Sucos: blog de Dores Tembrás


Paris II: Alejandra e o demais
16/12/2012, 22:32
Filed under: Literatura, viaxe

herbin-ink-027

I Congreso Internacional Alejandra Pizarnik: Balances y Perspectivas. A expectación que se colma. O traballo que se comparte. Un auditorio, especializado, atentísimo, que recita de memoria, a un tempo, os versos que analizo. Un luxo. A Maison de la Recherche da Sorbonne, en Serpente 28.

Pode que este último mes de regreso sobre a tese, pode os clips enferruxados. A tensión no esterno. Pero eran elas, sobre todo elas, as fontes vivas da miña bibliografía, que me preguntaban interesadas sobre o espazo do poema.

Elas, as primeiras, celebrando o fascinio. Coido que no fondo, era iso o que nos convocaba, o que nos re-unía.

Impecábel a organización, a calidez.

Extraviarme por Paris a primeira mañá de congreso: Je suis perdu. A miña cara de desamparo (as novas palabras que me atordan/das que me agocho) ante aquel home encantador que por fin me fala en inglés e me da as coordenadas exactas.O extravío, falei outras veces del, pero nesta ocasión era distinto, porque a miña puntualidade, porque pensei en Alejandra (ou a Maga de Cortázar) extraviada por aquelas mesmas rúas había tanto.

Camiñar Paris na mañá. Por fin o frío, que acode á cita, que me leva da man dende o hotel. Os abrigos de pano ondeando nas rúas (Aquí os homes poñen máis abrigo, non che parece? O pano negro, gris, xaspeado. A elegancia das lapelas subidas)

Pero os escaparates que me rinden, e son carapuchiña escollendo os papeis de seda máis lindos, as tintas de Herbin imposíbeis. Rouge opéra, Gris nuage.

Bulangerie que me axexas dende a esquina, coas luces de nadal xa prendidas, os brioche chamando por min, o recendo da fariña e a manteiga. PARIS era iso.

Non hai cadernos abondo para encher a maleta, nin lapiciños sacados de papelerías antigas. O acicate do regreso.

E na noite, les champs, que acendes para min. A estación de metro. Desandamos camiño para chegar a Le refuge du passe, onde a palabra e a boa mesa. E si, si, o cicerone máis elocuente que sementa historia en cada paso ata a porta do hotel. Merci Eric.

Corren os días, e agora na noite, matinaba que moi ao contrario de esvaecerse, a memoria de Paris vaise fixando neste carbon copy só para que, dentro de moito, sexas ti quen regrese a pola carapuchiña extraviada.

Advertisements

Deixar un comentario so far
Deixar un comentario



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s