Sucos: blog de Dores Tembrás


Prohibido gozar
08/12/2009, 20:56
Filed under: Palabra

Nunca pensei que este verbo tivese un único sentido (non me estou a refererir ao significado). Quero dicer que fose unidireccional. Quero dicer que só estivese reservado para o varón nun dos seus significados. Si, xa sei que o diccionario da RAE está cheo de prexuizos e misoxinia pero non sospeitaba que na terceira acepción do verbo gozar aparecese isto: 3. tr. Conocer carnalmente a una mujer.

Consulto o Manuel Seco ( unha desas inversións memorábeis que fixen na Carreira): 3. lit Poseer sexualmente [a una mujer]. Non acabo de entender o significado dos corchetes…

Neste senso o diccionario da RAG e o Gran Diccionario de Xerais son un exemplo, e non recollen este significado.

Inevitábel non pensar noutras linguas.

Consulto o Collins español-inglés, a segunda entrada indica: (muller) to have, seduce. Daquela tamén recollen ese senso, outra vez de xeito unilateral.

Consulto o Collins Pocket de francés: jouir, o significado non recolle ningunha dirección, nin fai distinción entre home e muller.

Consulto un diccionario calquera on-line en italiano, tampouco recolle a distinción.

Collo do andel o Moderno Dicionário de Lingua Portuguesa. Para os estudantes e para o povo, de 1939. Podía pensar que, ao ser case unha reliquia, o disparate puido rexistrarse, mais sorpresa, non aparece ningunha referencia a home ou muller.

Semella que, nalgunhas linguas, gozar só está reservado para o varón, e a muller é a fonte dese goce.

Xa visualizo un sinal de tráfico: prohibido gozar se és muller.