Chegou esta mañá, puntualísimo.
Agradecida a Ramón Nicolás pola súa xenerosidade e por interesarse e deterse nas entreteas do meu traballo. Aquí vos deixo o seu post no Caderno da crítica sobre un dos meus manuscritos.
O que acontece cando me fan unha proposta para un novo obradoiro é que a cabeza vai a mil. Neste caso o reto propoñíallo o Festival por amor al arte a Polisemias: un obradoiro no que a palabra.
Daquela, Pedro Ramos fálame con ilusión das xornadas de portas abertas que terán lugar o luns 18 (con Pedro Ramos e Ángel de la Cruz) e o martes 19 (comigo). Pensei que calquera podería asaltar ese día o local. Desexei que calquera se atrevese a abismarse na palabra.
O primeiro que fago e botar man dun admirado e bo amigo, Xes Chapela, un dos mellores profesionais en audiovisual do país, guionista e director de documentais entre os que se contan dúas alfaias: Jazz en liberdade (Premio Mestre Mateo 2010) e Milímetros. Atrácoo, mándolle batería infinda de preguntas. Interésame traballar a curtametraxe e a poesía. Días despois conversamos. Fálolle da relación que vexo entre a curta e o poema, da conexión entre xéneros.
E de súpeto el acende a luz, fala de formato, non de xénero.
Faime cavilar. Reformulo a proposta. Nomea algúns autores de curtas, derivamos. É a curta sempre un previo á longametraxe? Un xeito de amosar o traballo para pasar despois ao filme ? Implica isto que perde valor a curta per se? Pensaba que había autores só de curtas… Fálame de Alber Ponte.
E chega o libro nas súas mans, El cine según Hitchcock. Só podo renderme con todo o que me conta desta conversa infinda con Truffaut.
E son Alicia caendo polo tobo do misterio, do suspense, da linguaxe visual, da honestidade na creación… E o libro vaise enchendo de fosforescencias para o obradoiro.
Finalmente xorde o título, o convite: Da CURTA ao POEMA: apuntamentos de Truffaut e Hitchcock.
Si, falaremos e escribiremos de todo isto e máis o martes 19 ás 18:00 en Polisemias.
Prazas limitadas. Enviade mail a: polisemias@festivalporamoralarte.org