Sucos: blog de Dores Tembrás


Tódolos precipicios
19/11/2013, 15:11
Filed under: creación, poesia

ningun_precipicio_ollala_uñitas

To my sister in love

a
a

TIEMPO

Yo no sé de la infancia

más que un miedo luminoso

y una mano que me arrastra

a mi otra orilla

Mi infancia y su perfume

a pájaro acaraciado.

a

Alejandra Pizarnik

 

 

Os que me coñecen saben da miña gran admiración pola obra de Olalla Cociña. Pero precisemos: digamos mellor devoción.

Coma choutar sorteando as pozas.

Como agardar a primeira cereixa en xuño.

Debo dicir que cando a poeta me deu a ler este poemario, hai xa moitos meses, regresei a aquel extraviarse delicioso que fora ler Libro de Alicia, ela entregábamo para debullar as palabras.

Nas primeiras páxinas Olalla podería deslizarme a pregunta:

-Imos camiñar?

E a advertencia:

-Pasarás frío, mollaraste, e aínda que vaiamos xuntas sentiraste soa,

Pero dareiche a comer palabras ou landras, de compango algún silencio. Prometo.

Só podía respostar:

-Camiñemos.

E sen decatarme, ela tecendo pasadizos segredos en calquera xardín, descubríndome restos de louza para facer a ofrenda en cada texto. Un soño para compartir na deshora da mañá.

Así se escritura a experiencia da perda, da dor antiga, a violencia mínima da boneca co vestido esgazado. E así é doado admirarse entre miniaturas, pucariñas de porcelana chinesa. A vitrina e o cristal, un desaloxarse para tódolos poemas, cando a páxina é lenzo, descanso para palabras que vibran na gorxa.

Pero non se confíen, porque é doado precipitarse dende estas miniaturas, o borde dunha foto, os vértices gastados de calquera nota manuscrita, o tintileo do ritual do domingo, a poeta fai de nós avelaiñas en frenesí, tódalas luces cenitais, tódolos precipios.

Olalla non pousa a mirada, devora con paciencia atroz cada ángulo, cada recendo. Aprésanos, renuncia a calquera intensidade, sabéndose intensa en extremo. A ofrenda funciona coma eixo. A palabra redúcese, anégase de auga, e só nos deixa unha canaveira para que pase o ar. Restrinxíndonos o osixeno extrema a alerta do noso corpo.

Porque a poeta é especialista en reverter as violencias, os símbolos, non será xa o coitelo o que nos meta medo, será a pedra que des-afía.

Ás veces os poemas acúsannos, a poeta arma o mecanismo do texto con precisión admirábel, e peor escoitar a recriminación nunha voz cándida, así se suliña a punzada. Apenas unha música pra paliar os efectos, o acordeón para bailar dentro antes de rendernos. Sen botar en falta o metrónomo. Toda unha banda sonora á nosa disposición; a melena sen trenzas na noite na que a orquesta ou unha cinta de casete:

nel blu di pinto di blu

ou o río, a mudez das maciñeiras enxertadas, a contixencia dos enxames, o seu zoar amparándote.

Tamén o sabor: uvas, viño, empanada, pan, careixóns, galletas, o acedo das noces aínda verdes, pero tamén as farangullas secas, o fel.

O poemario é un axuste de contas, un inventario de manchas de nacimento, cadansúa historia, a honestidade, palabra ou furado negro, a honestidade, dalo todo porque si.

E agora que nós tamén sabemos que a perda é infinda, podemos botar o verán contándoa en graos de area, medíndoa na teima:

innumerables veces

para que agora nos palpiten

debaixo das maos

E igual que a area, a lingua, a delimitación, de novo o precipicio, a conciencia, os brazos abertos cara o vacío.

Como calibrar a perda? Non hai consolo neste libro, hai cómplices, figuras que manexan a proximidade coma expertos en esgrima. A prata do anzol non minguará a dor:

e cravarcho finamente no lugar

onde a gorxa

garda a sede

Os restos desta violencia mínima aniñarán no abandono, a experiencia do abandono, abandono de si. Inoculados. Esquivalo:

aínda é posible deixarse ir

porque un vento que ferve, africano

nos anestesia a razón para seguir sendo irreais

e non mancharnos

Amaiarse, controlar o peso exacto do corpo ou palabra. Iso fai Olalla Cociña en cada verso.

Ofrenda un verdadeiro rosario de debilidades, como acontece no poema “chantar os dedos ata o fondo”, que me gustaría que lese, que podería roubarlle agora mesmo.

E os segredos, os segredos tamén en forma de perda, o que se agocha para dicir, a descuberta no verso, a revelación en espello. A boca do outro, os ósos de Cortázar.

Os segredos, o enigma que só Olalla ilumina, entre citas e xeitos de actriz de cine mudo.

Aflición e consolo.

Perda, perda, perda:

nosoutras un relicario á caricia do pescozo

para gardarnos

dentro

a

ou cando escribe

a

pensa en dicilo

pero en vez diso escóndeo apértao afógao

saborea o sabor do sangue que a arrodea

é feliz na súa interna hemorraxia

Porque Olalla Cociña sabe aquilatar a violencia, para que nos pareza maina, serena, esa que nos leva a abismarnos sobre a morte primeira, a que se decide, cando o suicidio eran cadenetas de margaridas, pensamentos atravesados polo gurgullo do leite. Cando todo se esgaza a septicemia esténdese.

O que se amosa, o que se agocha, “as palabras tan gastadas/pero que algunha vez dixeron iso que dicían”.

Ela, escritura de salitre, tempo “no que as palabras eran en por si incandescentes”. Reivindicación adánica con Mallarmé.

Porque Ela é

incapaz de minorar

o manancial de tinta

que circula do pulso aos ollos

mais esqueces

a feitura das letras

a ortografía

Cando as palabras veñen á boca, o estalido, demorarse no estalido. Palabras que sen papel nin tinta arman un devocionario. A palabra que sanda nun tempo

no que un punto de purpurina abondaba para iluminalo todo

Cando escribín esta presentación sabía que pouco podía falarlles desta lata de tesouros, moi pouca luz se pode botar sobre os obxectos que contén, que esixen fascinio e observación de entomóloga a partes iguais.

Saben? Eu recomendaríalles que se perdan neste libro, abran calaquera páxina, recuperen con el, papel pautado, caligrafías tortas, amigos que se perderon para sempre, complicidades que siguen queimando, as primeiras veces.

Di Olalla ao final do poemario que éste é o libro dos amigos, eu son afortunada por estar nel, e nesa calidade me sento hoxe onda ela, para falarlles de retallos de infancias xémeas a km. de distancia.

Ela escribe e eu leo:

Poesía foi o grao da sarabia que chegou ata acó

mancando nun zapato

un poema foi descalzarse e subir rúa arriba

feridos de morte polo cuarto crecente

Advertisements

1 comentario so far
Deixar un comentario

Grazas por compartir as verbas que nos fixeron tremer na túa voz aquel venres enfariñado.

Comentario por Emilio




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s