Sucos: blog de Dores Tembrás


Entrega do premio en Carral
28/05/2013, 09:11
Filed under: Cronoloxía da urxencia, Evento

Será este venres, 31 de Maio ás 20:30, na Casa do Concello de Carral. Alí a entrega do premio polo poemario Cronoloxía da urxencia e a presentación do libro Teatro, de Roi Vidal, gañador da edición pasada.

Quedades tod@s convidad@s!!

Invitación Acto Certame Poesía Concello de Carral



Entrevista no Diario Cultural
27/05/2013, 09:19
Filed under: Cronoloxía da urxencia

Aquí vos deixo a entrevista (Min.39:40) que Xiana Arias me fixo o pasado 23 de maio para o Diario Cultural sobre Cronoloxía da urxencia.

Un pracer.



Poesía no IES Poeta Díaz Castro
22/05/2013, 09:36
Filed under: Lingua, Literatura, Obradoiros, poesia, Pouso

Foi hai semanas que me acheguei ao IES Poeta Díaz Castro. Levaba dous obradoiros. Poesía + Grafiti e Entre palabras. Dous grupos de distintas idades, a mesma entrega.

Xa o teño dito. Cando vou aos institutos sempre a incógnita, a incertidume. Non ten porque sair ben. Non teñen porque aceptar a tregua, a suspensión da realidade máis inmediata que esixe o noso encontro. Son unha estrana, só saben de min que escribo.

E sempre as palabras, a descuberta deliciosa da relación intransferíbel que manteñen coas palabras. Volveu sair a palabra nai, como no CEIP Elviña, e pai, e avoa, mapa, fútbol, natación, bar, e moitas outras que cristalizaron nalgúns dos textos que deixo a seguir. Paga a pena lelos. Hai verdade neles.

Foi un pracer ir a Guitiriz, coñecer o traballo intenso do equipo docente, e aos rapaces que saben ben o que é a terra.

Agradecida por un foro que sen saber o que o agardaba entrou comigo en suspensión.

O ARCO
Cando eu era pequeno,
meu avó sempre me facía
un arco de xoguete,
cun pau e unha corda.
Eu sempre lle pedía
que lles puxese punta ás frechas,
pero non podía ser,
podía mancar a alguén.

PESCA (Óscar Novo)
lembranzas do meu avó,
que xa non está.
Tirabamos a cana dende a beira
ficaban nun espeto e,
mentres,
contabamos historias antigas. p

O INSTITUTO (Nuria Losada)
Para moitos unha experiencia enriquecedora e inolvidable,
para min, unha experiencia que me mataba día a día.
Aquí non sirvo para nada,
volven de vez en cando as ganas de cortar as veas,
pero intento ocultalas e ser feliz,
que as miñas amigas non me vexan sufrir.
Agora, grazas a esas amistades son máis feliz.

ESCALEIRAS (Marta Rocha)
Os colchóns polas barandas,
as almofadas tamén,
e nós enriba delas…
era o mellor.

O BAR (Rocío García)
Recordos de persoas ausentes
non lugar onde a xente o pasa ben.
Bágoas que lembrar
de feitos ocorridos..
Xente que un día marchou
para nunca voltar
para nunca bicar nin abrazar…

BAILAR (Fernanda Mera)
Bailo porque me gusta,
sinto cada paso…
móvome recordando os teus un-dous-tres.
Bailo sen saber que tes algo que ver.

CAMPOS (Sabela Salgueiro)
Ese día de xogos
cando os campos
eran nosos.
As estacións pasando sobre el…
Aqueles tempos sen hora.

MANOLO (Tania Campello)
Faciamos cancións co seu nome
moi graciosas e divinas.
Manolo era máis ca un socorrista.

LAREIRA (Noemi Carro)
Historias de viaxe,
anécdotas,
as túas parvadas…
pero agora non estás.

PEQUENA (Esther)
27 de marzo de 1999.
bebé abandoada
na parada de autobús,
soa, famenta, triste…e
unha pregunta: por que?

Cun ano de vida,
nun hospital,
entre a vida e a morte…e
unha pregunta: por que?

20 de agosto de 2003
unha sorpresa,
un amor que chega
ao seu corazón:
unha familia nova.
Flores brancas,
peluche branca, amor vermello e,
unha pregunta: por que?

ACORDEÓN (Margarita Vidal)
Era a maneira
que tiñas
para facer que todo o mundo
sorrise.

CARAMELOS (Laura Pena)
Sempre agardaba na porta
con caramelos para nós…
sempre buscando o momento
para o xogo
ata o solpor.
Antes non pensaba…
agora desexaría que volveses,
cos teus caramelos, tan ricos,
cos teus abrazos, tan bonitos.

ALDEA (Eva Fernández)
Saír correr ata cansar
sen saber onde vas parar.
Subirme a aquela árbore,
construír ese refuxio,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.
A miña aldea é única,
non hai outra igual,
ole a liberdade
a herba que vou pisar.
Xogar cos animais,
aprender a facer un buxo,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.

CASA (Jonathan)
O noso mellor xoguete,
o mellor lugar para rir…
nunca poderei repetir
aqueles días
nos que te deixamos ir.

AVÓS (Jesús Roca)
Canto desexaba as fins de semana na aldea dos meus avós,
todo o día xogando entre as vacas, os cans e os cabalos.
Eses días fermosos nos que todo ía ben e que agora se esgotaron…
os meus soños, xa medraron.

GALLETAS (Laura Lobeiras)
Galletas, galletas,
galletiñas da avoa,
galletiñas que deixaches
aquel 14 de febreiro:
galletas de amor,
galletas de despedida.

MÚSICA (Adrián Fariñas)
Sabendo que é a miña vida
Música e Música
é vida…
Sabendo que é de verdade
o amor que lle dou a un caderno
cando en branco está.

MAPA (Paula Paderne)
a Exipto quero ir…
momias, pirámides…
Un calafrío
percorre o meu interior
cando miro o MAPA.



O peizoque no CEIP de Prácticas da Coruña
17/05/2013, 23:24
Filed under: Literatura, Peizoque

Tan lindo, tan lindo!!
Menudo recibimento me agardaba no CEIP de Prácticas da Coruña. Unha parede chea dos versos do peizoque, e os debuxos dos animais, e Roque e tódolos seus irmanciños coloreados sobre un niño…

20130511_114112

20130511_114119

Nas aulas tamén pendurados os traballos do peizoque. E fomos todos á biblioteca grande, onde me agardaba máis dunha sorpresa. Despois de contar o conto, e que os pequenos e pequenas participasen dándolle de comer a Roque, fixéronme unha chea de preguntas interesándose por se estaba a escribir máis libros de Roque e os irmáns, e como se chamaban estes, e que onde estaba o pai… Menudo apreto!

P1160561

P1160583

Os pequenos agasalláronme cunha cesta chea de galletas espectaculares coas ilustracións de X. Tomás e chocolates de Praliné   “para comer tu y tu familia”.

P1160614

20130511_204325

Pero non só iso, tamén me sorprenderon cun broche marabilloso, para poder levar sempre a Roque na lapela. Foi emocionante!

20130511_171810

Rematamos todos con tatoo de peizoque.

P1160627

Inesquecíbel o encontro, o entusiasmo, o bon facer para que as nenas e nenos nos recibisen a esta familia de paporroibos e a min con tanta ilusión!!

Unha aperta grande para toda a niñada de peizoques que deixei no CEIP de Prácticas!



Cronoloxía da urxencia.Primeiras palabras.
15/05/2013, 09:12
Filed under: Cronoloxía da urxencia, poesia

cronoloxia_cuadricula

Esta é a entrevista que me fixo Carme Vidal onte á tarde para o Sermos Galiza. Foron máis ou menos as miñas palabras.

Atrévome a indicar que na segunda pregunta onde pon “alento” é “sen alento”. Os que me coñecen saben que esa expresión, ademáis de ser verso, é emblema para min, e non podo renunciar a ela.

Agradecida a Carme Vidal pola conversa.



XVI Edición do Premio de Poesía Concello de Carral
13/05/2013, 22:29
Filed under: poesia

A grande ledicia chegaba a media tarde, por asalto. Convertíndome en pura electricidade. Pensei mil cousas, lembrei algunhas teorías sobre os premios e as obras, pensei nas persoas que amo, nos amigos, nas chamadas inmediatas, na urxencia por compartilo. E aplaudía no estudio, aplaudía soa, moito. Sentíndome moi agradecida.

Pensei nestes anos de escrita, na procura dalgunhas palabras, no exhausta que me sentín ás veces. Nos lindes.

Volveu a electricidade. O premio, o premio.

Pero nalgún momento pensei nas outras 37 persoas que agardaban a chamada, que desexaban esa chamada. Como eu desexei.

E si, fixen o único que podía facer: coller o poemario do andel e relelo, sendo xa outra, pensando que será libro. É a primeira vez. Haberá tempo para falar del, para desfrutalo.

Hoxe só:

Cronoloxía da urxencia: XVI Premio de Poesía Concello de Carral.



O peizoque máis feliz en A Maía
13/05/2013, 08:33
Filed under: Literatura, Peizoque

2013-05-07 11.44.26 2013-05-07 11.53.372013-05-07 13.10.48

Primeiro foi o recendo, a intución que se concretaba despois daquel primeiro encontro no Portal InnovArte Educación Infantil. Entrar na aula, ver o niño pendurado, cheo de flores e palabras, que os propios nenos confeccionaron con agarimo.

Coido que o peizoque nunca soñou cun niño tan fermoso. Tampouco eu podía agochar os desexos de levalo a Bertarmiráns, onde, como puiden comprobar, traballan e aprenden dun xeito que asombra e admira.

Tiven o pracer de coñecer a Isabel e Ángeles Abelleira, que dende hai meses planearon esta cita. Dicir que foi un luxo é ser inxusta. Penso en cada detalle da mañá do martes e a emoción intacta.  Penso na importancia da espera, da ansia que inocularon nos pequenos que agardaban a visita con verdadeiro entusiasmo. A impresión de escoitalos recitar de memoria, de coñecer con exactitude os animais e as palabras correspondentes. Non me chegaban os ollos para admirar as ducias de peizoques engalanados para a ocasión, plumas, pallets, brillantinas, pestanas XXL, paxariños multicor que comían palabras novas para min: papá, mamá, casa, corazón, tomillo, lavanda, limón, magnolia, cena…

Xosé Tomás e mais eu adicámonos a contar/debuxar  a historia deste paxariño, mentres as pequenas e pequenos nos abraiaban coas súas observacións. Foi unha verdadeira delicia!

É un soño ver como empregaron a historia do peizoque para traballar nas aulas. Novamente agradecida e feliz.

Asi o lembran no blogue de 5 anos de Educación Infantil.

Xosé Tomás tamén o conta no seu blogue cun feixe de fotos.

Unha das pequenas. Lara,  mesmo fixo crónica do encontro no seu blogue.

Sempre voltar.

2013-05-07 11.57.56

20130508_105338

20130508_121546

20130508_121706_B

20130508_133131

20130508_133251



O peizoque no Cruz do Sar
09/05/2013, 11:08
Filed under: Literatura, Peizoque

CIMG6487
Foi hai días que regresei á escola da infancia. Sempre é un pracer estar en contacto cos espazos que unha habitou de nena.

Espazos sagrados como as escolas.

O director do centro e todo o equipo docente brindoume a biblioteca e un cento de nenos que coñecían ben a historia do peizoque.
Adubiada con ducias de Roques coloreados polos pequenos e pequenas e un coidado atrezzo para a ocasión non podía máis que rendirme ante todas aquelas olladas curiosas que escoitaban atentas o periplo do meu paxariño.

Emocionada por regresar, encantada de levar ao paporroibo comigo e saber que hai docentes entusiastas que se deixan a pel en cada proposta (o mercado de libros, o traballo con África, as fotos do Bergondo de hai décadas para entender o uso da terra). Non podo máis que felicitar a todo o equipo que conforma a comunidade educativa do Cruz do Sar e dicirlles o feliz que me fixeron aquela mañá.

CIMG6500 CIMG6507



Madriña
02/05/2013, 17:46
Filed under: Evento, Literatura, petit trèsor

KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERA

Coido que dende que son escritora o título que máis ilusión me fixo ata o momento foi o de ser madriña da biblioteca do CEIP Rosalía de Castro da Coruña. Non é para min un título honorífico, por moi honrada que me sinta ao aceptalo, é un título que, dalgún xeito, coma nos contos, convírteme en guardiana deste espazo.

Eu hoxe comprométome a mirar por esta biblioteca, a atender as súas necesidades, na medida do posíbel, a escoitar as peticións e desexos das nenas e nenos que acudirán a ela para vivir con fascinio a lectura.

Eu adícolle a miña vida á palabra, á escrita, por iso mesmo é inevitábel sentir unha gran emoción ao saber que, xunto con Nevado (mascota da biblioteca), formarei parte deste iglú máxico, un iglú de historias e versos que serán sempre acubillo.

KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERA

Estas foron algunhas das miñas palabras na mañá. Alí, a carón do director do centro, das mestras e mestres, os representantes da Administración Pública, dos membros da ANPA, dos pequenos e pequenas que leron durante un minuto nos seus libros para celebrar a nova biblioteca.

Síntome afortunada de pertencer a esta comunidade que traballa sen tasa dende o presente para o futuro.

Honrada.