Onte publicaron na versión en papel do semanario Sermos Galiza un artigo meu. Aquí queda:
A trampa
Debeu ser iso o que me seduciu. Descubrir que se trataba dunha trampa. Que baixo a emoción e o pracer que provocaban determinadas obras literarias se agochaba o artefacto. Internarme, durante anos, descubrir as poleas, a exactitude do mecanismo. Pode que só despois, caese rendida ante o axexo obstinado, a demora na esculca indiscreta, a urxencia do sen sen alento poético.
Como escritora confórmome con merodear a palabra, todo vale na procura do encontro. Penso se o esforzo por acceder ás lindes da linguaxe, non insiste nesa necesidade de precisión para que aconteza o milagre comunicativo, a comuñón. Falo de comuñón cando escritor e lector beben da mesma man en cunca, non a mesma auga, iso é imposíbel. Sabémolo. Conformámonos.
Como non precipitarse na tentativa de diseccionar a complexidade da trampa? O fascinio primeiro e traidor. Regresan as palabras de Octavio Paz sobre as técnicas do poema. Si, pode que nazan e morran con cada texto. Pero, como el di, pensar que a literatura se reduce a iso sería torpe. Daquela? Daquela a carón do artefacto o MISTERIO. Iso indicíbel que fai que o poema sexa implacábel, que nos acurrale, que nos venza.
Pero o misterio non consinte disección, só admiradores perplexos.
Anos despois creo que o que determina o “éxito” do poema é xusto aquilo sobre o que o escritor carece de control, por moi despiadado que sexa o noso intento de aprehender o misterio, iso inefábel é, precisamente, o que marca a diferenza entre calquera texto e O Poema.
Deixar un comentario so far
Deixar un comentario