Sucos: blog de Dores Tembrás


Rayuela infinda. Lois Pereiro I
02/02/2010, 15:00
Filed under: artigo, Literatura, misc

Advirto que este post será caótico. Advirto que mentres tecleo non sei nin como contar o que quero contar.

Comezo polo principio, por Lois Pereiro.

(Pero, para ser honesta, isto que hoxe escribo tamén está relacionado cun artigo que lin sobre o estado da cultura galega (como non lembro nin o nome do escritor nin o xornal, teño que consultar o blog do editor Manuel Bragado, Brétemas, porque era alí onde recomendaban o ditoso artigo. Pero non, non está aí, debeu ser unha entrada do editor no facebook; tampouco. Pois como para lembrar quen recomendaba ese artigo hai 2? 3 días? Nun blog, no facebook? É o mesmo, sigo porque senón non vou contar nunca o que pretendía. Máis tarde probarei no blog Cabaret Voltaire, ao mellor era aí…) O que pasa é que nese artigo o autor falaba de autocompracencia e mediocridade, de falta de universalidade da cultura galega, da necesidade de  internacionalizarse, etc. Pareceume unha opinión calquera, sen argumentacións, falar por falar. Botar a lingua a pacer.

Pero o conto é que me molestou.)

Continúo.

Levo unhas semanas con Poesía última de amor e enfermidade a voltas. Lois Pereiro, ese poeta de culto dos oitenta. Magnífico, devastador. E ando algo ensimesmada (nótese que emprego o termo con toda a aleivosía) lendo e relendo, e pasa que quixen interesarme polas referencias que fai o poeta monfortino á literatura universal neste poemario. Unha rayuela infinda na que ando extraviada dende hai días. E como exemplo un par de botóns:

Nerval. Lois Pereiro cita a Nerval. Isto lévame a recuperar algúns poemas, e reviso a súa biografía, e descubro a súa pertenza ao clube dos Hachisianos, e detéñome na súa vida de excesos e namoramentos, e penso na Aurelia, e leo completo o soneto O desdichado, que cita Pereiro. Ademáis consulto unha ponencia sobre a influencia de Nerval na poesía de Lois Pereiro, que, por moi extraordinario que lle pareza ó autor do artigo, está incluida nunhas actas da Universidade de Santiago de Compostela (aforro calificativos para esta institución de recoñecido valor intelectual e universal).

Bernhard. Outro botón. Pereiro cita en dúas ocasións ao escritor austriaco Thomas Bernhard. E eu, confeso, non lin nada de Bernhard. Asi que é Pereiro o que me leva da man ata el, citando uns versos conmovedores. E volta a comezar. Busco información do escritor, e vexo fotos, e a escasísima entrada da wikipedia que aínda me da ganas de saber máis. E daquela, coma un oasis aparece unha entrevista brutal, magnífica que lle fan ao escritor en 1987, dous anos antes de morrrer. A entrevista, xa o dixen, non só é interesantísima, senón que lela é un verdadeiro pracer. Dous libros encargados, poesía e novela, que chegarán para a semana.

Podería seguir, porque a Poesía última contén máis de 25 referencias a poetas, escritores, un compositor de música, un director de cine, mesmo un físico, todos eles figuras indiscutíbeis da cultura universal. Unha Rayuela infinda da que non quero saír, que non deixa de facerme saltar (neste estado de éxtase, anuncio Rayuela dentro da Rayuela, porque Pereiro está sendo un verdadeiro catalizador).

E é unha mágoa, porque escribo todo isto para xustificarme, para demostrarlle ao autor  do artigo (lembro que o apelido era galego, pero escribía en español…) que nin sequera vai ler isto, que está completamente errado, e que faga o favor de documentarse algo, de ler. Comprobará que a literatura galega é un caleidoscopio riquísimo. Unha casiña da rayuela con tantas posibilidades como as demáis. Nin máis. Nin menos.



Dúas poetas no mundo
03/12/2009, 15:35
Filed under: artigo, poesia

Sei que o título pode levar a engano. Diso se trata. Fun renovar o permiso de conducción e a muller que me facía o psicotécnico (unha doutora penso) preguntoume polo meu traballo. Escribo dixenlle. E ela quixo afondar interesada, amábel: Novela ouPoesía dixen. Ahhhhhh, pois eu coñezo a a a a Yolanda Castaño. Mira Yolanda  Castaño e ti, non debe haber ninguén máis que escriba poesía.

Ollos coma pedras. Respostei: Sorprenderíase. Hai todo un submundo…

Velaiquí o motivo do post. A miña resposta. SUBMUNDO. Foi consciente ou inconsciente? Podo culpar á doutora de pensar que só hai dúas escritoras de poesía no mundo (mundo Galiza)? Ou estaría sendo inxusta? Hai un par de semanas, no Encontro de novos escritores, descubro a tres poetas novísimos. (Fascinada con Gonzalo Hermo e a súa Escola do resentimento.) Daquela se eu mesma ando a descubrir novos poetas como…

Saín, chovía como chove aquí. Por favor, un raio do ceo que lle dea toda a visibilidade á poesía.



Contemplación especular
20/10/2009, 11:02
Filed under: artigo

Aquí vos deixo o link a “Contemplación especular”, un pequeno artigo no que falo do que significou para min coñecer o vencello de Pizarnik con Galiza, publicado hoxe no Blog da Editorial Galaxia.