Sucos: blog de Dores Tembrás


Nadal 2011
23/12/2011, 22:36
Filed under: poesia, Pouso



De primeiros libros ou da adicción ao pasado
05/12/2011, 10:34
Filed under: Literatura, petit trèsor

As adiccións. Eu son das que alimenta as adiccións. Pode que a trampa,  que o mecanismo que evoca o pasado antes de convertirse en letra sexa a premisa. Acodo sempre aos obxectos, son eles os que conducen a lembranza, rememoro e se podo, procuro ata dar coa materia. Ademáis das cartillas do meu silabario que están gravadas a ferro, o meu primeiro libro definitivo foi: El libro de Borja y Pancete. Un libro marelo cheo de osos laranxa. Era o libro de texto de 1º de EXB. Hoxe extraviado. Non me resigno a crer que está perdido, periódicamente vou ao faiado na súa busca, e voltarei antes do que penso.

Neste afán recuperador (pasa o mesmo cos xoguetes) compartido con moitos da xeración dos 80, quixen mercalo de segunda man. Imposíbel. Moitos outros adictos andaban na mesma procura. E así din con algún post semellante a este, e cun foro de fanáticos que falaba do libro, da infancia, do fascinio. Ler os seus comentarios así, un pouco dende fóra, deume algo de respeto, fíxome miralos de esguello.

Eu, eu tamén pertenzo a esta comunidade? Pois moito me temo que si.

ANAYA volveu reeditar o libro este ano, con outra capa, claro.

[Isto levoume a pensar en que hai libros eternos, tamén para os pequenos, eu conservo algúns. Pensei tamén na responsabilidade dos autores e autoras dos libros de texto, da literatura infantil (ecoando algún comentario dos ponentes das I Xornadas de Literatura e Ensino ” A literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo“). Eles darán forma ás nosas lembranzas. Pensei en que eu non sabería dicir os nomes dos autores e ilustradores de Borja y Pancete, pero que sempre lembraría o título. Esa é a trascendencia á que aspiro, non importa demasiado que o autor desapareza en favor da obra. Pero hoxe a necesidade de recoñecer ese traballo lévame á última páxina do libro onde aparecen: Emma Lorenzo, Antonio Basanta, Luis Vázquez como escritores e Arcadio Lobato e Paz Rodero coma debuxantes.]

Encarguei a reedición. Veño de recollela na librería. Digamos daquela, para axustarnos á realidade, que o encontro co obxecto foi algo decepcionante. E na urxencia por sentirme nena de 6 anos pasei as páxinas na procura das ilustracións, da sensación máxica ao ler silabeando por vez primeira, de ter a capacidade de descifrar os signos. Na procura da historia sinxela e universal de Borja e o seu oso, na procura por estar naquel pupitre verde lendo con Dona Linucha, mentres ventaba fóra.

Nin iso foi abondo, pode que os adictos sempre desexemos máis. Pode que só nos conformemos con experimentar de forma idéntica unha e outra vez. Pero, no fondo, eu sabía que aquilo non podía ser.

Teño a esperanza de atopar o meu exemplar, gastado, coas beiras das páxinas viradas, co meu nome na primeira folla. Ha de ser ese obxecto e non unha réplica calquera.

Ao mellor daquela si, daquela pode que a potencia da dose sacie finalmente.

Ata a seguinte vez.