Sucos: blog de Dores Tembrás


8 de marzo
08/03/2010, 19:55
Filed under: petit trèsor

derrotas domésticas


debeu ser moi difícil

degolar as anguías

sen cortar os dedos

arrandearte para que non te cubrisen

as escamas de ollomol

liscar do nó corredío das sabas


nas noites opacas

que batallas contra os garavanzos

medrando disformes na agua         que absurda tarefa

escoller lentellas de arroz

que impotencia

cando o leite fervido vai por fóra

inevitablemente


e se o batifundo das tixolas non che deixaba oír a música

se o teu francés e alemán eran inútiles

contra a graxa nos fogóns

se os tubos de agua berran como nenos

ou gaivotas      e as patacas se pegan

no fondo da tarteira


nai

¿como é que estás sorrindo nas fotos?


Marilar Aleixandre, Catálogo de velenos


3 Comentarios so far
Deixar un comentario

Será porque as mulleres foron e somos as grandes resistentes? Feliz día da Muller Traballadora, hoxe e sempre

Comentario por Teresa Seara

Fermoso poema. A nai sempre sorrindo, é algo que me abraiou sempre. Sorriso-muleta, que barbaridade, que forza. Non pasa nada, todo está ben, non te preocupes, non ten importancia, non é para tanto, cólloo eu, cómoo eu, fágoo eu, frego eu, non estou cansa. As primeiras bágoas vistas da nai son un terremoto, que inestabilidade xeran. Vulnerabilidade. Non, non, ti non. Muleta sempre. Egoísmo tamén.

Comentario por abm

Non sei,pero paréceme un poema escrito por ti ou podería, na mensaxe, estar escrito por ti, que tanto admiras e alabas a túa nai. O poema é precioso e é unha bonita maneira de celebrar o Día da Muller Traballadora.
Bicos, bicos.

Comentario por maria rodriguez




Deixar un comentario