Sucos: blog de Dores Tembrás


Certame de Poesía Concello de Carral 2013. Agradecimentos
04/06/2013, 14:44
Filed under: Cronoloxía da urxencia, Evento

Acto poesía de Carral 2013 - 411

Acto poesía de Carral 2013 - 441

O venres, entre a emoción e os amigos o acto de entrega.

O agradecimento infindo, sen fin, sen fin, aínda hoxe.

O premio relocía e case opacaba algunhas tardes de escrita, o cansazo, a incertidume, a obsesión.

Quero compartir o premio e a confección deste poemario cos avós dos meus fillos, que son fundamentais para que a procura sexa posíbel. Coa miña familia, cos meus.

Ti, que sostés os meus pulsos cada mañá, cada noite.

Tamén cos poetas amigos e admirados que me achegaron as súas lecturas, axudando a obxectivar o traballo.

E por suposto con tódolos amigos que estaban aí, compartindo alento.

Advertisements


Entrega do premio en Carral
28/05/2013, 09:11
Filed under: Cronoloxía da urxencia, Evento

Será este venres, 31 de Maio ás 20:30, na Casa do Concello de Carral. Alí a entrega do premio polo poemario Cronoloxía da urxencia e a presentación do libro Teatro, de Roi Vidal, gañador da edición pasada.

Quedades tod@s convidad@s!!

Invitación Acto Certame Poesía Concello de Carral



Madriña
02/05/2013, 17:46
Filed under: Evento, Literatura, petit trèsor

KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERA

Coido que dende que son escritora o título que máis ilusión me fixo ata o momento foi o de ser madriña da biblioteca do CEIP Rosalía de Castro da Coruña. Non é para min un título honorífico, por moi honrada que me sinta ao aceptalo, é un título que, dalgún xeito, coma nos contos, convírteme en guardiana deste espazo.

Eu hoxe comprométome a mirar por esta biblioteca, a atender as súas necesidades, na medida do posíbel, a escoitar as peticións e desexos das nenas e nenos que acudirán a ela para vivir con fascinio a lectura.

Eu adícolle a miña vida á palabra, á escrita, por iso mesmo é inevitábel sentir unha gran emoción ao saber que, xunto con Nevado (mascota da biblioteca), formarei parte deste iglú máxico, un iglú de historias e versos que serán sempre acubillo.

KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERA

Estas foron algunhas das miñas palabras na mañá. Alí, a carón do director do centro, das mestras e mestres, os representantes da Administración Pública, dos membros da ANPA, dos pequenos e pequenas que leron durante un minuto nos seus libros para celebrar a nova biblioteca.

Síntome afortunada de pertencer a esta comunidade que traballa sen tasa dende o presente para o futuro.

Honrada.



Under the Dome
20/04/2013, 22:23
Filed under: Evento, poesia, Pouso, recital

Poems Under the Dome

Entre outros actos da vida poética de San Francisco tiven o privilexio de participar no 8th Annual Poems Under the Dome. Hora e media de expectación, compromiso, pura maxia. Dende os escritores consagrados ata os novísimos que comezan andaina poética. Quero agradecer a Alejandro Murguía, e a todo o equipo que organizou o evento que me fixeran sentir coma na casa. Que cando lin os meus textos en galego acontecese o impensábel. Que tralo recitado algúns escritores e persoas do público  se achegasen para interesarse pola obra, polo idioma no que está escrita. Un xogador de base-ball que viviu en Vigo, un grupo de poetas de ascendencia latina. John Rhodes que me pide os textos para a súa web.  Onte á noite volveuse poñer de relevo o que significa ter unha lingua propia. Foi unha honra para min explicarlles de onde veño e ler, baixo a Bóveda impoñente, a cartografía, as cereixas. Inesquecíbel.



Festival Coruña Mayúscula 2013
28/03/2013, 09:44
Filed under: Evento, Literatura, poesia, recital

telefono

Chegou. Foise.

Pero tanto tanto entre medias.

Arrincar a golpe de mércores con Fernando Marías, Javier Gullón e Borja Pena. A conversa na noite, da literatura ao cine. E todo eran preguntas.

El hilo de la memoria que me rinde con Gracia Iglesias. A papiroflexia atravesando semáforos despedida.

O xoves Obradoiro de Poesía con Gonzalo Escarpa, unha verdadeira descuberta, onde comeza e acaba a poesía experimental, o acontecimento poético.

O encontro con Manolo Rivas e María Canosa, tódolos mistos.

O recital, sete voces (Kepa Murua, Gonzalo Escarpa, Carmen Camacho, Pablo García Casado, Ada Salas, Jordi Corominas e eu)  procurando os camiños da palabra no escuro. As siluetas amigas. Tamén alí Yolanda Castaño. E o micro aberto, todo por contar.

O venres á mañá no Coruña Educa, con Carmen Camacho e Jordi Corominas, máis a soas ca nunca, con 500 rapaces que axexaban polo poético dende as butacas, o catalizador, as esquiagrafías, as chapas.

A conversa con Kepa Murua e Ángel Zapata, os tesouros, a identidade.

De novo o obradoiro con Escarpa, repensar o lector, atender ao que non.

A charla de Doménico Chiappe  Germán Sierra e Javier Pintor, os novos medios, como contar agora.

Máis tarde Santiago Roncagliolo con Xesús Fraga. A conversa no vento, cara o mar,  entre o fume. Un pracer.

Na noite fecha, Manuel Vilas  co seu Amor e o Gran Vilas. Saber que ninguén defende os textos propios coma un mesmo. Falar do poético, do silencio en Pizarnik. A palabra.

O sábado rematar o obradoiro, cun feixe de fiestras abertas, feliz de ter asistido, de aproveitar ao máximo a profesionalidade de Gonzalo, a intuición do coñecemento vertical que sostén todo o demáis.

A mesa de Ramón Nicolás e Tucho Calvo na que a escrita do país, a edición, a literatura, a torsión necesaria da pregunta. Un pracer.

Ráfagas de MADATAC. A area, a auga.

Para fechar con Jordi Corominas, en loop, o confetti, a imaxe disparada sobre o espectador, o alarido.

E aínda que o domingo a promesa, xa non puiden desfrutar do fin de festa.

Todo isto, todo, entre camiñatas, conversas que apuramos antes dos recitados, sempre co obxectivo de Alfonso Rego sobre nós, transparentándonos. Ese feixe de instantáneas que alentan sobre o poético. Uñitas pintadas. E todo o equipo do Ágora, dende os técnicos ata a directora, o traballo de Andrés e Cris. O saber facer de Oído Cocina!

A atención e control de Pedro Ramos para que todo, para que todo.

Celebro o encontro, os achádegos, a complicidade na noite, as conversas imprevistas

e agora

un inventario de palabras

no ar

a distensión

os vapores da derrota

Ata o FCM 2014.



desfechando a mañá de Eusebio
18/11/2012, 13:58
Filed under: Evento, poesia

Só uns apuntamentos entrecortados da homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón, onte 17 de novembro de 2012 na súa casa natal.

Estar baixo a lata, camiñar a pedra, penetrar no espazo, a cancela que se abre e se fecha. Apertar a Manuel. Pode que a insistencia da choiva, pode que a música.

Foron as palabras dos amigos e veciños máis queridos, lembrándoo, celebrándoo. Pero tamén a humildade agradecida na mirada da nai. Aleccionadora. O respeto que se ofrenda en semicírculo, a placa.

Baixo o paraugas miraba o ciclamen da fiestra. Pensaba ao poeta, alí, nos seráns de inverno, a mesma choiva, a palabra que por fin se cerca.

Teríame sentado nos chanzos, contigo, teríache preguntado polos versos ou flores que che medraban entre os dedos.

Abrumadora a calidez da familia, o seu fogar, amparándonos do dioivo de versos na boca de Carlos Negro. O ar suspenso nos ollos de Manuel Lorenzo Baleirón. O silencio a se iluminar polas terras de Iria, entre as hedras, para que o verbo.

Entalada, a emoción desfechando a mañá. Inesquecíbel.



sobre os propios pasos ou de Pizarnik
14/11/2012, 21:42
Filed under: artigo, Conferencia, Evento, Literatura

Levo así semanas. A ponencia para Paris. Había de regresar á estantería Pizarnik, unha ducia de arquivadores A-Z e andeis de libros compoñen o meu universo poético sobre a arxentina. Alí todo o traballo para a tese. Daquela, pánico a que lle pasara algo ao meu arquivo, pensaba, poden rir, nunha caixa forte, nun lugar no que nin a auga, nin o lume. Pánico a que anos de traballo, a que aquelas fotocopias chegadas de tódalas partes do mundo, se esvaeceran. Penso naquilo e véxome algo máis nova, as horas na cadeira, fisioterapia para a boneca, o abafo máis inexplicábel, a empatía máis fonda. E non era unha moza tan impresionábel ou si?

Regreso dende hai semanas a este arquivo. Os apuntamentos nas marxes, as frechas, os suliñados, as distintas tintas que marcan épocas tamén distintas, ningún debuxo. A caligrafía máis coidada. Centos de fichas en cartóns raiados. O método. A reverencia máis rigorosa polo método, ata a obsesión. Descubrir que a obsesión é o que nos salva.

Todo, todo para chegar ao volume azulnoite de capas duras, cosido por un artesán en Santiago, as letras douradas: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro.

Volvín ao arquivo unha tarde deste novembro e tódolos clips enferruxados. Despois de case cinco anos pensei que non pasaría absolutamente nada se todo o andel desaparecera. Lembrei aquela teima da caixa forte. Rin. Sentín algo de lástima por aquela investigadora exhausta nos derradeiros meses.

Ferruxe nos ósos. Pero de súpeto un papeliño, unha fosforescencia que se desprende dalgún dos arquivadores, e un verso, a rapaza de cabelo longo con 20 anos reaparece, enérxica, acompáñaa un vendaval, a conmoción intacta da hora en que lin a Pizarnik por vez primeira. Cando non sabía da fondura do pozo, da espreita esgotadora na palabra.

Cada paso.

Destino: PARIS.