Quizais sexa pola escaseza de momentos así, polo extraordinario da elevación que nos sobrecolle, sen decatarnos.
Onte, sentada, escoitando, pensaba en que tódolos tópicos son verdade, as voces “cristalinas” “celestiais” “anxelicais”.
Hai tantos aspectos extraordinarios no que aconteceu onte no XIV Concerto de Aniversario do Coro Cantabile, que non sei se debo arriscarme a enumeralos.
Comezando polo feito de que unha cidade como A Coruña conte cunha asociación coa sensibilidade de cultivar a música na infancia e mocidade, nun proxecto no que a formación ten un gran peso, e onde a disciplina e o amor se miden a partes iguais.
O concerto de onte foi unha celebración. O presidente Xulio Loureiro falaba de emoción, de que a música é unha ferramenta para comunicar, para tocar ao outro a través da emoción: emotio, emotionis, “facer mover”, “sacar do lugar habitual”, desprazarnos e ser outros na nosa relación co mundo. Celebralo.
Pero ese acontecemento extraordinario que tivo lugar onte para un público atentísimo na Igrexa de San Nicolás, acontece cada sábado nos ensaios do coro. A franxa de idade abrangue dende os 8 ata os 22. E todos e cada un dos coralistas contribúen de forma definitiva a este suceso excepcional. Cantabile é a suma de todas e cada unha destas voces individuais, que aprenden e saben que fundíndose dan lugar a algo único. A xenerosidade é alicerce dende a natureza do proxecto.
Penso no seu director, Pablo Carballido, colocando con xesto case imperceptíbel o lugar preciso que cada voz ten no espazo antes de comezar. O presidente falaba onte de que é el xustamente o fío condutor que, máis que aglutinar, ampara estas 95 voces ao longo destes catorce anos. A súa labor, onde a profesionalidade e a paixón son un continuum, non xera máis que admiradores perplexos e agradecidos ao seu paso. E isto non é máis que un indicio da persoa ante a que nos atopamos.
Ponlle o ramo a este proxecto a implicación dos pais e nais que conforman a directiva, traballadores incansábeis, especialistas nese traballo invisíbel que logra darlle a todo ese acabado cálido que transcende de inmediato en canto atravesas a porta do local de ensaio.
Onte celebrábanse catorce anos deste proxecto. Sei que estas palabras non fan xustiza a todo o que eles son, pero agardo que amosen a profunda admiración que moitos dos que estabamos onte escoitándoos sentimos por este coro.
Agradecéndollo.
Longa vida a Cantabile!