Sucos: blog de Dores Tembrás


Peza audiovisual para Cronoloxía da urxencia
28/05/2014, 15:40
Filed under: Cronoloxía da urxencia

Non sei en que momento as plumas, tódalas plumas.

E a caligrafía, un ecoarse de tintas.

E o bon facer de Juan Lesta e Belén Montero de Esferobite, que non só se encargaron de montaxe e posprodución. Se non das conversas sobre instantáneas, sobre o silencio e o que debía estar sen verse.

O reto de procurar imaxes que trasladasen palabras e carencia. Ou silencios e desexo. A milleiros de km.

Apenas o lampo. Un fulgor no que a demora.

Benxamín Otero foi o responsábel de compoñer esa peza de piano que alenta coa avelaíña. A súa maxia e toda a miña admiración. A amizade.

 

 



Mondoñedo e o espíritu Leiras Pulpeiro
02/05/2014, 17:10
Filed under: poesia, recital

O convite. A organización impecábel: Antonio Reigosa, Francisco Piñeiro, Fran Bouso, César Morán e Armando Requeixo. A calidez do recibimento. Os amigos e amigas cos que compartir o encontro. Tódalas persoas que se involucraron en que onte fose un día de festa.

Resúltame tan emocionante como difícil falar da irmandade Leiras Pulpeiro, esa que conforman os integrantes do Grupo Literario Leiras Pulpeiro e que onte nos facía cómplices aos poetas que nos achegamos a Mondoñedo a celebrar a palabra. Dicía César Morán: Mondoñedo é poesía. Andar as rúas e chegar cabo das vinte voces que onte facían cadansúa ofrenda á terra de Cunqueiro.

Achegarnos ao medio día á feira cabalar e pensar no espazo de encontro que foron sempre as feiras. A ledicia infantil de ir topando con poetas amigos cos que deterse a conversar. Mirar como se ferran os cabalos. O oficio.

O paseo da mañá coas historias mínimas que se nos revelan grazas á memoria puntual de Armando Requeixo e César Morán. E nós escoitas atentos.

Eu non podía sospeitar que o Sr. Xulio, membro do grupo literario, nos abriría a súa casa, A casa da Penela, para convidarnos a xantar, como no día da festa grande.  Ofrecéndonos o mellor, unha comida memorábel, mesa corrida con máis de cincuenta comensais.

Cando coñezo persoas coma o Sr.Xulio algo me reconcilia co mundo, palabras coma xenerosidade, sensibilidade, entusiasmo, irmandade. O respecto máis profundo. O agradecimento sempre insuficiente.

As palabras do Sr. Xulio ao remate. A humildade máis aleccionadora.

É probábel que cos tempos que corren esteamos afeitos a subvencións ou aportacións  que chegan en forma de cheque. Pero comprobar que onte cada quen aportou do que tiña para xuntar a vinte poetas pareceume algo case sagrado. Dunha familiaridade que me conmoveu como non sei explicar.

Vou sinalar só dous detalles que contribuiron a isto. Toda a familia do Sr. Xulio traballou a reo para servir a mesa, traendo e levando, preguntando continuamente se faltaba algo. Cando pasei perto da cociña non puiden evitar lembrar, ao ver as potas, a festa do patrón na casa paterna.

A Pastelería Val de Brea agasallounos cun milfollas dos mellores que teño tomado para a sobremesa. E no momento no que o grupo de poetas, acompañados por un gran número de veciños, se achegou a recitar cabo do Cristo, perto da mesma pastelería,  todos os traballadores , cos seus uniformes brancos sairon para afora a escoitar o recitado.

E de súpeto eu sentinme privilexiada ao ser unha das escollidas para vivir unha xornada feliz e intensa coma a de onte.

Os versos de Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Díaz Castro… dando voltas cos ollos fechos.

Algo extraordinario acontece nas terras de Mondoñedo.