 aos 12 anos. As olimpiadas, feminino singular, o mar…

Unha non pode máis que aplaudir un traballo así, apreciando cada detalle, o respeto pola lingua, o trasteiro que se convirte en ceo estrelado… porque todo é o mesmo. Cuestión de sensibilidade.

Aqueles nenos que entraban do recreo parecéronme afortunados de que un equipo de 12 docentes, con 3 itinerantes, siga a crer na educación pública, deixando o mellor de si. O de onte foi unha verdadeira lección, emocionante.

Velos sair de tódalas aulas ao son da música, sentares no chan para escoitar o conto. A súa atención, un verdadeiro agasallo. As nenas e nenos do Xosé Cornide déronlle de comer ao peizoque, e entre micos e palabras pasamos un fermoso anaco da mañá. Cantas ledicias me está a dar este paxariño!