Sucos: blog de Dores Tembrás


Conciliación vs realidade
13/01/2016, 22:25
Filed under: pensamento

dores4xose8

Teño dous fillos. Van para 8 e 4 anos.

(Non son os da foto, os da foto somos meu irmán e mais eu dentro do corraliño de margaridas.)

Cando naceron tomei a decisión xunto á miña parella de crialos na casa ata o ano e medio. Son moitas as anécdotas que se acumularon destas dúas experiencias maternais.

Agora recupero aquel recital de Chantal Maillard. Eu son lectora devota desta poeta. Lembro, co máis pequeno de meses, no Ágora da Coruña, levei o carriño, e trouxeronme unha cadeira para sentar comodamente ao final, onde estivemos tan felices escoitando á poeta xunto a Xavier Seoane e Javier Pintor. Atrevinme a levalo porque eu aleitaba e el era moi silencioso. Sabía que a nosa presenza non ía interromper en absoluto o evento. Así foi. Se non chego a ter ido a escoitala sería un deses arrepentimentos que te acompañan na vida.

Moitas veces, cando ía, aínda agora, dar un recital, unha conferencia, ou a un encontro con lectores comezaba dicindo que estaba alí porque teño parella, somos dous criando, e porque hai uns avós que coidaban dos meus fillos. Cando Cronoloxía da urxencia gañou o Premio de Poesía de Carral, na entrega agradecín aos avós dos meus fillos todo o seu amor e adicación aos netos, porque eses tempos de coidado serviron para que a escrita do poemario avanzase. Isto non se di, polo menos non adoita dicirse publicamente.

O Estado é moi coñecedor disto. Periodicamente saen reportaxes de avós xubilados que falan de sobrecarga de traballo ao ter que atender aos netos para que os fillos traballen.

O Estado xoga co medo, co pánico de tantas familias a perder o traballo. As familias que crían enfróntanse a verdadeiros crebacabezas para ir ao traballo, cumprir e atender ás crianzas, que nos primeiros anos están a cada pouco doentes e hai que levar ao pediatra, urxencias, quedar con eles na casa por febre, etc…

*s pais tiramos de familia e amigos, como dicía Montse Penas a raíz da anécdota de Bescansa no seu muro. O Estado sabe iso.

Que pasou dende ese momento no que as nais levaban ás crianzas nun cesto e ían traballar a terra, como recuperaba nun comentario María Lado, ata hoxe?

Miña nai é modista. Criounos ao pé dela. Eu medrei na costura. Nun corraliño dun metro por oitenta. Nese da foto. Debín estar alí metida ata os catro anos polo menos, mirando revistas. Foi unha escolla. Ela puido traballar cun importante deseñador galego. Escolleu ter o seu propio taller e as súas clientas na casa.

O proceso de profesionalización feminino dos últimos 50 anos pasou pola ocultación da familia? É falta nosa? Falo das mulleres que nos incorporamos ao ámbito laboral, facerlle crer ao mercado que podíamos con todo? Que eramos as máis eficaces, e que o traballo estaría por riba de todo, que a familia, *s fill*s non interromperían a labor? Probabelmente porque outra muller, na casa, avoa,  coidaba dos pequenos para que a súa filla fose independente e profesional.

Escribo en alto. Coido que falta perspectiva.

Coñezo moitas familias con traballos de 12 horas. Xente que se ergue ás seis da mañá e chegan á noite á casa. Sobreviven porque son parte dunha estrutura familiar que sigue coidando aos pequen*s.

E que pasaría se un día os traballos fosen algo máis humanos e comprendesen que cando *s seus traballador*s teñen ás súas crianzas doentes non poden ir traballar ou que cando menos ofrecesen flexibilidade para demorarnos, recuperar horas noutro momento, anular reunións, etc.. Traballos que confíen no tempo de crianza.

A conciliación non existe. É unha palabra baleira. Foi outro mecanismo para meter máis presión ás mulleres traballadoras que teñen familia. Para alentar a natalidade sen perder man de obra. Tés que ser quen de facelo todo, e todo con excelencia. Falemos de prioridades. Primeiro *s nen*s e despois o traballo.

Penso no acto de Bescansa. Pareceume fantástico. Fixo ben en levar ao pequeno, darlle de mamar alí, no seu traballo, porque isto tampouco interrompeu a súa labor. Non é demagoxia. Nin postureo. Como símbolo xa ía sendo necesario: son Política. Son nai.

A tod*s aqueles que se escandalizaron co acontecido permítanme dicirlles, vostedes non saben o que é ter que criar fillos, ou tiveron axuda ou tiveron un soldo que lles permitiu pagar a alguén para que os criase. Quizais Bescansa tamén teña un *coidador*, pero iso non impide que ela mesma teña que atender ao seu fillo en determinados momentos.

Non sexan cínicos preguntando polo pai. Ao mellor o pai traballa tamén. E que pasa coas familias monoparentais??

Que traballos permiten hoxe en día criar *s fill*s con certa tranquilidade? Penso en traballos con bos horarios. Medias xornadas. Funcionariado. Penso en traballos onde unha é a súa propia xefa. Teño a sorte de ter un destes traballos. Teño a sorte de traballar con outra muller que ademais é nai. A empatía, a solidariedade é total. Cando calquera das dúas recibe unha mensaxe do tipo: teño * pequen* mal, estou no pediatra, ten un virus, noite horrible…a outra simplemente di: esquécete de todo, atende a iso. Eu encárgome hoxe.

Iso é entender, poñerse no lugar d* outr*, humanizar o traballo.

Penso co día no que, non só o Congreso, se non o resto dos espazos profesionais se vexan invadidos de nen*s. Daquela si poderemos comezar a falar dunha sociedade consciente na crianza.

 

 

 

 

 


12 Comentarios so far
Deixar un comentario

Completamente de acordo, Dores. Grazas por escribilo así.

Comentario por franplorenzo

Grazas a ti Fran!!

Comentario por dorestembras

Sintoo moito, pero non estou dacordo. Levar ao teu fillo ao traballo non é conciliar, sigue sendo manter ás mulleres como o único responsable de necesidades da familia , pero ollo, sen saír do seu traballo, porque tamén ten que producir para a sociedade. Eu non vin ningún señor no Congreso co seu fillo en brazos … Ela mesma acaba erguindose como o prototipo da muller – nai-traballadora que carga con todo e moito máis. É por riba todo o ten que facer ben.
E ese o papel que queremos as mulleres?. Eu non desde logo. .
Poucas veces vin tan claramente reflectido o machismo como nesa imaxe. Pero moi mal disfrazado.
E sí, para min é demagoxia, e tamén é un insulto para os millóns de nais que ainda que quixeramos non nos estaría permitido levar os nosos fillos a traballar.
Saúdos

Comentario por Mabela

Agradezo o teu comentario Mabela.

Comentario por dorestembras

Total realidade! o Estado sabendo, q fan @s q nos gobernan? “Falan+din defender a familia” a q precio d saúde para os q se adican a COUDAR + traballar?+ sería promover empleo qn poudera e quixeraQ é posible.C Bescansa foi + alá da infancia.E os maiores?Eses pais+nais q tanto nos DIRON +COLABORAN(stamos citando) dign@s.Cando xa non PODEN ou simplemente VIVEN dependentes ,deixamolos SOL@S,nin se sabe deles ,nin se promove visitas net@s,sinon dan a “paga”.Si alguén se TEN q ocupar,quen é? 1- fillas solteiras e+ mulleresEso SI que REPARTAN HERENCIA.Ese “vou cando podo+teño a miña vida” SI q se SABE! Q fan os DIPUTAD@S?Como non se TIPIFICSN esas SITUACIÓNS ? O cariño non se “paga”a ATENCIÓN? Os bens si se lle poden ORGANIZAR? TIPIFICAR q pasa co abandono? Esto é ou non MALTRATO a unha VIDA de entrega familiar e social !!A socidade q non é GRATA q non atende a infancia +a maiores.A donde VAI? A quen corresponde a ORGANIZACIÓN SOCIAL ?
Entendo q a CIENCIA POLÍTICA así naceu en Grecia a DEMOCRACIA =mellor atención ás persoas.MOI BEN VISUALIZAR +CONTINUAR + COLABORAR para q O CARIÑO se expanda A VIDA .Eu quero coidar+ tempo tamén teño “outra” vida e necesito exercela.Seremos + FELICES =un DDHH!
Únome a esta CORRIENTE de STAR:FAGÁMONOS VISIBLES!!Gracias x star C Bescansa e +
M Carmen D M

Comentario por M Carmen

Fermoso post… Totalmente dacordo. Eu tamén lembro cando a nosa nena era pequechiña e iamos con ela a todas partes, unha vez acompañounos ao rodaxe dunha escea da película “León e Olvido” de Xabier Bermúdez, cando os protagonistas estaban nos cantís. Ela tiña uns mesiños e nós estabamos seguros de que non faría ningún ruído, cando todxs nos miraban como decindo “pero esa rapaciña… non nos fastidiará a toma?”, e así foi, nin pio. Como esa moitas máis. Tamén poidemos estar con ela na casa ata case os dous anos, pero sei que non é a situación da maioría de nais e pais. Nós compartimos toda a crianza dos nenos, en todos os sentidos, agás aleitalos, pero sei que iso tampouco é habitual. Os dous temos levado aos rapaces nalgunha ocasión ao traballo, por necesidade e sei que nin se permite nin está ben visto. Onde está a conciliación? Dende o Estado non hai axudas en ningún sentido, nin son suficientes os permisos materno-parentais. Eu nunca criticaría unha escea como a de onte, de feito, sexa reivindicación ou “pose” como moitxs adoitan decir, a vexo lícita. E paréceme increíble xa que dea lugar a comentarios. Non debería ser así. Noutro país non o sería, certo é que noutro país non pasarían as cousas que están a acontecer aquí. Grazas Dores.

Comentario por inma doval

Grazas a ti Inma polo teu comentario, toda a experiencia que contas nel!! Aperta forte!!

Comentario por dorestembras

Maravillosamente explicado. Gracias por tus palabras. Me siento totalmente identificada.

Comentario por mapibaezfdz

Canta razón tés!!!.
Eu teño a gran sorte de ter unha nai que poderá coidar da súa netiña mientras sua nai e seu pai van traballar. Moitas parellas non poden compartir tanto como quixeran, a crianza dos fillos, primeiro polo tipo de traballo e segundo polo tipo de xefe ou empresa na que traballan. Non vexo eu ó meu home poñendo ladrillo ou picando piedra á choiva coa meniña ó lado. Eu poríalle unha estatua ós avós porque inda que estaría moi ben poder facer conciliación, por desgraza queda moito por andar. Un saúdo

Comentario por Berta

Non me parece un xesto moi reivindicativo cando colles o neno para a foto sabendo que tes a una coidadora a tres pasos para axudarte, cantas nais poderían ter ese privilexio? Poucas, cantas poderíamos acudir a una xornada de 8 horas de traballo, concentrarnos e atender ó neno o mesmo tempo. E que farían as que traballan en fábricas? A realidade do 90% das mulleres non e a de Descansa.

Comentario por ana




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s



A %d blogueros les gusta esto: