Sucos: blog de Dores Tembrás


Agradecida
28/12/2009, 10:49
Filed under: poesia, Pouso

Non hai mellor palabra para recoller o que sinto tras este ano. Nos últimos días tres xornais e unha revista destacan no eido da poesía a aparición de O pouso do fume. A revista Que leer (Ramón Nicolás), o xornal A Nosa Terra (Marga Romero), El Correo Gallego ( Yolanda Castaño e Francisco Castro) e La Voz de Galicia: portada  do Culturas (Leandro) e reseña (Ramón Nicolás).

Feliz, feliz. Agradecida a todos eles.

Agradecida.



Feliz nadal
25/12/2009, 12:30
Filed under: misc, poesia



Obradoiro de lectura en Monte Alto
23/12/2009, 23:48
Filed under: poesia, Pouso

emma_dores_clube_lectura lendo

palabras_apertas clube_lectura

Foi o meu primeiro obradoiro como escritora convidada. Algo excepcional. A admirada e querida Emma Pedreira quixo agasallarme este nadal cun encontro cos membros do seu clube de lectura e escrita. E alá fun, co poemario cheo de post-its.

Quedamos en improvisar, ese era o trato. E o que acontece cando improviso (e o auditorio é atentísimo, e no ar está esa complicidade previa, que non sabes de onde ven) é que me puxen a falar, ebria de pouso, a dar chaves de lectura inéditas, pero non só as chaves, os marcos das portas tamén.
Cando me decatei alí estaba, fronte a un grupo de lectores ávidos de palabras, que me facían preguntas interesantísimas (un auténtico terceiro grao), revelada con vapor de mercurio para eles.

A tarde foi deliciosa, non podo agradecerlle a Emma o convite, a súa xenerosidade; non podo agradecerlles a cada un dos asistentes o calor, a atención, os papeis coas súas palabras, agora miñas.
Un verdadeiro luxo. Felicísima.



Enxertos e galletas
17/12/2009, 16:51
Filed under: poesia, Pouso, presentacion

Hai días así, nos que unha sabe que todo vai sair ben, que nin o frío do norde máis norde, nin a choiva, nin o vento van impedir que un grupo de amigos se reúnan arredor do pouso.

O de onte non foi unha presentación ao uso. Foi un encontro íntimo. Presencias e ausencias que se leron, que lin.

Miguel Anxo ruborizándome con todas aquelas cousas lindas que dixo do pouso e de min. O fume, o libro primeiro, a promesa, a irrupción, a memoria, as outras poetas, Olalla Cociña, Olga Novo, María Lado…Eu tan agradecida, el non sabe ben.

Eva Veiga, irmá tisnada, cómplice compartindo nais modistas, avós Culas, canelas, remalladora, terra. É dificil contar a extraordinaria xenerosidade desta mestra, onte volveume agasallar cun discurso distinto ao daquela primeira presentación, lendo sobre todo as mulleres, os silenzos, descubrindo enxertos, sinalando detonacións. O de onte pagou tanto  a pena por escoitala.  E despois esa entrevista improvisada, deliciosa, os comentarios, a emoción.

Por suposto que había galletas, con tódalas letras do título, lazos vermellos. Cinta no pulso. Onte en Culleredo, toda a memoria.

Grazas a Tino Poza e a todo o seu equipo de cultura polo convite, pola súa labor incombustíbel. Grazas a todos os que fostes, imprescindíbeis.



Poetas di(n)versos II
16/12/2009, 13:22
Filed under: poesia, recital

O encontro con Luz Pozo e Luis García Montero foi como tiña que ser. Dúas presencias serenas, compartindo altura poética, admiración.

Todos sabedes da miña devoción por Luz Pozo, o afortunada que me sinto de coñecela, de escoitala sempre que podo, recitando, contando. Onte agasallounos con textos novos de dous libros que está a escreber. Un verdadeiro pracer saborear o que está recén saido do forno.

A dama das letras, escintilando na noite, falando de Rosalía, do amor máis definitivo, dos botóns. Voz elegante e certeira, pilar fundamental da nosa literatura.

Montero. El é así, coma nos seus poemas. Foi na carreira que o lin por primeira vez. Onte, mentres escoitaba os seis ou sete poemas cos que nos derrotou, pensaba nesa vez primeira, no primeiro texto, e claro, onte foi poñerlle voz, as ssss do sur e un éxtase poético atravesando o frío.

Foi un pracer saudalo, impecábel, exquisito. Mirábao asinar os libros (a man entintada en lila) pensando que non sospeita tódalas noites que pasei lendoo.

O de onte foi un deses encontros poéticos verdadeiros, para lembrar sempre. Afortunada. Feliz.



O pouso en Culleredo
15/12/2009, 10:11
Filed under: poesia, Pouso, presentacion

Mañá mércores 16, ás 20.00 preséntase o poemario na Biblioteca Uxío Novoneyra, no pazo Vila Melania, en Vilaboa.

Celestino Poza, Miguel Anxo Fernán-Vello e Eva Veiga acompañaránme na tarde. A presentación está incluida no Ciclo Palabra de muller, que teño a honra de fechar.

Non podo máis que agradecer ao concelleiro de Cultura e a todo o seu equipo que organizasen un ciclo coma este, no que participaron, con tanto éxito, dende poetas de gran altura e dilatada traxectoria poética ata escritoras noveis.

Estou desexándoo.



A boca da literatura
13/12/2009, 13:18
Filed under: Evento, Literatura

Os que seguides o blog xa sabedes da miña profunda admiración por Manolo Rivas: os encontros, o poema Boh, as sinaturas de libros.
Onte ás 12:00 asistín ao acto de ingreso do escritor na Real Academia Galega. Non podo, nin quero, facer unha crónica exhaustiva do acontecimento, confórmome con pequenas faíscas do que foi, do que sentín.

A entrada de Manolo Rivas no Salón de actos do Paraninfo, acompañado de dous académicos. A flor de toxo na súa man, tan necesaria e luminosa.
Todo o auditorio en pé. Cheo.
Avalancha de fotógrafos. E el tan coma sempre, sinxelo, humilde, carismático.
O discurso. O discurso foi simplemente brillante, estarrecedor, destes encontros coa palabra que conmoven o espírito. A poesía rebordando daquel ventanal ao mar, a buguina, o humor, a memoria, o drama máis agudo das pequenas anécdotas, do que el é mestre (veume á memoria unha  nota que tomei sobre a súa obra hai xa anos: dinamita emocional os contos de Rivas).

O escritor levounos da man pola súa vida, obra, lecturas, referentes, ideais, tantas bocas da literatura. Un discurso tecido coa minuciosidade dun cobertor de liño. Extraordinario.

Sentín que estaba a viver algo histórico, algo que lle contaría aos meus netos. E bebia das palabras de Rivas, querendo que aquilo non rematase nunca. O auditorio entregado, cómplice. O estalido final en aplausos, que se demoraban no recoñecimento.

El é unha das máis exquisitas e necesarias bocas da literatura. Deixovos as súas palabras ao remate, esas que non recollen o discurso escrito que teño nas miñas mans: Saúde, Terra e Liberdade para sempre.



Abro a xanela …
11/12/2009, 00:19
Filed under: poesia, presentacion

Abro a xanela e respiro o aire fresco da fin do mundo. Este é o título do libro de Álvaro Negro que se presentou onte no MACUF. Unha pequena xoia de imaxes e palabras. Os textos  de Celso Fernández Sanmartín (a quen nunca lle agradecerei suficiente a súa obra, os seus agasallos, a lectura cómplice do relato no banco), Chus Pato (Urania sempre), Carlos Negro (E onde madre só ve galiñas poñedoras de ovos, / eu sei da elegancia de porcelana dos cisnes) e Álvaro Negro (inexcusábel pasar a ver as fotos da exposición).

Onte, as imaxes e as voces encheron a sala, foi un pracer estar alí, escoitando os vencellos íntimos que os tres poetas estableceron coas instantáneas de Álvaro Negro.

E agora podería escreber algunhas das notas que tomei mentres os escoitaba, pero mellor non. Mellor que experimentedes o libro, unha beleza.



Prohibido gozar
08/12/2009, 20:56
Filed under: Palabra

Nunca pensei que este verbo tivese un único sentido (non me estou a refererir ao significado). Quero dicer que fose unidireccional. Quero dicer que só estivese reservado para o varón nun dos seus significados. Si, xa sei que o diccionario da RAE está cheo de prexuizos e misoxinia pero non sospeitaba que na terceira acepción do verbo gozar aparecese isto: 3. tr. Conocer carnalmente a una mujer.

Consulto o Manuel Seco ( unha desas inversións memorábeis que fixen na Carreira): 3. lit Poseer sexualmente [a una mujer]. Non acabo de entender o significado dos corchetes…

Neste senso o diccionario da RAG e o Gran Diccionario de Xerais son un exemplo, e non recollen este significado.

Inevitábel non pensar noutras linguas.

Consulto o Collins español-inglés, a segunda entrada indica: (muller) to have, seduce. Daquela tamén recollen ese senso, outra vez de xeito unilateral.

Consulto o Collins Pocket de francés: jouir, o significado non recolle ningunha dirección, nin fai distinción entre home e muller.

Consulto un diccionario calquera on-line en italiano, tampouco recolle a distinción.

Collo do andel o Moderno Dicionário de Lingua Portuguesa. Para os estudantes e para o povo, de 1939. Podía pensar que, ao ser case unha reliquia, o disparate puido rexistrarse, mais sorpresa, non aparece ningunha referencia a home ou muller.

Semella que, nalgunhas linguas, gozar só está reservado para o varón, e a muller é a fonte dese goce.

Xa visualizo un sinal de tráfico: prohibido gozar se és muller.



Dúas poetas no mundo
03/12/2009, 15:35
Filed under: artigo, poesia

Sei que o título pode levar a engano. Diso se trata. Fun renovar o permiso de conducción e a muller que me facía o psicotécnico (unha doutora penso) preguntoume polo meu traballo. Escribo dixenlle. E ela quixo afondar interesada, amábel: Novela ouPoesía dixen. Ahhhhhh, pois eu coñezo a a a a Yolanda Castaño. Mira Yolanda  Castaño e ti, non debe haber ninguén máis que escriba poesía.

Ollos coma pedras. Respostei: Sorprenderíase. Hai todo un submundo…

Velaiquí o motivo do post. A miña resposta. SUBMUNDO. Foi consciente ou inconsciente? Podo culpar á doutora de pensar que só hai dúas escritoras de poesía no mundo (mundo Galiza)? Ou estaría sendo inxusta? Hai un par de semanas, no Encontro de novos escritores, descubro a tres poetas novísimos. (Fascinada con Gonzalo Hermo e a súa Escola do resentimento.) Daquela se eu mesma ando a descubrir novos poetas como…

Saín, chovía como chove aquí. Por favor, un raio do ceo que lle dea toda a visibilidade á poesía.