Filed under: Evento
Finalmente onte o Achegarte abría as portas para que todos e todas puidesemos desfrutar de innumerábeis espectáculos, obradoiros, stands e encontros. Eu achegueime á tarde a participar na lectura continuada que a AELG nos propoñía aos escritores que quixesemos participar. O que eu non sabía é que tamén se podía ler obra doutro autor. De sabelo a tempo tería lido Carta sen direición, da obra Memorias de Tains, de Gonzalo R. Mourullo. Foi un pracer sentar nese sillón verde de Gulliver para ler algo do pouso, convertido aquel espazo no salon de té de Alice. Sentín moito non quedar máis tempo, pero a febre, fiel compañeira destes días fixo que me recollese cedo.
Antes de virme para a casa pasei un intre polo kiosko Alfonso, entre outras galerías e asociacións Moret Art ten un espazo realmente acolledor onde mostra a obra de magníficos artistas como Álvaro de la Vega, Manuel Suárez, Xurxo Gómez-Chao, Héctor Francesch, Tono e Miguel Piñeiro. Sempre un pracer desfrutar do seu traballo.
Hoxe á mañá achegueime outra vez por alí, estiven dando unha volta por todo o recinto, curioseando nos stands, e entre eles o de Pista Catro Productora de Soños, os da extraordinaria obra KAMIKAZE. Eu fan, fan, fannatic. Rendida aos seus pés. Por favor, que non deixen de repoñela e repoñela ata que non quede ninguén sen desfrutala, si?
Despois estiven asinando exemplares no stand de Edicións Espiral Maior, saudando a amigos e desfrutando dos reencontros.
Parabéns á organización, a tódolos voluntarios que fixeron posíbel esta feira da cultura! A pesar da febre, ogallá tódalas fins de semana tivesen algo de Achegarte.
O encontro de onte foi xeneroso, verdadeiro. Os organizadores do acto, Alberto e Xurxo exerceron de anfitrións magníficos. Un pracer compartir a palabra e a mesa con persoas que cren na poesía ata as últimas consecuencias.
Foi íntimo, algo máis dunha trintena de persoas estaban alí para escoitarnos. Interviu primeiro Xosé Abeal, recuperando a patria da infancia, os estertores da vida. Seguín eu, ofrecida ao pouso, coma poucas veces. Despois Emma Pedreira, estreando libro, Xoguetes póstumos (que levou o premio de poesía erótica Illas Sisargas con belos collages de Ana Cibeira), os seus ósos, a casa e o faro ofrenda última para corpos. Finalmente Miguel Anxo Fernán-Vello, poeta ao servizo da beleza. Os instantes máis transparentes da súa man.
E por se isto fora pouco, Teresa Seara agasallándonos sempre memoriais das poéticas, xenerosa e necesaria como só nós sabemos.
Sublime foi a intervención de Ariel Ninas, creando extraordinarios espazos musicais coa zanfona, un instrumento descoñecido, intrigante, de posibilidades infindas, como demostrou o seu executor. Improvisacións cómplices con cada unha das intervencións. Todo un descubrimento que desexo seguir desfrutando, intercambio de Borsalinos incluido.
A todas e todos agradecida por entregarse sen reservas, convertindo a tarde no mellor acubillo.
Moitas veces.
Estou encantada (de encantar na súa terceira acepción no diccionario da RAG) co convite da asociación Cultural e Social RR.LL para participar neste recital de mañá, xoves, á noite (Fundación Caixa Galicia, Médico Rodríguez 2-4, 20:OO). Deixovos aquí o convite. Vai ser un pracer compartir palabras con todas e todos vos. Os poetas: Xosé Abeal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Emma Pedreira e eu mesma. Ademáis contaremos coa música de Ariel Ninas. Teresa Seara presentará o acto.
Filed under: poesia
Esta quincena celebran unhas xornadas de conta-contos na gardería do meu fillo. A actividade consiste en que os pais que queren apúntanse e levan un conto para lerllo aos pequenos. Eu preguntei se podía levar poesía.
Asi que hoxe ás dez e media levei dous libros FERMOSÍSIMOS, o de Yolanda Castaño, Cando eu saiba ler, ilustrado por Xosé Tomás, e o de Poemas con piruleta de Carlos Fontes, ilustrado por Leandro Lamas. Ambos da Colección Tartaruga, da editorial Galaxia.
Non lembro estar tan nervosa ante ningún público. Alí todos sentadiños, agardando polo conto, ainda que en realidade foran poemas. Foi xenial. Pero xa podedes imaxinar a dificultade de facerse con eles. Griliño Cri-Crí/ traenos un iiiiiiiiiiiiiiiiiiii, ou A maxia da vogal é total:/ Coa a berro xa!. Foi unha experiencia tan linda. E cando algúns se animaron a participar pensei derreterme. Desexos infindos de ter as ilustracións a tamaño real para eles. Desexos infindos de repetilo moitas veces. E os aplausos do final, tan delicados coma atronadores.
O venres e o sábado celebrouse no Castelo de Santa Cruz o IV Encontro de novos escritore@s organizado pola AELG.
Foron dous días intensísimos, catro mesas redondas, e moitas caras novas para min, tamén algunhas coñecidas.
Como escritora novel agradezo moito esta iniciativa, este encontro, a posibilidade de coñecer o ultimísimo en poesía, re-coñecerme no discurso doutros escritores ou sentirme absolutamente diverxente.
MESA I: A literatura (auto)referenciada. Iolanda Zúñiga, Inma López Silva e Alberto Lema, coordinando a mesa Mª Xesús Nogueira. Os distintos xeitos de chegar á literatura. As autoreferencias na propia literatura. Pareceume un tema interesantísimo. Pensar en que tanto a literatura que me precede coma a que é coetánea teñen un peso importante, non tanto coma influencias directas senón máis ben coma compañeiras de camiño. Leo a Olalla Cociña e descubro unha escrita paralela na que podo recoñecerme. Leo a mestras como Eva Veiga ou Pili Pallarés, entre outras, e son referentes fundamentais, luces que guían.
MESA II: Noticias da poesía última. Alicia Fernández, Andrea Núñez e Gonzalo Hermo, coordinando Elvira Riveiro Tobío. Para min a mesa máis esperada. Interesantísima. Descuberta dos tres relatores. Novos, novísimos. O último, recén saido do forno. A posibilidade de reflexionar sobre o peso da poesía dos 90, o que se está a facer, o que se anda a procurar. Altísima calidade. Parabéns aos tres.
MESA III: (Auto) edición: a mirada do libro de autor/a. Carlos Vinagre, Baldo Ramos, Uqui Permui, coordinando Antía Otero. Foi apaixoante. Libros obxecto, obras de arte para contemplar e ler. O paradiso. Coñecía a obra magnífica de Baldo Ramos, pero non aos outros dous relatores. Interesantísima exposición tamén a de Uqui Permui, que me trouxo de volta os libros de Eloisa la Cartonera, dende Buenos Aires. Interesante aproximación ao contexto portugués da man de Carlos Vinagre. Ganas infindas de facer libros fermosos, libro-obxecto, libro-desexo.
MESA IV: O peso da nación. María Lado, Estíbaliz Espinosa, Séchu Sende, coordinando a mesa Francisco Castro. Foi unha mesa realmente refrescante, cando podería parecer todo o contrario. A exposición de Estíbaliz Espinosa, diáfana, suxerente, certeira. A de María Lado fantástica, fantástica. Ganas infindas de falarlle do seu Berlin, pero xa haberá ocasión. Xenial tamén Sechu Sende, a necesidade do humor, e tódalas anécdotas recoñecíbeis.
Foi un encontro moi productivo e interesante. Por suposto, o castelo, tódolos cafés, tódalas conversas. A noite de Santa Cruz.
A clausura non puido ser mellor, recital na fundación Luis Seoane de Eduardo Estévez, Alicia Fernández, Antía Otero, Mario Regueira e Elvira Riveiro, xunto co colectivo Oruga. Música, imaxe e palabra para deixarnos a todos mudos.
Onte achegueime ao Ciclo Poetas di(n)versos, organizado pola Concellería de Cultura e dirixido por Yolanda Castaño. Estreaban Lucía Aldao e Eduardo Aute.
O acto estivo realmente ben. Lucía Aldao magnífica, magnífica. Un verdadeiro pracer escoitala. Eu xa a vira recitar noutras dúas ocasións. Coñecina hai moitos anos, moitos, na facultade de filoloxía. Xa daquela se convertiu para min nunha poeta de referencia. Lucía Aldao, precisión de cirurxán na forxa do verso.
Despois Aute leu os seus poemigas. Foi raro, eu sempre fun escoitalo a concertos. Estivo ben, penso no enxeño dalgúns textos. Aute foi honesto, explicou antes de comezar como concebía el estos poemigas, iso gustoume. Si no tienes sueños, corres el peligro de teñer dueños.
Parabéns sentidos aos organizadores e promotores desta iniciativa. Onte quedou ben demostrado que hai un público ávido de poesía. Tódolos meses, cara a mediados, un encontro con dous grandes poetas. O vindeiro 15 de decembro, Luz Pozo e Luis García Montero.
Si. Antonte foi o día. Apenas acredito que xa pasara. Tan desexado. E ainda que as expectativas eran inmensas, o certo é que a realidade superou as ficcións do pálpito.
O primeiro encontro foi coas mestras de 1º de EXB (Educación Xeral Básica), Marisa e Linucha. Apértanme e son nena con disfraz de bailarina. A emoción íntima, indescriptíbel, de saberme na casa entre xente querida.
Levei o tear, ese rectángulo de madeira que se ve na foto é un tear (as puntas tortas, oxidadas), fíxomo meu pai cando eu tiña seis anos. Ao mostralo no salón de actos un par de suspiros escoitáronse en toda a sala. Momento tear. As mestras que me fixeron tecedora non daban creto.
Nunca me sentei ante un público tan esixente. O mellor da xornada foron as preguntas dos rapaces e rapazas. Algunhas insospeitadas. Divertidas. Comprometidas. Foi xenial compartir o pouso, a lignina, a desnatadora, as cuadrículas, con vós.
Non podo máis que expresar o meu agradecemento á alcaldesa de Bergondo, Dna. Alejandra Pérez, ao director do CIP Cruz do Sar, José Antonio Iglesias e a todo o equipo de docentes que organizaron a actividade.
Contar co editor e amigo Miguel Anxo Fernán-Vello foi un verdadeiro pracer. As palabras, o alento.
Alí, tan perto da que foi a miña aula, o armario empotrado, a xelatina lila, Borja y Pancete (eu tamén navegando no seu barco). Daquela tódolos recreos por vir sen sospeitar o de antonte. Agradecida. FELIZ.
Vai facer un ano que lin Pig Earth-Porca terra, de John Berger, mestre admiradísimo, gran poeta da terra. Xoán Abeleira é o responsábel da magnífica traducción. MAGNÍFICA TRADUCCIÓN. Non son quen de escribir o que significou esa lectura na miña vida. Foi unha verdadeira febre, só podía falar de Berger e da súa obra.
Probabelmente Berger tería sido case o mesmo Berger en inglés, lendo o orixinal. Pero neste caso é tal a comuñón entre a lingua galega e o texto, que pasaban as páxinas e eu localizaba a obra en calquera aldea do interior de Galiza. Ata tal punto que nun intre determinado fálase da emigración da aldea a Paris, e nese momento pensei: pois si que tiñan que ir lonxe. Inmediatamente despois lembraba que o texto transcorre na Alta Savoia.
É certo que isto non acontece con tódalas obras; é certo que poucas veces unha traducción podería pasar perfectamte por un orixinal. Éste é un deses casos.
Pouco despois lin Once in Europa-Una vez en Europa. Non foi o mesmo. Ao mellor tampouco tería sido o mesmo de lela en galego. Iso non o saberei nunca. Fíxoseme inevitábel pensar na importancia que xoga a lingua nunha lectura. Aspiro, desexo ler aos grandes da literatura (tamén aos pequenos), de non ser en lingua orixinal, en galego.
E todo isto porque leo no blog de Fran Castro o seu último post, no que recolle a pregunta que é ser galego. Para min ser galego é tamén ler en galego.