Sucos: blog de Dores Tembrás


O peizoque no CEIP Xosé Cornide
05/10/2012, 09:13
Filed under: Literatura, Peizoque

O de onte foi moito máis ca ir lerlles o peizoque ás nenas e nenos do Xosé Cornide.

Pensaba, mentres algúns membros do equipo docente me amosaban a biblioteca, na importancia que ten querer facer as cousas, máis alá de gravísimos recortes, pensaba no mimo, na entrega que unha biblioteca así agocha. E ao ver o “sillón real” no que os pais e nais sentan para lerlles  aos pequenos, imaxinei as tardes de contos. Amosáronme tamén a casiña diminuta do rato que vive na biblioteca, unha marabilla con sofás e cousas pequeniñas. Eu, eu díxeno en voz alta: Quero quedar a vivir aquí! Pero despois chegou a visión do camerino, cheio de luces e disfraces.  E daquela si que si!

Cando xa estaba rendida, a directora do centro amosoume os proxectos nos que traballan, dous por ano, e nos que involucran a tódolos cursos. Sen palabras. Porque eses proxectos xiran arredor dun concepto que todos entenden e interpretan, dende os 3 aos 12 anos. As olimpiadas, feminino singular, o mar…

Unha non pode máis que aplaudir un traballo así, apreciando cada detalle, o respeto pola lingua, o trasteiro que se convirte en ceo estrelado… porque todo é o mesmo. Cuestión de sensibilidade.

Aqueles nenos que entraban do recreo parecéronme afortunados de que un equipo de 12 docentes, con 3 itinerantes, siga a crer na educación pública, deixando o mellor de si. O de onte foi unha verdadeira lección, emocionante.

Velos sair de tódalas aulas ao son da música, sentares no chan para escoitar o conto. A súa atención, un verdadeiro agasallo. As nenas e nenos do Xosé Cornide déronlle de comer ao peizoque, e entre micos e palabras pasamos un fermoso anaco da mañá. Cantas ledicias me está a dar este paxariño!

Advertisements


Crítica d’O peizoque Roque no Criticalia
08/08/2012, 15:35
Filed under: Literatura, Peizoque

O crítico Armando Requeixo adícalle estas magníficas palabras ao peizoque no seu blog Criticalia. Síntome verdadeiramente honrada ante a súa aproximación á literatura peizoque, ao seu universo. Sempre a descuberta.

Feliz e moi agradecida.



Presentación O Peizoque Roque II
01/08/2012, 22:00
Filed under: Evento, Literatura, Peizoque, presentacion

Sen ver as fotos, a galleta comesta, o peizoque a carón. Non quero deixar escapar o día sen agradecer a tanta xente que estivera hoxe á tarde alí. E a tódolos nenos metamorfesados en animais, e algúns adultos de novo nenos.

Os amigos, a familia, os descoñecidos. Os que viñeron de lonxe, e os que pasaban por alí.

Feliz de rematar o día cunha panorámica imborrábel do que foi o encontro. A que non se fixo.

Agradecidísima!

 



Presentación O peizoque Roque na Coruña
30/07/2012, 09:57
Filed under: Evento, Peizoque, poesia, presentacion

Será o mércores 1 de agosto ás 19:00. Na Feira do libro. Alí, nos xardíns de Méndez Núñez. Xośe Tomás, que pintou o peizoque máis lindo do mundo, e eu estaremos acompañados por Francisco Castro, editor de Galaxia.

Gustaríame vervos alí. Vai ser unha tarde de palabras, para escoitar e para comer…



As primeiras lecturas do Peizoque
10/07/2012, 22:45
Filed under: Peizoque

Delicadísimas as palabras que o crítico Ramón Nicolás lle adica ao Peizoque. Un luxo que quero compartir.

Que fique aquí o meu agradecimento máis sincero, a felicidade de contar aos primeiros lectores.



O peizoque Roque
13/06/2012, 21:45
Filed under: creación, Literatura, Peizoque, poesia

Chegou o luns nunha caixa. Case 3 kg. E tan perfecto. O recendo que non podo escribir, o das librerías de nena, o papel satinado, a tinta. O tacto da capa, case case coma as plumas do peizoque.

Teño o pracer de presentarvos o meu primeiro libro para pequenos. As ilustracións máis fermosas de Xosé Tomás danlle vida a Roque, un paparroibo ben curioso que anda á procura da palabra. Tiña que ser el, Xosé Tomás. Ninguén máis para ilustrar esta aventura en verso, e así, o collage, o toxo, o ceu inmenso, o niño. As súas cores. Agradecida e feliz por compartirmos un proxecto tan importante e querido por min.

Unha edición impecábel na que Galaxia puxo mimo e esmero, facéndose cómplice dende o primeiro instante deste paxariño afoutado que só entende de palabras.

Este conto é conto doutro tempo, de avós que herdaron aventuras e palabras a fillas e netos fascinados.

E así o peizoque aniñaba o luns nas súas mans.

A espera, toda a espera, pagou a pena.