Sucos: blog de Dores Tembrás


De amizade e morte
28/06/2012, 20:30
Filed under: artigo, creación, pensamento

Non é só porque volva ao Patrimonio de Roth estes días.

Sempre no verán, ese calor húmido que multiplica o frío do cuarto. Estío. En acumulación memoria. A primeira vez, aos doce anos, e o po quente do chan, e as miradas todas sobre a nena. E o frío. Despois virían máis, pero aquel, aquel foi o primeiro encontro, a morte do avó, os óculos grosos. Non sei se algunha vez ata entón vira tanta xente. Nunca antes a morte. Sei que as homenaxes deben facerse en vida, pode que as palabras ante a lápida non sirvan de nada, pero alí, coas flores nas mans, sentín a potencia de quen congrega na despedida. Non esquezo as persoas que me viñeron agredecer as accións do home discreto e enfermo que cheguei a coñecer. O frescor dos lirios e as rosas. Misterio memoria.

Hai mortes que son coma o martelo da forxa, e outras liviáns coma a caída do marmelo picado. Todas inexplicabéis. Imposíbel medir algunhas ausencias.

Unha década máis tarde, recén licenciada, coa promesa nas xemas dos dedos, vivín outra perda. Un grande amigo de meu pai. Penso na amizade que os unía e envásoa ao baleiro na memoria.

Outra década despois sigo a pensar naquel acordo que eles dous facían parecer tan simple coma sagrado, indicíbel: velaiquí estou, conta comigo, non me irei ata o último alento. Deixo o que son nas túas mans.

O aprecio, o afecto, o amor, tamén se aprende dende fóra. Contaxia. Faise extensivo aos que te rodean. Síntome agradecida por acceder a aquela complicidade única, memorábel.

Confeso que envexo a profundidade, a conexión daquel encontro de dous homes sinxelos, intelixentes, que compartían humor e o gusto por un viño baixo a parra. Míroos agora, na memoria, advírtoos en momentos de apuro, e tamén de celebración. Ao mellor meu pai non sabe que con aquela súa viaxe a Madrid (pénsoo no coche, ao ir, ao vir, apertando a mandíbula), cando todo estaba perdido, para a despedida, herdábame o modelo de compromiso dunha amizade verdadeira. Extraordinaria e rara coma un paxaro por catalogar.

Fabulo a despedida.

Este verán outras perdas, as propias e as dos amigos queridos, que tamén se fan propias. Acucian as palabras que non se din, que se gardan por covardía, por pudor.

Dixenllo hai días a meu pai. Viñamos doutro enterro, o mesmo calor: El soubo quererte no que es, no que mereces. Sen condición, nin límite.

Que os meus fillos podan dicirme iso algún día.

Advertisements

3 Comentarios so far
Deixar un comentario

Tempos
escasa escrita
palabra empeñada
lealdade
ata a morte

Patrimonio
que herdarás

Comentario por José

Síntoo, Dores.

Comentario por maría rodríguez

Gracias María.

Comentario por dorestembras




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s