Levo así semanas. A ponencia para Paris. Había de regresar á estantería Pizarnik, unha ducia de arquivadores A-Z e andeis de libros compoñen o meu universo poético sobre a arxentina. Alí todo o traballo para a tese. Daquela, pánico a que lle pasara algo ao meu arquivo, pensaba, poden rir, nunha caixa forte, nun lugar no que nin a auga, nin o lume. Pánico a que anos de traballo, a que aquelas fotocopias chegadas de tódalas partes do mundo, se esvaeceran. Penso naquilo e véxome algo máis nova, as horas na cadeira, fisioterapia para a boneca, o abafo máis inexplicábel, a empatía máis fonda. E non era unha moza tan impresionábel ou si?
Regreso dende hai semanas a este arquivo. Os apuntamentos nas marxes, as frechas, os suliñados, as distintas tintas que marcan épocas tamén distintas, ningún debuxo. A caligrafía máis coidada. Centos de fichas en cartóns raiados. O método. A reverencia máis rigorosa polo método, ata a obsesión. Descubrir que a obsesión é o que nos salva.
Todo, todo para chegar ao volume azulnoite de capas duras, cosido por un artesán en Santiago, as letras douradas: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro.
Volvín ao arquivo unha tarde deste novembro e tódolos clips enferruxados. Despois de case cinco anos pensei que non pasaría absolutamente nada se todo o andel desaparecera. Lembrei aquela teima da caixa forte. Rin. Sentín algo de lástima por aquela investigadora exhausta nos derradeiros meses.
Ferruxe nos ósos. Pero de súpeto un papeliño, unha fosforescencia que se desprende dalgún dos arquivadores, e un verso, a rapaza de cabelo longo con 20 anos reaparece, enérxica, acompáñaa un vendaval, a conmoción intacta da hora en que lin a Pizarnik por vez primeira. Cando non sabía da fondura do pozo, da espreita esgotadora na palabra.
Cada paso.
Destino: PARIS.
4 Comentarios so far
Deixar un comentario
muy hermoso “homenaje”. Evocador y emocionante. Gracias. Y me impresiona esa muchacha de 20 años encontrándose con la otra, tan terrible y magnifica.
Comentario por karlotti 14/11/2012 @ 22:53Karlotti sempre tan agradecida polas túas palabras. Aperta grande!!
Comentario por dorestembras 14/11/2012 @ 23:10Testemuña do coñecemento primeiro. Orgullosa de saber cando o primeiro impacto. Nena de pelo longo:)
Comentario por abm 15/11/2012 @ 22:13Alí estabamos. Nos-outras. :D
Comentario por dorestembras 16/11/2012 @ 09:37