Sucos: blog de Dores Tembrás


De primeiros libros ou da adicción ao pasado
05/12/2011, 10:34
Filed under: Literatura, petit trèsor

As adiccións. Eu son das que alimenta as adiccións. Pode que a trampa,  que o mecanismo que evoca o pasado antes de convertirse en letra sexa a premisa. Acodo sempre aos obxectos, son eles os que conducen a lembranza, rememoro e se podo, procuro ata dar coa materia. Ademáis das cartillas do meu silabario que están gravadas a ferro, o meu primeiro libro definitivo foi: El libro de Borja y Pancete. Un libro marelo cheo de osos laranxa. Era o libro de texto de 1º de EXB. Hoxe extraviado. Non me resigno a crer que está perdido, periódicamente vou ao faiado na súa busca, e voltarei antes do que penso.

Neste afán recuperador (pasa o mesmo cos xoguetes) compartido con moitos da xeración dos 80, quixen mercalo de segunda man. Imposíbel. Moitos outros adictos andaban na mesma procura. E así din con algún post semellante a este, e cun foro de fanáticos que falaba do libro, da infancia, do fascinio. Ler os seus comentarios así, un pouco dende fóra, deume algo de respeto, fíxome miralos de esguello.

Eu, eu tamén pertenzo a esta comunidade? Pois moito me temo que si.

ANAYA volveu reeditar o libro este ano, con outra capa, claro.

[Isto levoume a pensar en que hai libros eternos, tamén para os pequenos, eu conservo algúns. Pensei tamén na responsabilidade dos autores e autoras dos libros de texto, da literatura infantil (ecoando algún comentario dos ponentes das I Xornadas de Literatura e Ensino ” A literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo“). Eles darán forma ás nosas lembranzas. Pensei en que eu non sabería dicir os nomes dos autores e ilustradores de Borja y Pancete, pero que sempre lembraría o título. Esa é a trascendencia á que aspiro, non importa demasiado que o autor desapareza en favor da obra. Pero hoxe a necesidade de recoñecer ese traballo lévame á última páxina do libro onde aparecen: Emma Lorenzo, Antonio Basanta, Luis Vázquez como escritores e Arcadio Lobato e Paz Rodero coma debuxantes.]

Encarguei a reedición. Veño de recollela na librería. Digamos daquela, para axustarnos á realidade, que o encontro co obxecto foi algo decepcionante. E na urxencia por sentirme nena de 6 anos pasei as páxinas na procura das ilustracións, da sensación máxica ao ler silabeando por vez primeira, de ter a capacidade de descifrar os signos. Na procura da historia sinxela e universal de Borja e o seu oso, na procura por estar naquel pupitre verde lendo con Dona Linucha, mentres ventaba fóra.

Nin iso foi abondo, pode que os adictos sempre desexemos máis. Pode que só nos conformemos con experimentar de forma idéntica unha e outra vez. Pero, no fondo, eu sabía que aquilo non podía ser.

Teño a esperanza de atopar o meu exemplar, gastado, coas beiras das páxinas viradas, co meu nome na primeira folla. Ha de ser ese obxecto e non unha réplica calquera.

Ao mellor daquela si, daquela pode que a potencia da dose sacie finalmente.

Ata a seguinte vez.

Advertisements

9 Comentarios so far
Deixar un comentario

Eu tiven o mesmo libro e o teu post tróuxomo á memoria. Si, eu lembro eses primeiros libros de texto con moito cariño. Lembro sobre todo as ilustracións, algunhas delas gravadas a ferro como o teu silabario. Libros da infancia, tamén os de lectura, que me evocan sensacións: a curiosidade, a angustia, o descoñecido, a oscuridade,a soidade, a mágoa…É curioso como moitas destas emocións son negativas, pero nunha negatividade necesaria, como a dos contos tráxicos tradicionais (alguén ten que morrer, o dano existe, apréndenos a ser precavidas).
Tamén buscarei no rocho, a ver que atopo:)

Comentario por abm

Fermosa evocación, Dores! Oxalá acabes atopando o teu libro tótem :)

Comentario por Armando Requeixo

Que casualidade ler esto precisamente hoxe! Andando na procura duns papeis, andiven remexendo nunha das caixas onde teño gardadas cartas e postais que tiven a sortede recibir da xente que eu quixen e quero. Cantos recordos! Que nostalxia! Esas postais túas, Dores, feitas por ti, con esa letra inconfundíbel, e algunhas con poemas que xa tes publicados. Outros penso que inéditos. Atopeime con aquelas cartas tan queridas que nos enviabamos a miña curmá máis eu, esas cartas escritas polos lados, con comentarios do que unha facía nese momento, escritas en calquera lado e en calquera papel: unha servilleta, un mesmo sobre dentro doutro sobre, todo valía. Era o instante retratado. E postais enviadas con tanto gusto e agarimo dende Dublín, cartas de paixón enviadas a Irlanda ..Que flashback!

Relendo algunhas cartas sentinme tan afortunada, tan absolutamente querida (e esto dixéchesmo ti, Dores, moitas veces). E hoxe, sentino tan profundamente que non podo deixar de dicilo. Grazas a todos por quererme, por terme querido. Grazas por FASCINARME, por encherme coas palabras, por aprender unha nova verba, grazas, grazas e grazas.

E tamén comparto con vós ese fascinio (fermosa palabra, aprendo moito léndovos a todos) polos libros de texto. Eu teño un montón. Para min son un tesouro. Eu podo desfacerme de cousas, pero os libros, os libros foron e son a miña vida, retratan o que vivín, o que lin, que fun e que son en definitiva. Que tiren con todo o da miña habitación! Pero os libros nunca, as palabras escritas pola xente amada nunca. Non sei como explicalo, pero elas, as verbas, gardan unha forza, un sentimento inmenso do que me sinto atada, para sempre. Amo cada un dos libros que teño, os moitísimos apuntamentos que gardo, as postais que chegaron a casa enviadas por min de cada viaxe, os folletos de exposicións, todo, todas as palabras que fixeron construirme, encontrar a forma de comunicar cada unha das múltiples e complexas emocións que experimentei na vida, cada unha das palabras que conseguen que o pensamento dea forma ao FASCINIO que sinto en determinados intres fondamente no corazón … E ‘de aquí á eternidade’…

Comentario por maria rodriguez

María, que fermosas palabras sobre os libros!!! Agradecidísima por compartilas aquí con nós :)

Comentario por dorestembras

A edición actual ten as ilustracións de fai anos?? Levo tanto tempo buscando o das tapas amarelas que agora a miña ilusión sería atopar as mesmas ilustracións na reedición?? saúdos!

Comentario por Vanesa

Vanesa, si que as ten!! Eliminaron as capas marelas, pero conservaron o interior case idéntico. Unha aperta

Comentario por dorestembras

Xenial!! que alegría levo!! Estou deseando lelo co meu peque de 5 anos!!saúdos!

Comentario por Vanesa

Levo moitos anos tras del…aínda nada…sei que ten que estar por algures…Onte, quedei cunha amiga para tomar un café, sorpresa a miña cando sacou un paquete, regalo retardado polo meu cumple…cando abrín mirei a parte de detrás, pensei que era unha coña porque parecía unha libreta de exercicios veraniegos, ó mira-la portada dinme de conta, era a nova edición…sorrín, pero ó abrilo e ver que era case igual(excepto polo fondo amarelo) non puiden evitalo e chorei…nin eu era consciente do que ese libro significa para min…
Aínda así, seguirei a miña búsqueda…polas tapas, polas follas gastadas, polas cousas escritas por min e a miña irmá por todo o libro, penso que ese libro ten que ter unha enerxía especial que lle entregamos ós 6 anos. Mentres, tratarei de facer que este sexa especial tamén para os meus sobris, r polo tanto, crear recordos novos para min e para eles. Espero que chegues a atopalo. Un saúdo.

Comentario por Rubén

Oh!! Que ledicia ver que non son a única á que marcou ese libro. A nova edición non é a vella, pero polo menos podemos mirar as ilustracións e recuperar os textos. Unha aperta!!!

Comentario por dorestembras




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s