O mellor é inimigo do bo.
Voltaire
Sempre roldando o asunto da perfección. E o vencello co control e a obsesión. Que é a perfección? Existe? Como xorde o concepto? E penso na Grecia Clásica. Nas proporcións. É un horizonte? Unha guía? Unha aspiración? Un obxectivo?
Leo sobre o perfeccionismo: ideal, todo ou nada, xenes, supervivencia. Eu engadiría disciplina, insatisfacción e necesidade.
O absoluto a rentes.
Pode que regresase a isto despois de ver a conversa de Fritz Lang e Jean-Luc Godard. No primeiro visionado non pasaba inadvertido para min o teatral dalgúns momentos, a precisión e exactitude dalgunhas respostas. A naturalidade e a perfección.
No epílogo escoito as palabras de Howard Vernon que fala da exhaustiva preparación de Lang para a conversa, coma se dun filme se tratase. Río para min. Algo asi de impecábel só se consigue aspirando á perfección. A coquetería coa que prende o cigarro é natural, a forma exacta na que acende o chisqueiro é rito. Fico admirada. Non só polo contido brillante da conversa, senón pola presenza destes dous xenios.
Pero a presenza tamén se constrúe. Igual que acontece coa naturalidade.
Miro unha e outra vez as tomas falsas do epílogo. Aplaudo.
A estas alturas debe ser obvio que son das que pensa que a improvisación só é digno froito do ensaio mil e unha veces repetido. Demoraríame aquí no que é a naturalidade, o teatro, a escea, a sobreactuación, a espontaneidade. Quizáis noutro post.
É a procura da perfección inevitábel? É un don ou unha desgraza? Digna de admiración ou de lástima?
Pouco importa.
A perfección é o que ilumina algunhas mentes, levándoas a perseguir o mellor, a ser mellores.
Deixar un comentario so far
Deixar un comentario