Sucos: blog de Dores Tembrás


Poesía no IES Poeta Díaz Castro
22/05/2013, 09:36
Filed under: Lingua, Literatura, Obradoiros, poesia, Pouso

Foi hai semanas que me acheguei ao IES Poeta Díaz Castro. Levaba dous obradoiros. Poesía + Grafiti e Entre palabras. Dous grupos de distintas idades, a mesma entrega.

Xa o teño dito. Cando vou aos institutos sempre a incógnita, a incertidume. Non ten porque sair ben. Non teñen porque aceptar a tregua, a suspensión da realidade máis inmediata que esixe o noso encontro. Son unha estrana, só saben de min que escribo.

E sempre as palabras, a descuberta deliciosa da relación intransferíbel que manteñen coas palabras. Volveu sair a palabra nai, como no CEIP Elviña, e pai, e avoa, mapa, fútbol, natación, bar, e moitas outras que cristalizaron nalgúns dos textos que deixo a seguir. Paga a pena lelos. Hai verdade neles.

Foi un pracer ir a Guitiriz, coñecer o traballo intenso do equipo docente, e aos rapaces que saben ben o que é a terra.

Agradecida por un foro que sen saber o que o agardaba entrou comigo en suspensión.

O ARCO
Cando eu era pequeno,
meu avó sempre me facía
un arco de xoguete,
cun pau e unha corda.
Eu sempre lle pedía
que lles puxese punta ás frechas,
pero non podía ser,
podía mancar a alguén.

PESCA (Óscar Novo)
lembranzas do meu avó,
que xa non está.
Tirabamos a cana dende a beira
ficaban nun espeto e,
mentres,
contabamos historias antigas. p

O INSTITUTO (Nuria Losada)
Para moitos unha experiencia enriquecedora e inolvidable,
para min, unha experiencia que me mataba día a día.
Aquí non sirvo para nada,
volven de vez en cando as ganas de cortar as veas,
pero intento ocultalas e ser feliz,
que as miñas amigas non me vexan sufrir.
Agora, grazas a esas amistades son máis feliz.

ESCALEIRAS (Marta Rocha)
Os colchóns polas barandas,
as almofadas tamén,
e nós enriba delas…
era o mellor.

O BAR (Rocío García)
Recordos de persoas ausentes
non lugar onde a xente o pasa ben.
Bágoas que lembrar
de feitos ocorridos..
Xente que un día marchou
para nunca voltar
para nunca bicar nin abrazar…

BAILAR (Fernanda Mera)
Bailo porque me gusta,
sinto cada paso…
móvome recordando os teus un-dous-tres.
Bailo sen saber que tes algo que ver.

CAMPOS (Sabela Salgueiro)
Ese día de xogos
cando os campos
eran nosos.
As estacións pasando sobre el…
Aqueles tempos sen hora.

MANOLO (Tania Campello)
Faciamos cancións co seu nome
moi graciosas e divinas.
Manolo era máis ca un socorrista.

LAREIRA (Noemi Carro)
Historias de viaxe,
anécdotas,
as túas parvadas…
pero agora non estás.

PEQUENA (Esther)
27 de marzo de 1999.
bebé abandoada
na parada de autobús,
soa, famenta, triste…e
unha pregunta: por que?

Cun ano de vida,
nun hospital,
entre a vida e a morte…e
unha pregunta: por que?

20 de agosto de 2003
unha sorpresa,
un amor que chega
ao seu corazón:
unha familia nova.
Flores brancas,
peluche branca, amor vermello e,
unha pregunta: por que?

ACORDEÓN (Margarita Vidal)
Era a maneira
que tiñas
para facer que todo o mundo
sorrise.

CARAMELOS (Laura Pena)
Sempre agardaba na porta
con caramelos para nós…
sempre buscando o momento
para o xogo
ata o solpor.
Antes non pensaba…
agora desexaría que volveses,
cos teus caramelos, tan ricos,
cos teus abrazos, tan bonitos.

ALDEA (Eva Fernández)
Saír correr ata cansar
sen saber onde vas parar.
Subirme a aquela árbore,
construír ese refuxio,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.
A miña aldea é única,
non hai outra igual,
ole a liberdade
a herba que vou pisar.
Xogar cos animais,
aprender a facer un buxo,
todo é posible
na aldea que eu debuxo.

CASA (Jonathan)
O noso mellor xoguete,
o mellor lugar para rir…
nunca poderei repetir
aqueles días
nos que te deixamos ir.

AVÓS (Jesús Roca)
Canto desexaba as fins de semana na aldea dos meus avós,
todo o día xogando entre as vacas, os cans e os cabalos.
Eses días fermosos nos que todo ía ben e que agora se esgotaron…
os meus soños, xa medraron.

GALLETAS (Laura Lobeiras)
Galletas, galletas,
galletiñas da avoa,
galletiñas que deixaches
aquel 14 de febreiro:
galletas de amor,
galletas de despedida.

MÚSICA (Adrián Fariñas)
Sabendo que é a miña vida
Música e Música
é vida…
Sabendo que é de verdade
o amor que lle dou a un caderno
cando en branco está.

MAPA (Paula Paderne)
a Exipto quero ir…
momias, pirámides…
Un calafrío
percorre o meu interior
cando miro o MAPA.

Advertisements

2 Comentarios so far
Deixar un comentario

que gusto, Dores, ler esto dos rapaces.
e tí, servir de veículo para que a palabra agrome. parabéns, tes un don.

Comentario por zeltia

Zeltia sempre tan xenerosa!! Aperta grande

Comentario por dorestembras




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s