Sucos: blog de Dores Tembrás


Todos poetas no Colexio Manuel Murguía
25/05/2010, 21:50
Filed under: Lingua, Literatura, poesia

Hoxe tiven a sorte de ir dar un obradoiro de poesía a rapaces, de entre 9 e 12 anos, ao Colexio Manuel Murguía.

Era a primeira vez que traballaba con nenos tan pequenos e veño impresionada. Foron algo máis de dúas horas xogando coa palabra. Definindo a poesía, aos poetas, ubicando conceptos como estrofa, verso ou rima, que eles mesmos me ían apuntando.

Pero o mellor foi o xogo coas fichas de sustantivos e adxectivos. De aí sairon os poemas finais, que aplaudimos entusiasmados. Prometinlles publicalos aquí, asi que preparádevos para unha verdadeira antoloxía poética infanto-xuvenil.

Foi un agasallo poder falar con eles de mazás transparentes ou do amor -todos namorados- e escoitar como se di esa palabra “redonda e vermella” en ucraniano, en chinés, en italiano. Ver como ensaiaban a palabra e melloraban as primeiras versións dos textos.

Compartir a emoción da poesía. Saber que tódolos nenos e nenas son poetas.Velaiquí o seu traballo magnífico:

Ti tés un furado longo/ porque a xente escarva en ti (Dani, 10 anos)

Meus ollos son os teus ollos/ miña boaca é a túa boca/ e noso amor é tan escintilante/coma as estrelas do ceo. (Sonia, 12)

Tu Amor es mío es tan /delicado como las rosas (Josemi, 9)

a noite sae(n) as bolboretas/ A noite é escura/ voan a noite nocturna (Adrián, 11)

el limón es imposible tocarlo/porque se ha chocado (Jonatan, 11)

Un espello é delicioso/porque te reflexas nel. (Miriam, 11)

A mazán transparente non pode ver nin oler solo pode comer (Marco, 13)

Mar estrelada/reflejo na auga (Manuel, 9)

Area tola é moi morena (Cristian, 12)

Lúa azul no es tan azul/ para ser unha lúa azul bucea por el mar/Lúa azul que parece un ángel /si quieres ser más azul haz amistades/ Lúa que parece unha naranxa si quieres ser azul tunéate hasta por la hoja/ Lúa azul para protegernos del sol haz un eclipse. (Jorge, 10)

que te he querido no niego que te he “querío”/pero tu tampoco niegues que me has fallado/coma unha árbore covarde (Soraya, 12)

O outono é magnífico porque é pacífico (Eugenio, 12)

Noite bela e lixeira/como as estrelas. Que boas estrelas que/sen elas/non iluminarían a terra. Que noite, que lixeira/como o amor son as estrelas. (Isaac, 9)

El sol frío/se queda fresquiño/con el frío y calorciño. (Wesley, 9 y medio)

Unha pedra vistosa e un amor nunha rosa.  Como unha pedra vistosa enamoreime de ti pero unha rosa marchitada alexoume de ti. (Montse, 11)

Ao sonar a campá é sabrosa.  (Alex G. 10)

El ceo es crocado y es dormilón (Samara, 13)

A prata húmida/mollouse pola chuvia. (Alejandro, 9)

Onte foi á praia a coller unha cuncha/pero a cuncha estaba empedrada  (Sara, 10)

A cereixa da árbore é suave como a neve (Roberta, 9)

O pan quente é moi compracente (Alex Lavié, 9 años y 1/2)

Co amor do cadrado salvou á choiva de un relámpago (Noemí, 9)

Las bolas de inverno son redondas (Esmeralda, 10)

Quero agradecer a todos e cada un destes nenos e nenas que compartisen comigo tanta verdade, e ás profesoras e profesores que participaron ao longo da sesión o seu entusiasmo inesgotábel. Foi unha mañá xenial. INTENSA. DELICIOSA.

Advertisements


O día. Feliz 17 de maio!!
17/05/2010, 09:08
Filed under: Evento, Lingua

Feliz festa grande das letras, do que somos!



Escritores, poetas, poetisas
13/05/2010, 00:29
Filed under: Lingua

Advirto: non pretende ser este un post incendiario.

Dende que comecei o blog tiña no pensamento escreber un artigo sobre isto. A pesar de ser un tema tratadísimo (hai moitos artigos e traballos que se ocupan da discusión poeta/poetisa.), controvertido, e do que algúns temos unha opinión máis ou menos formada (e digo algúns porque moitos nin se plantexan a escolla).

Pero eu quería darlle outra volta, unha viraxe persoal apenas.

En moitas presentacións de actos, pero tamén en artigos e notas de prensa, nos que se alude a escritores e escritoras faise a distinción entre novelistas-narradores e poetas. Daquela falan do escritor tal (narrador), da escritora tal (novelista) e do poeta tal (poeta).

E isto non é algo extraordinario, senón que vén sendo habitual. Conclúo que é un feito asimilar novelista con escritor, semella que isto está realmente asumido, mentres que os poetas, como dicilo, os poetas non son escritores, son poetas.

Para seguir, e coma se o xénero común non existise, están todos os que seguen a escola que se decanta polo poetisa en lugar de poeta para a muller que escrebe poesía.

E si, despois de ler e analizar autoridades e razóns (e moito antes de publicar un poemario) eu son partidaria de poeta, muller poeta, poeta. Deixo aquí un artigo publicado en Espéculo, que lin hai tempo e que recolle algunhas das razóns para tal escolla. Non quero determe niso. Isto é unha declaración de intencións.

Ser escritora e poeta, por moi inverosímil que lle pareza a algúns, é posíbel.

(Un pouco incendiario si que quedou, non?…)



Feliz cumpreanos
21/03/2010, 20:58
Filed under: Lingua

As cousas son así. Seino. Pero como evitar esta loita do cotiá, do mínimo detalle? Que é a que máis fire.

Encarguei a tarta para o cumpreanos do meu pequeno. Tómanme nota:

Que quere que poña?

Feliz cumpreanos.

A panadeira escribe Feliz cumpleaños.

Repito: Feliz cumpreanos.

Ela tacha e corrixe.

Vou recoller a tarta. Que pon?

Feliz cumpleaños!!!! E aínda me sorprendo.

Vaima empaquetar  e dígolle, desculpa  que pon?

Feliz cumpleaños

Xa, pero eu encarguei que puxera feliz cumpreanos. Revisa a nota.

Efectivamente, di

A tarta volta para adentro e finalmente  sae galeguizada.

Así penso explicarlle ao meu fillo a situación do galego cando el fixo os dous anos. Para que entenda que no video no que el cantaba desexámosche todos, e os demáis te deseamos todos, eran os outros, os outros, pequeno, os que non sabían a túa canción.



eufalo na coruña
12/03/2010, 11:52
Filed under: Lingua, presentacion

Antonte fun á presentación do proxecto Eufalo.TV no CS. A Tréu. Coñecía o seu primeiro documental Linguas Cruzadas, que me parecera magnífico e que vos recomendo.

Interésame moito o proxecto por varios motivos, entre eles o total protagonismo que ten a historia persoal, centos de historias sobre a lingua, únicas, que a xente comparte porque si. Recoñecérmonos.Ao mellor é porque estou algo fastiada do combate explícito que esta iniciativa me resulta tan atractiva e fresca.

Camiño do acto, no coche, o meu pequeno que vai facer dous anos ía dicindo: vaca lechera e vaca leiteira son iguales. Perplexidade nos asentos de diante. Silencio. E el que insiste. Daquela pregúntolle: si, amor? Son iguais? Si, repite, vaca lechera e vaca leiteira son iguales.

A canción é o hit das últimas semanas, e o avó inventou para o pequeno unha versión en galego que só canta cando está con el. Na gardería é la vaca lechera, na casa a vaca leiteira, porque claro, a letra en galego non ten nada que ver coa orixinal. Conflicto lingüístico? Situación lingüística? Un video para eufalo.

Parabéns ao equipo de Eufalo.TV porque fan un traballo magnífico e, sobre todo, emocionante.



Queremos galego no Obradoiro
22/01/2010, 00:38
Filed under: Lingua

Foi emocionante, esperanzador. A Alameda tomada por rapaces e rapazas, crianzas, mestres, escritores, artistas, por cidadáns que saimos á rúa ao berro de queremos galego.

Non é só que se enchera o Obradoiro, que quedara xente e xente por entrar cando a manifestación xa se dera por rematada, non é que o ruxido da praza fixera tremer as lousas, non é que os cidadáns quixeran seguir escribindo, un xoves á mañá calquera, a súa historia.

É que a nosa lingua, hoxe, outra vez, tiña quen a valera. Porque os que estabamos alí (e tantos e tantas que non puideron achegarse, pero que tamén estaban) somos valedores do galego. Tanto tiña ter ficado en silencio ou a berros alí, na praza, porque o que conmovía hoxe era iso, xuntarnos todos para recoñecérmonos.

Entre a euforia e as emocións máis contidas, hoxe valedores todos da lingua: crianzas con globos, mozas con pintadas, anciáns con cartaces furados nos paraugas, familias enteiras abandeiradas con autocolantes, e o caloriño aquel, alí, tan xuntos.

Quédome con isto, con ter feito Santiago noso, romeus da fala, preparados para o que veña.



Pasa que
15/01/2010, 00:29
Filed under: Lingua

O que estou a pedir que se faga coa miña lingua, coa miña, co galego, non forma parte de ningunha conspiración organizada por uns poucos esquizofrénicos, non se trata dun berrinche de malcriada. Claro, isto que semella unha obviedade, podería non selo. Quero dicir, hai tanta, tanta xente que pensa que non hai ningún problema co galego…

Fico estremecida cando penso que, hai uns días, un carteiro que me traía un lindo paquete de nadal me pide o dni e digo:

– vintaoito setecentos vintatres setecentos oito (claro que é inventado)

e el repite mentres anota:

– veintiocho, setecientos veintitrés, setecientos ocho.

Agora o nome, xa estou preparada:

– Dores Tembrás  (non vou falar de cando pido algo por teléfono e deletreo como mínimo tres veces o nome e outras tres o apelido. Nostalxia da agudeza auditiva dos suecos, que  o pronunciaban perfectamente á primeira)

Cara de susto do carteiro

– cómo?

– do-res, tem, con t, brás, con tilde no a.

repite:

– do-res, tem- bras.

Está estupefacto, como se eu fose un ser extraordinario e, para decodificar a miña lingua, precisase de toda a concentración. Estou contenta polo paquete, pero cando lle pregunto onde asino, dime:

– firme aquí, por favor.

Daquela non me resisto e dígolle:

– mire, vostede é de aquí? É galego?

– si, soy de aquí, pero no entiendo el gallego.

– aaah, e que como traduce todo o que lle digo.

Gustaríame voltar feliz e serena do nadal, escreber un post sobre calquera outra cousa (madalenas, por exemplo), coa normalidade que non teño. Pero pasa que hai xente, tanta xente que aínda cre que non é preciso saír á rúa a pedir o que é noso (penso nun dos últimos post do blog de Francisco Castro).

Quero o que é meu, quero que el o teña, quero galego.