Sucos: blog de Dores Tembrás


Festival da Poesía no Condado
26/08/2009, 20:17
Filed under: Evento, poesia

festival09

Os días 4 e 5 de setembro ten lugar en Salvaterra do Miño o Festival da Poesía no Condado; unha grande festa da cultura, con exposicións de fotografía, pintura, música, poesía, curtametraxe, obradoiros  e máis, que vai pola XXIII edición.

Este ano teño a sorte de participar cos meus textos no Festival poético-musical o sábado 5 pola noite. Agardo feliz esa noite de poemas, de lucernas e butacas, de escea e pouso.



Santo André de Teixido
24/08/2009, 00:26
Filed under: viaxe

sanandresiños

Pensei, mentres  baixaba, nas veces que ela pasou por alí; viña dende a casa a pé, visitar ao Santo. Pensei no seu cansazo, aló polos días de novembro de hai sesenta anos, no mau tempo, na lama do calzado. E na igrexa, pensei na reverencia, na fe, nas peticións. Hai na casa ainda un xogo de sanandresiños, as cores algo esvaidas, pero verdadeiras.

Despois a auga das fontes, a merenda aló abaixo, mirando mar, sentada nuns penedos. Daquela fora sen os nenos, que eran ben cativos, e quedaran co Tio José, na casa. Habíanlles gustar as roscas. Os pés entalados.

Todo isto pasou alí, os mesmos chanzos son testemuños. Ao mellor, é iso o que me fixo lembrame dela. Pero non, non mintas,  porque ti xa sabías: querías ir, querías facer a mesma viaxe, pasar polo mesmo carreiro, sentar no mesmo penedo, coma se ao darte volta, ela estivera no banco de atrás, na ermida, e puidera coñecer finalmente ao bisneto.



Hic et Nunc, Xavier Seoane
12/08/2009, 19:29
Filed under: poesia, presentacion

O pasado luns 10, fechábase a feira do libro coa presentación do poemario Raíz e Soño, de Xabier Seoane. Foi un pracer escoitar as intervencións nesta mesa cómplice: as introduccións de Xan Arias, editor, e de Miguel Anxo Fernán Vello, poeta  que presentou esta nova antoloxía de textos relacionados con Oleiros. Escoitar a Seoane.

Non é lugar este blog para renderlle homenaxe ao escritor pola dilatada e exitosa carreira literaria (iso xa o fixo Fernán Vello o luns),  pero non podía resistir a tentación de compartir os dous últimos versos do texto Hic et Nunc, que fechan o poemario:

Morreron os arados,

pero quedan os sucos.

Versos envexados, sentenza sabia, ecuación que proxecta un tempo, verdade que agroma en estructura poliforme, terróns da infancia, ferro e terra, avó que deliña a leira con cálculo de arquitecto, e eu atrás, entre os sucos, apañando nas patacas, fechando o funeral.



Crítica en La Voz de Galicia
11/08/2009, 11:59
Filed under: poesia, Pouso

Velaiquí está a crítica que fixo Ramón Nicolás do poemario en La Voz de Galicia.

Feliz, novamente, e agradecida.



Tras dous días de avésporas ebrias
10/08/2009, 17:15
Filed under: poesia

IMG_0384 IMG_0385

IMG_0387 IMG_0388

IMG_0389 IMG_0391

IMG_0396 IMG_0427



Presentación de revista e recital
04/08/2009, 17:29
Filed under: Evento, poesia, presentacion, recital

O vindeiro xoves, ás 20:00 preséntase en Moret Art Espacio (Olmos 12-14) o nº 9 de El invisible anillo. O acto, presentado por Teresa Seara, contará coa participación do director da editorial Eneida, Lur Sotuela.

A seguir terá lugar un recital poético que contará coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcárcel, Emma Pedreira, Lur Sotuela, Eva Veiga e eu mesma.



Sinatura
03/08/2009, 17:45
Filed under: Evento, poesia

sinatura_feira_09

Foi case coma un primeiro día de escola, as estilográficas a punto, o caderniño para as probas, a tinta negra.

Non teño como agradecer aos amigos, e mesmo a algúns descoñecidos, que se achegasen onte á feira do libro na procura da miña sinatura nun exemplar do poemario. Fico en débeda con todos vos.



Feira do libro da Coruña
02/08/2009, 13:37
Filed under: Evento, poesia, presentacion

feira_libro_coruña

Onte percibín a feira do libro de forma distinta. Non foi coma outros anos, desta vez mirei con máis atención os postos, repasei o programa varias veces,  foi estrano descubrir o meu nome xunto co do pouso no conxunto de actividades organizadas arredor da feira do libro. Hoxe, domingo, estou convidada a asinar exemplares do poemario a partir das 19:30.

Había moitísima xente. Rivas asinando libros, pintando paraugas xunto ás adicatorias, e eu coa tentación de dicirlle o moitísimo que o admiro e canto desfruto da súa literatura.

Rivas_asinando

Asistín á presentación do libro Erofanía de Yolanda Castaño, un volume recopilatorio das súas tres primeiras obras. Foi unha presentación cálida, plena de agradecimentos e  amizade na mesa compartida con Miguel Anxo Fernán Vello e Teresa Seara. A lectura dos seus poemas, na tarde de onte, levoume á Facultade de Filoloxía no ano 97,  á primeira vez que a escoitei recitar. Foi un pracer breve, tan só tres poemas, unha delicadeza escoitala.

presentacion_Erofania