Sucos: blog de Dores Tembrás


Master class con Gonzalo Hermo
08/01/2014, 16:56
Filed under: Evento, Obradoiros

20131212_194828

Finalmente decídome así

coas mans atadas ás costas

e un pedazo de papel tapándome os labios cun verso de Artaud:

eu padecín cincuenta electroshoks, cincuenta estados de coma 

Gonzalo Hermo, Crac.

Foi nos últimos días de decembro.

Gonzalo Hermo traía consigo os tempos asociados ao poema, e versos de poetas moi queridas e admiradas: Xohana Torres, Chus Pato, Olalla Cociña, Olga Novo ou Alicia Fernández entre outr@s.

O sinxelo foi rendirse ante o seu discurso, artellado no mecanismo temporal dende o que se sitúa o poeta.  Xurdiron moitos outros conceptos, e Gonzalo foi dunha xenerosidade maiúscula falándonos do seu propio proceso de creación e partillando algúns textos inéditos do seu novo traballo.

Dicir luxo, honra ou privilexio. Repetir o que significou esa tarde para tódolos asistentes. O fascinio ecoando cando el fechou a porta.

Os bolos de Santa Lucía. A noite.

Eu débolle moito a Gonzalo, pero como dixen ese día, a súa presenza en Arquitecturas do poema é un dos luxos que me reserva a súa amizade. Compartir a mirada, a peneira á que se someten @s escritores  que axudan a configurar o propio traballo. Foi un encontro tremendamente estimulante para tod@s.

Verdade.

Moi agradecida.

Advertisements


Intensivo en Compostela. A vertixe, o poema
22/10/2013, 12:18
Filed under: Obradoiros

navertixe_construir_poema_obradoiro_santiago_lilith

Será xusto dentro dun mes. Na librería Lila de Lilith, en colaboración con PICAVERSOS. Intensivo de 8 horas. Venres 22 é sábado 23 de novembro.

Quero velo todo, quero construir o poema, camiñar polos cantís, saber do acontecimento poético, das ferramentas, do misterio e a técnica.

Entre o azar e o cálculo a vertixe.

Máis info e matrícula:

liladelilith@gmail.com

eu@dorestembras.com



De recitados
04/10/2013, 11:55
Filed under: Obradoiros, poesia, Pouso

O convite fixerase xa na primavera pero finalmente o encontro foi o pasado xoves 26, á noite, na Asociación Veciñal “Agra”. Dentro do ciclo da actividade “Gosto de che ler un poema” adicáronlle tempo e atención a “O pouso do fume”. Marabilloume a idea de escoitar os textos en voces alleas, con outros rexistros, outras pausas.

Primeiro a entrevista feita por unha das asistentes á actividade, impresionoume a exhaustiva presentación do meu traballo, a lectura da obra.
Un verdadeiro pracer demorarnos en detalles mínimos, en Pizarnik, nos referentes, no silencio.
Despois foron saíndo o resto dos asistentes para recitar un ou dous poemas do pouso.
Emocionante. Por moitos motivos, pero sobre todo por coñecer a un grupo de persoas que se reúnen semanalmente para ler poemas(de autores clásicos e novos), ensaiando o recitado, debullando as poéticas.

Síntome moi agradecida pola calidez do encontro, polas atencións.

Máis veces.



Obradoiro de escrita: Arquitecturas do poema
11/09/2013, 10:00
Filed under: creación, Obradoiros

arquitecturas_poema

Será en dous grupos, martes ou xoves de 20:00 a 22:00 en The room.

Ao longo dos encontros tentaremos abordar o acontecer poético. E sempre a esixencia á palabra, o escrutinio ao que sometemos o poema.

Así “abriremos a navalla” algúns poetas da literatura universal, e en particular da literatura galega, que han de sinalar, subliñar, para admirarnos.

Pódese domésticar a linguaxe? A súa estructura? Pódese penetrar no sórdido, na emoción do sórdido, e calibrar os lindes ata os que podemos levar a imaxe?

Que é a beleza? Unha ilusión óptica? Unha actitude? Dúas palabras que firen?

Que pasa no poema? Que é o que nos importa no poema? Canta atención lle prestamos ao sen alento?
Sabemos cortar os versos? A medida? O ritmo?

Sabemos ler?

E o silencio? En que medida é posíbel producir o silencio no poema?

Ferramentas. Aprenderemos ferramentas para construir o texto. Pero sobre todo, e dígoo a modo de advertencia, a deriva será o pilar da aprendizaxe, demorarémonos en calquera concepto, calquera, que alumee a nosa achega ao poético.

Esta é a proposta.

A inscrición inclúe master-class cun escritor recoñecido, titorías e galletas.

Sesión aberta e gratuita o xoves 3 de outubro ás 20:00.

Escribamos.

Matrícula e info: eu@dorestembras.com



De literatura e outras artes
05/09/2013, 14:22
Filed under: arte, Literatura, Obradoiros

literatura_Artes

Arrinca este outuno, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.Tódolos mércores de 19:00 a 20:30.

Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.

Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina  e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre as escenas  que Dostoievski é quen de capturar e algunhas fotografías do s. XIX? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luis Seoane?

Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e  espazos transitados pola interdisciplinaridade.

O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00).

Alí.



Poesía no IES Poeta Díaz Castro
22/05/2013, 09:36
Filed under: Lingua, Literatura, Obradoiros, poesia, Pouso

Foi hai semanas que me acheguei ao IES Poeta Díaz Castro. Levaba dous obradoiros. Poesía + Grafiti e Entre palabras. Dous grupos de distintas idades, a mesma entrega.

Xa o teño dito. Cando vou aos institutos sempre a incógnita, a incertidume. Non ten porque sair ben. Non teñen porque aceptar a tregua, a suspensión da realidade máis inmediata que esixe o noso encontro. Son unha estrana, só saben de min que escribo.

E sempre as palabras, a descuberta deliciosa da relación intransferíbel que manteñen coas palabras. Volveu sair a palabra nai, como no CEIP Elviña, e pai, e avoa, mapa, fútbol, natación, bar, e moitas outras que cristalizaron nalgúns dos textos que deixo a seguir. Paga a pena lelos. Hai verdade neles.

Foi un pracer ir a Guitiriz, coñecer o traballo intenso do equipo docente, e aos rapaces que saben ben o que é a terra.

Agradecida por un foro que sen saber o que o agardaba entrou comigo en suspensión.

O ARCO
Cando eu era pequeno,
meu avó sempre me facía
un arco de xoguete,
cun pau e unha corda.
Eu sempre lle pedía
que lles puxese punta ás frechas,
pero non podía ser,
podía mancar a alguén.

PESCA (Óscar Novo)
lembranzas do meu avó,
que xa non está.
Tirabamos a cana dende a beira
ficaban nun espeto e,
mentres,
contabamos historias antigas. p

O INSTITUTO (Nuria Losada)
Para moitos unha experiencia enriquecedora e inolvidable,
para min, unha experiencia que me mataba día a día.
Aquí non sirvo para nada,
volven de vez en cando as ganas de cortar as veas,
pero intento ocultalas e ser feliz,
que as miñas amigas non me vexan sufrir.
Agora, grazas a esas amistades son máis feliz.

ESCALEIRAS (Marta Rocha)
Os colchóns polas barandas,
as almofadas tamén,
e nós enriba delas…
era o mellor.

O BAR (Rocío García)
Recordos de persoas ausentes
non lugar onde a xente o pasa ben.
Bágoas que lembrar
de feitos ocorridos..
Xente que un día marchou
para nunca voltar
para nunca bicar nin abrazar…

BAILAR (Fernanda Mera)
Bailo porque me gusta,
sinto cada paso…
móvome recordando os teus un-dous-tres.
Bailo sen saber que tes algo que ver.

CAMPOS (Sabela Salgueiro)
Ese día de xogos
cando os campos
eran nosos.
As estacións pasando sobre el…
Aqueles tempos sen hora.

MANOLO (Tania Campello)
Faciamos cancións co seu nome
moi graciosas e divinas.
Manolo era máis ca un socorrista.

LAREIRA (Noemi Carro)
Historias de viaxe,
anécdotas,
as túas parvadas…
pero agora non estás.

PEQUENA (Esther)
27 de marzo de 1999.
bebé abandoada
na parada de autobús,
soa, famenta, triste…e
unha pregunta: por que?

Cun ano de vida,
nun hospital,
entre a vida e a morte…e
unha pregunta: por que?

20 de agosto de 2003
unha sorpresa,
un amor que chega
ao seu corazón:
unha familia nova.
Flores brancas,
peluche branca, amor vermello e,
unha pregunta: por que?

ACORDEÓN (Margarita Vidal)
Era a maneira
que tiñas
para facer que todo o mundo
sorrise.

CARAMELOS (Laura Pena)
Sempre agardaba na porta
con caramelos para nós…
sempre buscando o momento
para o xogo
ata o solpor.
Antes non pensaba…
agora desexaría que volveses,
cos teus caramelos, tan ricos,
cos teus abrazos, tan bonitos.

ALDEA (Eva Fernández)
Saír correr ata cansar
sen saber onde vas parar.
Subirme a aquela árbore,
construír ese refuxio,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.
A miña aldea é única,
non hai outra igual,
ole a liberdade
a herba que vou pisar.
Xogar cos animais,
aprender a facer un buxo,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.

CASA (Jonathan)
O noso mellor xoguete,
o mellor lugar para rir…
nunca poderei repetir
aqueles días
nos que te deixamos ir.

AVÓS (Jesús Roca)
Canto desexaba as fins de semana na aldea dos meus avós,
todo o día xogando entre as vacas, os cans e os cabalos.
Eses días fermosos nos que todo ía ben e que agora se esgotaron…
os meus soños, xa medraron.

GALLETAS (Laura Lobeiras)
Galletas, galletas,
galletiñas da avoa,
galletiñas que deixaches
aquel 14 de febreiro:
galletas de amor,
galletas de despedida.

MÚSICA (Adrián Fariñas)
Sabendo que é a miña vida
Música e Música
é vida…
Sabendo que é de verdade
o amor que lle dou a un caderno
cando en branco está.

MAPA (Paula Paderne)
a Exipto quero ir…
momias, pirámides…
Un calafrío
percorre o meu interior
cando miro o MAPA.



No Instituto Elviña 2013
29/04/2013, 18:39
Filed under: Literatura, Obradoiros, poesia

O convite que chega onda min en forma de honra. Pode que voltar ano tras ano sexa o modo de despedirme da adolescente que fun. A presentación máis xenerosa, as fotos, os ollos que me miran igual que cando tiña 15. A copia do expediente que me agardaba como agasallo, a insignia.

O grupo de rapazas e rapaces cos que traballarei durante case dúas horas e que me achegarán as súas palabras con maior ou menor risco. Eles nin sospeitan aqueles anos de lecturas e traballos, de ilusión, de mestres definitivos.

Unha das formas que máis me manca é a apatía, e certo desleixo nas formas da rapazada. Pode que contra iso non teñamos moitos recursos. Pero. Pero. Nesa sesión unha palabra que se repite: nai. E eu agradézoa como se fora a primeira vez que a escoito. Pero houbo moitas outras, palabras pequenas, acubillos, verdade.

Míroos, e penso que podo contarlles, que anzois podo botar. Do grafiti á pintura rupestre. O amor, o amor, sempre no ar dos institutos. Pero o certo é que eles saben moito do acontecer poético. E aquí me deixan unha brazada de palabras onde rememorar o que si e o que non daquela mañá no Elviña.

Sempre agradecida, tantos anos despois: Pepa, Lois, Charo, para non esquecer o camiño de regreso.