Sucos: blog de Dores Tembrás


De recitados
04/10/2013, 11:55
Filed under: Obradoiros, poesia, Pouso

O convite fixerase xa na primavera pero finalmente o encontro foi o pasado xoves 26, á noite, na Asociación Veciñal “Agra”. Dentro do ciclo da actividade “Gosto de che ler un poema” adicáronlle tempo e atención a “O pouso do fume”. Marabilloume a idea de escoitar os textos en voces alleas, con outros rexistros, outras pausas.

Primeiro a entrevista feita por unha das asistentes á actividade, impresionoume a exhaustiva presentación do meu traballo, a lectura da obra.
Un verdadeiro pracer demorarnos en detalles mínimos, en Pizarnik, nos referentes, no silencio.
Despois foron saíndo o resto dos asistentes para recitar un ou dous poemas do pouso.
Emocionante. Por moitos motivos, pero sobre todo por coñecer a un grupo de persoas que se reúnen semanalmente para ler poemas(de autores clásicos e novos), ensaiando o recitado, debullando as poéticas.

Síntome moi agradecida pola calidez do encontro, polas atencións.

Máis veces.



Tubérculos I
02/09/2013, 22:08
Filed under: creación, poesia, silabario

azulexo

Había anos que non o facía. Tampouco tantos. As palabras no ceo.

O Lafargue último rondándome. Traballo vs Preguiza.

O sol que apreta os músculos. Os terróns. O po pegándose ao pescozo.

O rito. Pode que sexa iso. Experimentar o paso do tempo a través da mesma procura.

Desenterrar o dourado. Admirarme.

Este ano non choveu, apenas puideron saír.

E eu, eu só agardo a que aconteza, igual que hai anos. Mais non sempre.

Agardo a que a xeometría en louza me deslumbre. Limpala contra o pantalón. Admirala.

Saber que sosteño entre os dedos o fósil da cociña primeira.

Xa daquela, a certeza.

a

Seguir lendo



Presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila
04/08/2013, 22:57
Filed under: Evento, poesia

presentacion_berta_davila_coruña

Foi onte á tarde, na Feira do Libro da Coruña. Compartir serán e palabra con Berta Dávila e Manuel Bragado foi unha delicia.

E alí, entre raíces e paxariños de origami, entre un público atentísimo e o recitado de Berta, lin as anotacións da lectura que fixen do novo poemario.

Aquí deixo un fragmento do meu camiñar pola Raíz da fenda:

presentacion.raiz.da.fenda



Poesía no IES Poeta Díaz Castro
22/05/2013, 09:36
Filed under: Lingua, Literatura, Obradoiros, poesia, Pouso

Foi hai semanas que me acheguei ao IES Poeta Díaz Castro. Levaba dous obradoiros. Poesía + Grafiti e Entre palabras. Dous grupos de distintas idades, a mesma entrega.

Xa o teño dito. Cando vou aos institutos sempre a incógnita, a incertidume. Non ten porque sair ben. Non teñen porque aceptar a tregua, a suspensión da realidade máis inmediata que esixe o noso encontro. Son unha estrana, só saben de min que escribo.

E sempre as palabras, a descuberta deliciosa da relación intransferíbel que manteñen coas palabras. Volveu sair a palabra nai, como no CEIP Elviña, e pai, e avoa, mapa, fútbol, natación, bar, e moitas outras que cristalizaron nalgúns dos textos que deixo a seguir. Paga a pena lelos. Hai verdade neles.

Foi un pracer ir a Guitiriz, coñecer o traballo intenso do equipo docente, e aos rapaces que saben ben o que é a terra.

Agradecida por un foro que sen saber o que o agardaba entrou comigo en suspensión.

O ARCO
Cando eu era pequeno,
meu avó sempre me facía
un arco de xoguete,
cun pau e unha corda.
Eu sempre lle pedía
que lles puxese punta ás frechas,
pero non podía ser,
podía mancar a alguén.

PESCA (Óscar Novo)
lembranzas do meu avó,
que xa non está.
Tirabamos a cana dende a beira
ficaban nun espeto e,
mentres,
contabamos historias antigas. p

O INSTITUTO (Nuria Losada)
Para moitos unha experiencia enriquecedora e inolvidable,
para min, unha experiencia que me mataba día a día.
Aquí non sirvo para nada,
volven de vez en cando as ganas de cortar as veas,
pero intento ocultalas e ser feliz,
que as miñas amigas non me vexan sufrir.
Agora, grazas a esas amistades son máis feliz.

ESCALEIRAS (Marta Rocha)
Os colchóns polas barandas,
as almofadas tamén,
e nós enriba delas…
era o mellor.

O BAR (Rocío García)
Recordos de persoas ausentes
non lugar onde a xente o pasa ben.
Bágoas que lembrar
de feitos ocorridos..
Xente que un día marchou
para nunca voltar
para nunca bicar nin abrazar…

BAILAR (Fernanda Mera)
Bailo porque me gusta,
sinto cada paso…
móvome recordando os teus un-dous-tres.
Bailo sen saber que tes algo que ver.

CAMPOS (Sabela Salgueiro)
Ese día de xogos
cando os campos
eran nosos.
As estacións pasando sobre el…
Aqueles tempos sen hora.

MANOLO (Tania Campello)
Faciamos cancións co seu nome
moi graciosas e divinas.
Manolo era máis ca un socorrista.

LAREIRA (Noemi Carro)
Historias de viaxe,
anécdotas,
as túas parvadas…
pero agora non estás.

PEQUENA (Esther)
27 de marzo de 1999.
bebé abandoada
na parada de autobús,
soa, famenta, triste…e
unha pregunta: por que?

Cun ano de vida,
nun hospital,
entre a vida e a morte…e
unha pregunta: por que?

20 de agosto de 2003
unha sorpresa,
un amor que chega
ao seu corazón:
unha familia nova.
Flores brancas,
peluche branca, amor vermello e,
unha pregunta: por que?

ACORDEÓN (Margarita Vidal)
Era a maneira
que tiñas
para facer que todo o mundo
sorrise.

CARAMELOS (Laura Pena)
Sempre agardaba na porta
con caramelos para nós…
sempre buscando o momento
para o xogo
ata o solpor.
Antes non pensaba…
agora desexaría que volveses,
cos teus caramelos, tan ricos,
cos teus abrazos, tan bonitos.

ALDEA (Eva Fernández)
Saír correr ata cansar
sen saber onde vas parar.
Subirme a aquela árbore,
construír ese refuxio,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.
A miña aldea é única,
non hai outra igual,
ole a liberdade
a herba que vou pisar.
Xogar cos animais,
aprender a facer un buxo,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.

CASA (Jonathan)
O noso mellor xoguete,
o mellor lugar para rir…
nunca poderei repetir
aqueles días
nos que te deixamos ir.

AVÓS (Jesús Roca)
Canto desexaba as fins de semana na aldea dos meus avós,
todo o día xogando entre as vacas, os cans e os cabalos.
Eses días fermosos nos que todo ía ben e que agora se esgotaron…
os meus soños, xa medraron.

GALLETAS (Laura Lobeiras)
Galletas, galletas,
galletiñas da avoa,
galletiñas que deixaches
aquel 14 de febreiro:
galletas de amor,
galletas de despedida.

MÚSICA (Adrián Fariñas)
Sabendo que é a miña vida
Música e Música
é vida…
Sabendo que é de verdade
o amor que lle dou a un caderno
cando en branco está.

MAPA (Paula Paderne)
a Exipto quero ir…
momias, pirámides…
Un calafrío
percorre o meu interior
cando miro o MAPA.



Cronoloxía da urxencia.Primeiras palabras.
15/05/2013, 09:12
Filed under: Cronoloxía da urxencia, poesia

cronoloxia_cuadricula

Esta é a entrevista que me fixo Carme Vidal onte á tarde para o Sermos Galiza. Foron máis ou menos as miñas palabras.

Atrévome a indicar que na segunda pregunta onde pon “alento” é “sen alento”. Os que me coñecen saben que esa expresión, ademáis de ser verso, é emblema para min, e non podo renunciar a ela.

Agradecida a Carme Vidal pola conversa.



XVI Edición do Premio de Poesía Concello de Carral
13/05/2013, 22:29
Filed under: poesia

A grande ledicia chegaba a media tarde, por asalto. Convertíndome en pura electricidade. Pensei mil cousas, lembrei algunhas teorías sobre os premios e as obras, pensei nas persoas que amo, nos amigos, nas chamadas inmediatas, na urxencia por compartilo. E aplaudía no estudio, aplaudía soa, moito. Sentíndome moi agradecida.

Pensei nestes anos de escrita, na procura dalgunhas palabras, no exhausta que me sentín ás veces. Nos lindes.

Volveu a electricidade. O premio, o premio.

Pero nalgún momento pensei nas outras 37 persoas que agardaban a chamada, que desexaban esa chamada. Como eu desexei.

E si, fixen o único que podía facer: coller o poemario do andel e relelo, sendo xa outra, pensando que será libro. É a primeira vez. Haberá tempo para falar del, para desfrutalo.

Hoxe só:

Cronoloxía da urxencia: XVI Premio de Poesía Concello de Carral.



No Instituto Elviña 2013
29/04/2013, 18:39
Filed under: Literatura, Obradoiros, poesia

O convite que chega onda min en forma de honra. Pode que voltar ano tras ano sexa o modo de despedirme da adolescente que fun. A presentación máis xenerosa, as fotos, os ollos que me miran igual que cando tiña 15. A copia do expediente que me agardaba como agasallo, a insignia.

O grupo de rapazas e rapaces cos que traballarei durante case dúas horas e que me achegarán as súas palabras con maior ou menor risco. Eles nin sospeitan aqueles anos de lecturas e traballos, de ilusión, de mestres definitivos.

Unha das formas que máis me manca é a apatía, e certo desleixo nas formas da rapazada. Pode que contra iso non teñamos moitos recursos. Pero. Pero. Nesa sesión unha palabra que se repite: nai. E eu agradézoa como se fora a primeira vez que a escoito. Pero houbo moitas outras, palabras pequenas, acubillos, verdade.

Míroos, e penso que podo contarlles, que anzois podo botar. Do grafiti á pintura rupestre. O amor, o amor, sempre no ar dos institutos. Pero o certo é que eles saben moito do acontecer poético. E aquí me deixan unha brazada de palabras onde rememorar o que si e o que non daquela mañá no Elviña.

Sempre agradecida, tantos anos despois: Pepa, Lois, Charo, para non esquecer o camiño de regreso.



Under the Dome
20/04/2013, 22:23
Filed under: Evento, poesia, Pouso, recital

Poems Under the Dome

Entre outros actos da vida poética de San Francisco tiven o privilexio de participar no 8th Annual Poems Under the Dome. Hora e media de expectación, compromiso, pura maxia. Dende os escritores consagrados ata os novísimos que comezan andaina poética. Quero agradecer a Alejandro Murguía, e a todo o equipo que organizou o evento que me fixeran sentir coma na casa. Que cando lin os meus textos en galego acontecese o impensábel. Que tralo recitado algúns escritores e persoas do público  se achegasen para interesarse pola obra, polo idioma no que está escrita. Un xogador de base-ball que viviu en Vigo, un grupo de poetas de ascendencia latina. John Rhodes que me pide os textos para a súa web.  Onte á noite volveuse poñer de relevo o que significa ter unha lingua propia. Foi unha honra para min explicarlles de onde veño e ler, baixo a Bóveda impoñente, a cartografía, as cereixas. Inesquecíbel.



Obradoiro de escrita no Centro Ágora da Coruña
19/04/2013, 18:06
Filed under: Literatura, Obradoiros, poesia

Organizado pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega e o Centro Ágora, xa está aberto o prazo de inscrición deste obradoiro. 20 prazas. Tódolos xoves de maio e xuño ás 20:00. GRATUITO.

A escrita do poema: da reflexión ao sen alento.

A proposta do obradoiro é sinxela, pero ambiciosa: adentrármonos no acto da escrita.

Para isto contaremos con oito sesións de dúas horas que investiremos en achegarnos as distintas poéticas da literatura galega contemporánea que nos permitirán coñecer a variedade de estilos e abordaxes ao acto creador.

Ese será o punto de partida para reflexionar sobre o espazo do poema e os seus mecanismos, tentando aproximarnos á definición do acontecer poético.

Ligado a isto afondaremos na procura da palabra e o traballo coa linguaxe: silencio, emoción, suxerencia.

Diferentes exercicios porán de relevo os puntos fortes nos que debe afianzarse a proposta de cada participante e tamén aqueles máis débiles que nos levarán á procura de alternativas.

Todo co obxectivo de adquirir as ferramentas necesarias nas que poder desenvolver cada elección individual.

Todo para afondar, entre derivas, no fascinio poético.



IMAN DE PALABRAS II: recital e obradoiro en PONTEVEDRA
08/04/2013, 09:44
Filed under: Literatura, Obradoiros, poesia

O encontro poético comezaba o venres, no Museo de Pontevedra, ás 20:00 cun recital presentado por Xaime Toxo (fermosísimas palabras), presidente dos Amigos do Ateneo, e a concelleira de Cultura.

Nunca sabes se virá xente escoitarte, cando a hora en punto se achega nunca sabes se fallarás aos anfitrións que fan un gran esforzo na organización do evento. Pero Pontevedra arroupoume de novo, como un ano atrás na Pontepoética. É volvín pensar no valor das persoas que terman da cultura deste país. No entusiasmo que envolve á xente do Ateneo.

E entre o público amigos, coñecidos da Pontepoética, e o luxo de contar con Alfonso Pexegueiro. Foi un recital íntimo, a pesar dos inmensos ventanais do Museo, a pesar do número de persoas. A atención, o silencio.

O sábado e domingo tería lugar no mesmo espazo o obradoiro Atraversados, nove horas de poesía, creación e análise, partillando o acontecimento poético, os diversos camiños na procura da palabra.

Non podo máis que agradecer aos asistentes, a todos e cada un, o seu entusiasmo, o alto grao de exposición nos exercicios, a súa xenerosidade, porque fixeron que esta fin de semana en Pontevedra fose fantástica.