Tan lindo, tan lindo!!
Menudo recibimento me agardaba no CEIP de Prácticas da Coruña. Unha parede chea dos versos do peizoque, e os debuxos dos animais, e Roque e tódolos seus irmanciños coloreados sobre un niño…
Nas aulas tamén pendurados os traballos do peizoque. E fomos todos á biblioteca grande, onde me agardaba máis dunha sorpresa. Despois de contar o conto, e que os pequenos e pequenas participasen dándolle de comer a Roque, fixéronme unha chea de preguntas interesándose por se estaba a escribir máis libros de Roque e os irmáns, e como se chamaban estes, e que onde estaba o pai… Menudo apreto!
Os pequenos agasalláronme cunha cesta chea de galletas espectaculares coas ilustracións de X. Tomás e chocolates de Praliné “para comer tu y tu familia”.
Pero non só iso, tamén me sorprenderon cun broche marabilloso, para poder levar sempre a Roque na lapela. Foi emocionante!
Rematamos todos con tatoo de peizoque.
Inesquecíbel o encontro, o entusiasmo, o bon facer para que as nenas e nenos nos recibisen a esta familia de paporroibos e a min con tanta ilusión!!
Unha aperta grande para toda a niñada de peizoques que deixei no CEIP de Prácticas!
Deixar un comentario so far
Deixar un comentario