O convite que chega onda min en forma de honra. Pode que voltar ano tras ano sexa o modo de despedirme da adolescente que fun. A presentación máis xenerosa, as fotos, os ollos que me miran igual que cando tiña 15. A copia do expediente que me agardaba como agasallo, a insignia.
O grupo de rapazas e rapaces cos que traballarei durante case dúas horas e que me achegarán as súas palabras con maior ou menor risco. Eles nin sospeitan aqueles anos de lecturas e traballos, de ilusión, de mestres definitivos.
Unha das formas que máis me manca é a apatía, e certo desleixo nas formas da rapazada. Pode que contra iso non teñamos moitos recursos. Pero. Pero. Nesa sesión unha palabra que se repite: nai. E eu agradézoa como se fora a primeira vez que a escoito. Pero houbo moitas outras, palabras pequenas, acubillos, verdade.
Míroos, e penso que podo contarlles, que anzois podo botar. Do grafiti á pintura rupestre. O amor, o amor, sempre no ar dos institutos. Pero o certo é que eles saben moito do acontecer poético. E aquí me deixan unha brazada de palabras onde rememorar o que si e o que non daquela mañá no Elviña.
Sempre agradecida, tantos anos despois: Pepa, Lois, Charo, para non esquecer o camiño de regreso.
2 Comentarios so far
Deixar un comentario
Nai, lonxe, pomba… e outras palabras que seguen xurdindo cada día despois de que ti plantaras a semente entre os mociños e mociñas que gozaron do teu entusiasmo. Grazas outra vez, Dores
Comentario por Lois 02/05/2013 @ 17:27Non esquezo algunhas palabras desta edición do grafiti en Elviña. Encantada de ter ido!
Comentario por dorestembras 02/05/2013 @ 17:38