O convite que chega onda min en forma de honra. Pode que voltar ano tras ano sexa o modo de despedirme da adolescente que fun. A presentación máis xenerosa, as fotos, os ollos que me miran igual que cando tiña 15. A copia do expediente que me agardaba como agasallo, a insignia.
O grupo de rapazas e rapaces cos que traballarei durante case dúas horas e que me achegarán as súas palabras con maior ou menor risco. Eles nin sospeitan aqueles anos de lecturas e traballos, de ilusión, de mestres definitivos.
Unha das formas que máis me manca é a apatía, e certo desleixo nas formas da rapazada. Pode que contra iso non teñamos moitos recursos. Pero. Pero. Nesa sesión unha palabra que se repite: nai. E eu agradézoa como se fora a primeira vez que a escoito. Pero houbo moitas outras, palabras pequenas, acubillos, verdade.
Míroos, e penso que podo contarlles, que anzois podo botar. Do grafiti á pintura rupestre. O amor, o amor, sempre no ar dos institutos. Pero o certo é que eles saben moito do acontecer poético. E aquí me deixan unha brazada de palabras onde rememorar o que si e o que non daquela mañá no Elviña.
Sempre agradecida, tantos anos despois: Pepa, Lois, Charo, para non esquecer o camiño de regreso.
Entre outros actos da vida poética de San Francisco tiven o privilexio de participar no 8th Annual Poems Under the Dome. Hora e media de expectación, compromiso, pura maxia. Dende os escritores consagrados ata os novísimos que comezan andaina poética. Quero agradecer a Alejandro Murguía, e a todo o equipo que organizou o evento que me fixeran sentir coma na casa. Que cando lin os meus textos en galego acontecese o impensábel. Que tralo recitado algúns escritores e persoas do público se achegasen para interesarse pola obra, polo idioma no que está escrita. Un xogador de base-ball que viviu en Vigo, un grupo de poetas de ascendencia latina. John Rhodes que me pide os textos para a súa web. Onte á noite volveuse poñer de relevo o que significa ter unha lingua propia. Foi unha honra para min explicarlles de onde veño e ler, baixo a Bóveda impoñente, a cartografía, as cereixas. Inesquecíbel.
Organizado pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega e o Centro Ágora, xa está aberto o prazo de inscrición deste obradoiro. 20 prazas. Tódolos xoves de maio e xuño ás 20:00. GRATUITO.
A escrita do poema: da reflexión ao sen alento.
A proposta do obradoiro é sinxela, pero ambiciosa: adentrármonos no acto da escrita.
Para isto contaremos con oito sesións de dúas horas que investiremos en achegarnos as distintas poéticas da literatura galega contemporánea que nos permitirán coñecer a variedade de estilos e abordaxes ao acto creador.
Ese será o punto de partida para reflexionar sobre o espazo do poema e os seus mecanismos, tentando aproximarnos á definición do acontecer poético.
Ligado a isto afondaremos na procura da palabra e o traballo coa linguaxe: silencio, emoción, suxerencia.
Diferentes exercicios porán de relevo os puntos fortes nos que debe afianzarse a proposta de cada participante e tamén aqueles máis débiles que nos levarán á procura de alternativas.
Todo co obxectivo de adquirir as ferramentas necesarias nas que poder desenvolver cada elección individual.
Todo para afondar, entre derivas, no fascinio poético.
O encontro poético comezaba o venres, no Museo de Pontevedra, ás 20:00 cun recital presentado por Xaime Toxo (fermosísimas palabras), presidente dos Amigos do Ateneo, e a concelleira de Cultura.
Nunca sabes se virá xente escoitarte, cando a hora en punto se achega nunca sabes se fallarás aos anfitrións que fan un gran esforzo na organización do evento. Pero Pontevedra arroupoume de novo, como un ano atrás na Pontepoética. É volvín pensar no valor das persoas que terman da cultura deste país. No entusiasmo que envolve á xente do Ateneo.
E entre o público amigos, coñecidos da Pontepoética, e o luxo de contar con Alfonso Pexegueiro. Foi un recital íntimo, a pesar dos inmensos ventanais do Museo, a pesar do número de persoas. A atención, o silencio.
O sábado e domingo tería lugar no mesmo espazo o obradoiro Atraversados, nove horas de poesía, creación e análise, partillando o acontecimento poético, os diversos camiños na procura da palabra.
Non podo máis que agradecer aos asistentes, a todos e cada un, o seu entusiasmo, o alto grao de exposición nos exercicios, a súa xenerosidade, porque fixeron que esta fin de semana en Pontevedra fose fantástica.
Convidada polo CEIP Miguel A. González Estévez, repetía por terceiro ano o obradoiro POESÍA+GRAFFITI cun grupo de 4º de ESO.
Altísimas expectativas ante o encontro. Un grupo de bos lectores, asiduos aos obradoiros de poesía, poetas que comezan andaina… Entusiasmada coa idea de poder traballar un par de horas con eles.
E aos dez minutos sabía que o encontro colmaba calquera expectativa, tódalas expectativas.
No seu blog recollen crónica desa mañá. Son eu a que está agradecida, a que leva no peto, para sempre, as vosas palabras: nona, nada, inefábel, contos, caracola, balón, rap, escoita…
Son eu a que me inclino ante o compromiso, a emoción, a análise atenta do que conduce ao poético. Algo aconteceu naquelas últimas dúas horas da xornada. Non sempre é asi.
É unha sorte contar con docentes entusiastas que propoñen este tipo de actividades, que saben que a poesía é outra cousa.
Agora so resta agardar polos vosos textos.
O curso que vén, máis.